"Esta crise é unha máquina de triturar gobernos"

César Calderón © Foro PoliTICs

César Calderón vén de presentar Otro Gobierno (Algón Editores), un libro que analiza as razóns do progresivo afastamento dos cidadáns das propostas dos partidos de esquerda, para a que propón unha nova axenda política. Calderón é consultor (socio-director de Autoritas Consulting) e desenvolve estratexias de Open Government para a construción de administracións máis abertas e nas que os cidadáns poidan participar directamente.

Que é o Open Government? Que vantaxes ten para o cidadán?

O Open Government ou Goberno Aberto é unha puñada cidadá encima da mesa, un berro que di á clase política que aos cidadáns xa non nos basta unicamente con participar nas eleccións cada catro anos, que queremos gobernos transparentes, participativos e colaborativos, e que o TIC xa permiten todo isto a prezos asumibles. Cando falamos de Open Government non falamos só de dereitos ou vantaxes para o cidadán, tamén falamos de obrigacións, como é a de exercer un control permanente sobre a acción dos gobernos, ademais de participar nos procesos que se abran. A transparencia é unha obriga para os gobernos, pero a participación é unha ximnasia cidadá que só se aprende mediante o seu exercicio continuado.

"A transparencia é unha obriga para os gobernos, pero a participación é unha ximnasia cidadá que só se aprende mediante o seu exercicio continuado"

Como valoras a Lei de Transparencia que se acaba de presentar?

Sobre a lei de transparencia, pouca cousa boa se pode dicir; é un proxecto analóxico, triste e sen ambición, e que ademais nace amortizado. Atopámonos cun texto que non só é obxectivamente menos ambicioso que o presentado polo anterior goberno socialista, senón que mesmo é moito máis limitado que o que o propio PP presentou estando na oposición. Resulta doloroso ler que en toda a declaración non podamos atopar nin unha soa vez a palabra internet nin o concepto goberno aberto. Sintomático. Tampouco é de recibo que seguindo as peores tácticas lexislativas actuais, que mesturan churras con merinas e mesmo co can do pastor, a lei nos fale de "transparencia e bo goberno", que son dúas cuestións absolutamente diferentes que debería ocupar espazos propios no noso ordenamento xurídico para evitar confusións tanto na doutrina como entre a cidadanía.

"Sobre a lei de transparencia, pouca cousa boa se pode dicir; é un proxecto analóxico, triste e sen ambición, e que ademais nace amortizado"

Estamos ante unha lei basicamente analóxica, cuxa única conexión coa sociedade rede é, por unha banda, a forma de realizar achegas para a súa mellora (un triste formulario cego) e por outro a mención xenérica dun portal de transparencia. Mal comezo se non queremos que naza amortizada. A pesar de que existe todo un epígrafe dedicado á transparencia activa, non hai na lei nin unha mención á apertura e reutilización de datos das administracións, o xa famoso open data, o que sitúa a lei fóra da realidade dos países máis avanzados da nosa contorna.

É un tempo de crise económica un bo momento para realizar a transición ao Open Government? Os partidos deixan de lado os seus bos propósitos nesta cuestión ao chegar ao goberno?

Creo que a crise non pode ser unha escusa para iniciar este cambio, unha das características máis definitorias do movemento Open é que supón unha redución importante de gastos para os gobernos, e isto non é menor. Sobre os partidos, pois hai de todo, como en botica, temos exemplos excelentes como son o Goberno vasco ou o navarro, que lonxe de esquecerse destas cousas profundaron sobre as mesmas na súa acción de goberno, converténdose en referentes a nivel internacional.

Debe repensarse a administración pública na súa totalidade?

Temos que ser capaces  de repensar o goberno no seu conxunto e adaptalo ás necesidades de hoxe en día. Falamos dun cambio de valores, un cambio cultural e un cambio nas formas de relación como principios inspiradores de todo este proceso, sen eles, por moita tecnoloxía que apliquemos, estaremos no mesmo punto onde nos atopamos.

"Desafortunadamente non hai noticias de Galicia en canto a transparencia, apertura de datos ou Goberno Aberto, o goberno galego nin está nin se lle espera"

Cítase a Euskadi como exemplo positivo nesta materia. Que hai de Galicia?

Euskadi é un dos exemplos máis brillantes a nivel internacional, as súas accións de Open Data e de Participación a través de Open Data Euskadi e sobre todo de Irekia cítanse como exemplos de éxito en todo o mundo, por fin temos un exemplo a seguir tan preto. Desafortunadamente non hai noticias de Galicia en canto a transparencia, apertura de datos ou Goberno Aberto, o goberno galego nin está nin se lle espera, e é unha pena, porque outros gobernos da súa mesma cor política están a comezar a dar pasos interesantes nestas cuestións

Que papel ten Internet e as redes sociais para a política e o movemento sociais neste momento?

Un papel fundamental, hoxe en día un político que non conversa cos cidadáns na rede, non existe.

Os políticos entendérono xa, ou o uso que fan delas segue sendo, sobre todo, ritual?

Desafortunadamente para a maioría é só unha canle máis de mercadotecnia en campaña electoral, a boa noticia é que cada vez máis políticos están a comprender as capacidades da rede para chegar aos cidadáns, e estano tomando máis en serio.

"Preocúpame máis a apertura radical do proceso de toma de decisións que se o final do mesmo se producese mediante unha urna física ou unha virtual"

A cidadanía está preparada para intervir máis activa e directamente no debate e a xestión política, a través de mecanismos de democracia electrónica?

Non creo na democracia electrónica e son moi crítico co voto electrónico. Preocúpame máis a apertura radical do proceso de toma de decisións que se o final do mesmo se producese mediante unha urna física ou unha virtual.

"As solucións nacionais nun esquema de economía globalizada son ineficientes. É necesario dar unha resposta global a estes novos retos"

Necesita a esquerda unha nova axenda?

Sen dúbida, a esquerda necesita unha nova axenda política que a leve a conectar coa cidadanía do século XXI. Durante moitos anos os partidos socialdemócratas europeos viviron comodamente aplicando politicas redistributivas no seu ámbito máis próximo, é dicir, a estado-nación. Iso funcionou relativamente ben até os anos oitenta do pasado século, nos que a globalización da economía mundial e a entrada en xogo de países emerxentes (India, China) como actores económicos rebentaron toda esta construción. As solucións nacionais nun esquema de economía globalizada son ineficientes. É necesario dar unha resposta global a estes novos retos. Xa non basta con apelacións máis ou menos xenéricas á igualdade ou á redistribución, existen novos vectores mediante os cales os cidadáns toman as súas decisións de voto, e os que compoñen o Open Government (transparencia, participación e colaboración) son destes.

"A esquerda necesita abrir os seus procesos de toma de decisións á cidadanía de forma radicalmente horizontal"

O futuro da esquerda pasa por abrirse, pola horizontalidade?

Internet está a acabar con todos os intermediarios sociais tradicionais, desde a prensa até a sociedade civil tal e como a coñeciamos, a esquerda para sobrevivir a esta tormenta perfecta necesita abrir os seus procesos de toma de decisións á cidadanía de forma radicalmente horizontal.

O peor que podería facer o PSOE é confiar no desgaste do PP, animado polos éxitos en Asturias e Andalucía?

Se o PSOE queda a esperar a crecida do Nilo será un fermoso cadáver en pouco tempo. Sen dúbida os resultados en Andalucía e Asturias supuxeron un balón de osíxeno para o PSOE, pero cometerían un grave erro se pensasen que todo está solucionado. Estas eleccións só demostran que o souffle anti-zapatero se desinflou. O PSOE para volver ser un partido hexemónico necesita reinventarse tanto internamente como de cara a unha sociedade que lle esixe maiores cotas de transparencia, participación e horizontalidade. 

"O PSOE para volver ser un partido hexemónico necesita reinventarse tanto internamente como de cara a unha sociedade que lle esixe maiores cotas de transparencia, participación e horizontalidade"

Agora que caeu a hipótese de que a crise era un problema de mala xestión de Zapatero, cara a onde se vai a encamiñar o descontento?

É unha gran pregunta, e creo que a última enquisa do CIS coa baixada de case 9 puntos de intención de voto do PP  xa nos revela algúns datos. Esta crise é unha máquina de triturar gobernos.

César Calderón © Foro PoliTICs
Capa do libro © Algón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.