Esquerda Unida: Do 'Que facer?' ao 'Como facelo?'

Faixa de Esquerda Unida © Susete

Se houbese que resumir nunha soa idea a Asemblea Nacional que Esquerda Unida celebrará este sábado en Compostela, esta ben podería ser que a formación ten claro o que hai que facer: aglutinar "a maioría social agredida", ofrecer unha saída alternativa para a crise, traballar de xeito cooperativo con outras forzas políticas e movementos sociais... pero ten que debater como facelo, con que estratexias e con que estrutura organizativa. "Como organizar a rebelión", botando man dun dos lemas desta Asemblea, a novena na súa historia e a bo seguro a máis importante, tanto pola situación de emerxencia social, coma polo crecemento experimentado por EU nos últimos anos en Galicia. Do Que facer? ao Como facelo?

A Asemblea comezará ás dez da mañá e desenvolverarse ao longo de todo o día na Facultade de Matemáticas da USC. Debateranse e aprobaranse varios documentos (político, organizativo, económico, carta financeira e Estatutos) que levan sendo discutidos varias semanas nas asembleas locais e comarcais da formación, que achegaron máis de 400 emendas. Tamén se elixirá un novo Consello Político Nacional, máximo órgano entre asembleas, e o coordinador ou coordinadora nacional de EU, que continuará sendo Yolanda Díaz. Non será este o núcleo dun encontro no que tanto os sectores máis achegados ao PCG coma outros doutras formacións ou independentes comparten o groso da proposta ideolóxica e estratéxica.

A Asemblea aprobará algunhas fórmulas novas para un mellor contacto cos sectores e activistas próximos, coma a figura do simpatizante. E tamén será interesante a aprobación dunha proposta sobre a cuestión nacional, que reafirmará a aposta de Esquerda Unida "polo dereito de autodeterminación dos pobos para construírmos de xeito partillado unha República Federal Plurinacional e Solidaria". De igual xeito a Asemblea pecharase cunha moción que salientará a aposta polo fortalecemento de AGE. De feito, Anova, Espazo Ecosocialista e Equo ocuparán un lugar preferente entre os colectivos convidados á AN, entre os que se atopan os sindicatos de clase galegos, organizacións ecoloxistas, entidades sociais e culturais e varias delegacións internacionais, encabezadas por Cuba, Venezuela e o Sahara.

A Asemblea pecharase cunha moción que salientará a aposta polo fortalecemento de AGE

Ademais das propostas económicas que se debaterán na asemblea, destaca tamén o amplo relatorio dedicado á radicalidade democrática, a "outra forma de facer política (horizontal e ética) e nunha axioloxía de valores alternativa". EU quere facer explicita nesta asemblea a aposta pola creación dunha "fronte popular" en Galicia, dun novo "suxeito político" que amplíe a colaboración que supuxo a creación da Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e que supoña "a expresión da pluralidade que conforma a maioría social traballadora deste país". E para iso afirma que "ten que xerar unha sorte de revolución interna na súa praxe para poñela á altura desta estratexia".

 

Organización, organización, organización

Segundo Yolanda Díaz, o obxectivo é "chegar a todos os sectores sociais que están sendo agredidos"

Os dirixentes da coalición de esquerdas son conscientes do bo momento que atravesa EU. A situación de emerxencia social as dificultades que veñen atravesando nos últimos anos PSdeG e BNG e o crecemento que tamén experimenta a formación no conxunto do Estado fan que a súa mensaxe teña máis facilidades para chegar aos seus receptores potenciais. Yolanda Díaz explica que "ao igual que sucedeu do debate a nivel federal a estrela do debate é como organizarnos de aquí en diante e como materializar o que poñemos nos textos: levar á práctica a nosa tese de que hai que organizar a rebeldía, pois existe un forte conflito social presente ou latente en todas as capas da sociedade. A convicción é que temos que afinar na materia organizativa porque somos conscientes de que aí temos eivas". Segundo Yolanda Díaz, o obxectivo é "chegar a todos os sectores sociais que están sendo agredidos".

Da AN debe saír “unha Esquerda Unida útil para a maioría social, convencida da suma e da converxencia, para axudar a construír ese bloque social que lle dispute a hexemonía ao liberalismo no noso país”

Díaz chama a atención neste senso sobre a necesidade de "repolitizar o conflicto social que agora está latente" e, citando a Zizek, chama a "uniformizar os conflitos sociais que na actualidade se expresan de forma individual. A estratexia do neoliberalismo é dividir os conflitos". A conexión con ese descontento social e a súa organización será o principal obxectivo da Asemblea Nacional de EU. “Debemos dirixir o noso discurso a lugares onde até o que agora Esquerda Unida non foi capaz de entrar”, afirma. A coordinadora nacional da formación salienta tres aspectos que deben marcar esa Asemblea: “A nova dirección de Esquerda Unida estará moi renovada e debe ser politicamente forte e estar a pé de rúa”, "a tese politica que sexa debatida con todos os sectores sociais do pais" e "as áreas de traballo abertas a persoas de fóra da organización, que deben ser un pulmón propositivo que permita a conexión con todo o que está pasando nas rúas".

Quérese facer crecer a organizacion en número de militantes e tamén no que respecta aos colectivos e persoas próximas a través da nova figura de "simpatizante"

Esta “asemblea histórica para un momento histórico”, en palabras de Carlos Portomeñe, non debe estar "só centrada en Esquerda Unida” e dela debe saír “unha Esquerda Unida útil para a maioría social, convencida da suma e da converxencia, para axudar a construír ese bloque social que lle dispute a hexemonía ao liberalismo no noso país”. Neste proceso, quérese facer crecer a organizacion en número de militantes e tamén no que respecta aos colectivos e persoas próximas a través da nova figura de "simpatizante". EU tentará aumentar a súa presenza fóra das cidades e comarcas nas que na actualidade está implantada e dirixirá a súa atención cara ás vilas medias e cabeceiras comarcais, e en xeral cara as provincias de Lugo e Ourense, nas que ten menos presenza. Neste obxectivo enmárcanse os actos políticos que tiveron lugar nas pasadas semanas no Barco de Valdeorras ou Vilalba. O outro gran obxectivo é incrementar a presenza e participación das mulleres.

Neste senso, César Santiso, voceiro de Esquerda Unida na Coruña, salienta a "necesidade de crecer" como organización para "dar resposta ás necesidades da cidadanía" e "constituír unha alternativa crible" e que poida levar a cabo dende as institucións "unha política distinta e transformadora". De igual xeito Rubén Pérez, voceiro en Vigo, destaca que EU debe prepararse para ser "unha forza de goberno".

 

Aposta por afortalar AGE

"Soubemos ler que por separado non temos a forza e o coñecemento suficientes para derrotar o leviatán capitalista. Namentras que xuntos podemos erguer unha alternativa de poder"

"EU ten demostrado nestes anos que é unha forza con plena autonomía nas decisións políticas concernentes a Galicia, a propia concreción de AGE é un exemplo palpable", insiste Esquerda Unida, que ve precisamente nesa coalición electoral xunto a Anova, Equo e os ecosocialistas "unha obra aberta e en construción" que "evidenciou as feridas do bipartidismo", un bipartidismo que insiste en censurar para volver insistir na necesidade de sumar máis forzas de esquerdas -excluíndo o PSOE- ao proxecto, en clara alusión ao BNG.

"AGE é unha obra aberta, en construción, a esperanza da xente traballadora deste país para pór en valor un traballo partillado a prol da maioría social traballadora", engade EU

"Soubemos ler que por separado non temos a forza e o coñecemento suficientes para derrotar o leviatán capitalista. Namentras que xuntos podemos erguer unha alternativa de poder para que o traverso da singladura aventurada dun novo proceso constituínte acade o apoio e participación de crecentes segmentos da clase traballadora", insiste EU, que cre que AGE "semella poder ser o xermolo dese suxeito antagonista, plural e transformador". "AGE é unha obra aberta, en construción, a esperanza da xente traballadora deste país para pór en valor un traballo partillado a prol da maioría social traballadora", engade EU, que cre que este reto unitario que propón "demanda renunciar ao sectarismo e á tentación patrimonializadora para darlle máis forza á radicalidade política e cultural" da que din ser "entre outros portadores".

César Santiso salientou a este respecto que as forzas que compoñen AGE “demostramos ser capaces de aparcar as nosas pequenas diferenzas para ser quen de sumar e de conseguir con esa suma un efecto multiplicador ante a cidadanía e crear esperanza. Buscamos ese mínimo común múltiplo que nos une para defender a clase social que está sendo agredida”. Para Santiso, a cidadanía está a mandar "claramente" a mensaxe de que é preciso conformar "unha fronte ampla na que se poidan ver reflectidos e que sirva de espazo de debate e de diálogo. A cidadanía quere outro tipo de politica na que as persoas sexan suxeitos activos". De igual xeito, Rubén Pérez salienta que nos debates que se deron a nivel local e comarcal non se xerou apenas debate ou contestación sobre a aposta de EU polo fortalecemento de AGE, que xerou un consenso xeral.

"EU é EU e Anova é Anova e canto máis fortes sexan cada unha das partes máis forte será o conxunto, pero hai que dar un paso máis. Os nosos votantes estannos pedindo máis"

Na rolda de prensa que o xoves serviu para presentar esta asemblea Díaz e Portomeñe reafirmáronse nesta aposta por AGE: "non facelo sería cometer unha fraude contra máis de 200 mil votantes". E a coordinadora xeral de EU foi especialmente clara neste senso: "EU é EU e Anova é Anova e canto máis fortes sexan cada unha das partes máis forte será o conxunto, pero hai que dar un paso máis. Os nosos votantes estannos pedindo máis, non sería normal que nesta situación o traballo conxunto se limitase ao Parlamento galego. Non nos asustan os debates e as misturas. Uns e outros vimos dunha cultura no que o fundamental é a tese política".

Neste senso, Yolanda Díaz concordou coa crítíca e autocrítica expresada hai uns días por Xosé Manuel Beiras, cando considerou que Anova e EU non estaban "alimentando" suficientemente a AGE. A líder de Esquerda Unida destaca que o proceso se está dando de forma moi acelerada e "todos estamos traballando en moitos espazos distintos", o que incrementa as dificultades. Para Díaz este proceso de construción debe ser realizado "dende a base".

Faixa de Esquerda Unida © Susete
Rolda de prensa de Yolanda Díaz e Carlos Portomeñe CC-BY-SA Praza Pública
Yolanda Díaz, nunha asemblea de IU © Izquierda Unida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.