Esquerda Unida pídelles aos cidadáns que se unan á querela polo 'caso Bárcenas'

Luis Bárcenas © El Diario

Esquerda Unida e os colectivos sociais que presentaron o pasado 28 de febreiro unha querela na Audiencia Nacional polo 'caso Bárcenas' convidan os cidadáns a unírense á acción xudicial contra Luís Bárcenas, Álvaro Lapuerta, Ángel Acebes, Rodrigo Rato, e Federico Trillo e oito dos empresarios que aparecen nos papeis que se atribúen ao ex tesoureiro do PP.

Os querelantes habilitaron a páxina web 'Querela contra Bárcenas' a través da cal os interesados acceden á querela e poden asinar para adherirse ao movemento xurídico

Os querelantes habilitaron a páxina web 'Querela contra Bárcenas' a través da cal os interesados acceden á querela e poden asinar para adherirse ao movemento xurídico. Os novos querelantes poderán ser persoas físicas, colectivos sociais, asociacións e organizacións políticas e sindicais, que apoiarán "todo o dito" no escrito presentado por EU e os demais colectivos.

No escrito de interposición da querela, a acusación argumenta que os demandados poderían ter cometido até un total de once delitos. Ademais, detense particularmente nas posibles infraccións que se puideron cometer en materia de financiamento dos partidos políticos.

Os asinantes asumirán que son "igualmente responsables do contido integro da querela"

Doutra banda, esta iniciativa permitirá apoiar a Esquerda Unida, Ecoloxistas en Acción, a federación Os Verdes e a asociación Justicia y Sociedad ante as ameazas do Partido Popular, que respondeu presentando unha querela por inxurias e calumnias. Os asinantes asumirán que son "igualmente responsables do contido integro da querela". A medida, posta en marcha este luns, responde ao apoio que recibiron EU e os demais querelantes por levar á Audiencia Nacional os 'papeis de Bárcenas' e contra a resposta xudicial do PP.

Luis Bárcenas © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.