"Esta Irmandade demostra que o nacionalismo ten un amplo espazo onde traballar xunto"

Xurxo Rodríguez, alcalde de Castrelo de Miño e presidente de IMNG © Concello de Castrelo de Miño

Alcaldes do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Compromiso por Galicia (CxG) e Anova presentaron a semana pasada a Irmandade Municipal Nacionalista e Galeguista (IMNG). A asociación une polo momento rexedores de 18 concellos que en Galicia están gobernados por formacións nacionalistas, pero pretende que sexan moitos máis responsables e ex dirixentes políticos municipais soberanistas os que formen parte dela. Coa intención de ser "unha ferramenta útil para a xestión do día a día" nos concellos, o colectivo abre as portas para aumentar a súa lista de alcaldes, na que aínda non están os de vilas tan importantes como Pontevedra, Allariz ou Carballo. Xurxo Rodríguez, rexedor de Castrelo de Miño e presidente da IMNG, cre que a colaboración demostra que a posibilidade de unidade de acción, cando menos na xestión dos concellos. "Nese ámbito, as coincidencias son practicamente plenas", di.

Como xurdiu a iniciativa?

Os primeiros contactos que houbo entre os distintos alcaldes que formamos parte da Irmandade foron aqueles que remataron cun comunicado por parte de 18 alcaldes e alcaldesas do BNG a raíz dos movementos que se estaban a dar no Bloque. Daquela empezamos a establecer contactos que se foron facendo estables porque vimos que, á marxe de para dar opinión sobre o proceso interno do BNG, vimos que as xuntanzas eran moi útiles para a xestión municipal. Todos intercambiamos opinións e dúbidas ou problemas a nivel municipal. Tendo en conta a experiencia duns e doutros rexedores, conseguimos arranxar moitos problemas ou polo menos saber que camiño non deberiamos tomar nalgunhas cuestións. A raíz disto, a agrupación fose facendo máis estable.

E as escisións dentro do BNG non supuxeron un atranco?

Logo dos acontecementos vividos no BNG, moitos marcharon ou cambiaron de organización, pero incluso, desde fóra, algún alcalde independente que viu o funcionamento que iamos tendo solicitou reunirse connosco e participar no proxecto. Pouco a pouco, a colaboración e as xuntanzas foron collendo xeito e acadaron unha forma estable que rematou coa constitución formal da Irmandade.

"Na Irmandade falamos de xestión municipal; os temas partidarios xa os tratamos cada un nas nosas organizacións"

Pero esas discrepancias internas no Bloque non afectaron á agrupación?

Nós do que falamos é de xestión municipal. Os temas partidarios xa os facemos chegar cada un de nós a cada unha das nosas organizacións, pero a Irmandade é unha asociación municipal para tratar de mellorar a xestión nos concellos.

Á marxe dos obxectivos amplos que se citan no comunicado, cal é o propósito inmdiato da IMNG?

No momento da redacción dos estatutos xa se di que poderá ser membro desta Irmandade calquera alcalde ou concelleiro que realizase ou que estea agora mesmo realizando políticas de goberno desde o ámbito nacionalista ou galeguista. O primeiro obxectivo, xa que logo, é dar a coñecer esta asociación para que todos aqueles rexedores ou concelleiros que queiran e poiden participen nela.

"Non é botar de menos ou de máis a alguén; a Irmandade ten as portas abertas a quen a considere  unha ferramenta útil"

Bótanse en falta os alcaldes de grandes localidades gobernadas polo nacionalismo como Pontevedra, Allariz ou Carballo...

Non é cuestión de botar de menos ou botar de máis. A asociación ten as portas abertas para que cada un, cando queira, poida participar nela se considera que é unha ferramenta oportuna e útil que lle pode axudar na súa xestión municipal. Os que xa formamos parte da Irmandade cremos que nos resulta moi útil para  xestión do día a día e esa é a principal función deste colectivo.

"Na xestión municipal, as coincidencias de BNG, Anova e CxG son practicamente plenas"

A colaboración de alcaldes de BNG, Anova e Compromiso por Galicia demostra que é posible a unidade de acción do nacionalismo?

O que demostra esta Irmandade Municipal é que hai un amplo espazo onde traballar xuntos poñendo por diante todo o que nos une, que é maioritario. Neste caso, e no que se refire á xestión municipal, as coincidencias son practicamente plenas.

 

 

 

Xurxo Rodríguez, alcalde de Castrelo de Miño e presidente de IMNG © Concello de Castrelo de Miño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.