Esquerda Unida aposta por AGE para as europeas e as municipais

Yolanda Díaz diríxese ao plenario da asemblea CC-BY-NC-SA Esquerda Unida

"Nós xa fixemos ese debate e témolo claro, agora son o resto de forzas políticas que están en AGE as que teñen que decidir se o queren facer". Yolanda Díaz, coordinadora nacional de Esquerda Unida reelixida este sábado no seu cargo na Asemblea Nacional da formación, sintetiza deste xeito súa aposta por que o proxecto de Alternativa Galega de Esquerda continúe "fortalecéndose" e non cinga o seu ámbito de actuación só ao Parlamento de Galicia, senón tamén á Eurocámara e aos concellos, que renovarán a súa composición en 2014 e 2015, respectivamente.

"Non só depende de nós, tamén dos compañeiros de viaxe", admite a tamén vicevoceira de Alternativa na Cámara galega, que na cita asemblear de Esquerda Unida enfatizou ante a súa militancia que nos pasados comicios autonómicos "máis de 200.000 galegos e galegas dixeron si a unha esquerda transformadora e global chamada Alternativa Galega de Esquerda". As verbas de Díaz viñan sustentar o contido nos documentos políticos a debate, nos que AGE é situada como "o comezo dunha realidade do que poden expresar as dinámicas unitarias e plurais" e tamén como "unha obra aberta, en construción" que pode ser "esperanza da xente traballadora deste país para poñer en valor un traballo partillado a prol da maioría social".

Díaz: "Nós xa fixemos ese debate e témolo claro, agora son o resto de forzas que están en AGE as que teñen que decidir"

Neste contexto, Esquerda Unida coida que ten diante de si un reto que "demanda renunciar ao sectarismo e á tentación patrimonializadora para darlle máis forza á radicalidade política e culutral da que somos, entre outros, portadores", explican nas súas teses. Nun sentido semellante expresábase tamén este sábado ante a mesma asemblea o coordenador federal de Izquierda Unida, Cayo Lara, quen non só confía na continuidade de AGE en Galicia, senón que tamén confía en que este mesmo modelo de alianza con outras forzas políticas se "estenda por outros territorios do Estado español".

"O ataque á democracia, á clase traballadora e á maioría social é global" e por iso "a defensa ten que ser global", argumenta Lara, quen, en presenza de Xosé Manuel Beiras, que seguíu a sesión inaugural do congreso como convidado no nome de Anova, reivindicou a súa puñada no taboleiro do escano de Alberto Núñez Feijóo como un "xesto de reivindicación ética da política". "Non é posible que poida haber política se ademais da intelixencia esta non sae do corazón e dos sentimentos", afirma.

Beiras ve en AGE "un antes e un despois"

Beiras ve en AGE unha "fronte ampla e popular para combater a barbarie"

As gabanzas a AGE chegaron tamén por boca do propio Beiras. O voceiro da coalición na Cámara sitúa a alianza con Esquerda Unida e outras forzas como un "antes e un despois", unha "fronte ampla popular para combater a barbarie do gran poder", do "capital financeiro" e tamén dos "bonecos de ventrílocuo que, simplemente, executan as súas consignas, traizoando os cidadáns". Neste grupo sitúa precisamente Beiras ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, un "enarca narco presidente", define.

Aínda que sen pronunciarse sobre unha eventual continuidade de Alternativa noutros procesos electorais, Beiras coida que AGE xa ten o valor de que "dous centros de gravidade, a cuestión nacional e a cuestión de clase", tiveron "un peso específico" para "combater esta fase de caos" do "sistema mal nacido da segunda restauración borbónica". AGE, di, serve para "encamiñar a rebelión cívica que protagoniza a cidadanía" e para que esta "non remate nun caos".

Beiras conversa con Cayo Lara CC-BY-NC-SA Esquerda Unida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.