Estados Unidos eloxiou en 2009 que Feijóo tentase afastarse de "Fraga/Franco"

Descrición de Feijóo no cable confidencial sobre as autonómicas de 2009 emitido dous días antes pola embaixada de EEUU en Madrid CC-BY-SA Praza Pública

O 27 de febreiro de 2009, dous días antes de que Feijóo gañara as eleccións autonómicas, a embaixada de Estados Unidos en Madrid enviaba a outros departamentos da diplomacia norteamericana unha análise sobre os comicios galegos. Nela debullaba as implicacións estatais que tería o resultado das urnas e tentaba explicar quen era Feijóo e como “proxectando un liderado mozo e dinámico, rexeita firmemente calquera intento de vincular o seu equipo con políticas pasadas de Fraga/Franco”.

Un cable da embaixada norteamericana en Madrid non publicado ata o de agora en Galicia permite reconstruír a chegada á Xunta do agora presidente

Cando en novembro de 2010 Wikileaks comezou a publicar as mensaxes internas da diplomacia estadounidense, os medios galegos fixéronse eco das referencias a Galicia que contiñan. Porén, non ocorreu o mesmo nas seguintes entregas do coñecido como Cablegate. Neses cables da diplomacia estadounidense está o antedito do 27 de febreiro de 2009, do que ata o de agora non se fixo eco ningún medio de comunicación, clasificado como confidencial e que permite reconstruír con ollos alleos as principais claves daqueles comicios.

O cable comeza repasando a correlación de forzas en Galicia e explicando quen é quen. Nel saliéntase a enquisa do CIS que daba ao bipartito ata 40 escanos, dous máis dos necesarios para revalidar a Xunta, e a Touriño como o preferido polo 29,8% dos galegos, fronte o 23,9% de Feijóo. Ían ser unhas autonómicas “vistas como un referendum estatal”, di a embaixada de Estados Unidos, no que Zapatero buscaba ver reforzado o seu segundo goberno malia o incremento da crise e do paro e no que Rajoy, “galego”, explica o cable, buscaba recuperar Galicia como feudo tradicional do seu partido e mellorar o seu liderado logo dos escándalos de corrupción que viñan afectando o PP. Un feudo conservador, Galicia, que o cable atribuía a Manuel Fraga, do que salientaba as súas orixes no “réxime de Franco”.

“Núñez Feijóo, proxectando un liderado mozo e dinámico, rexeita firmemente calquera intento de vincular o seu equipo con políticas pasadas de Fraga/Franco”, dicía a embaixada en Madrid

A diplomacia estadounidense relata como durante aquela campaña que remataba aquel día Rajoy estivera en Galicia 12 días, algo “sen precedentes  para un líder estatal”, fronte a 3 en Euskadi. Ese esforzo sería unha proba de que as eleccións galegas eran vistas “como un referéndum no PP” sobre o liderado do propio Rajoy. Segundo o cable, o PP estaba seguindo en Galicia unha “estratexia multinivel, intentando recuperar votantes mozos que rexeitaban a axenda conservadora do PP mentres mantén a tradicional base nas áreas rurais que mantiveron o partido no poder tanto tempo”. E engade: “Núñez Feijóo, proxectando un liderado mozo e dinámico, rexeita firmemente calquera intento de vincular o seu equipo con políticas pasadas de Fraga/Franco”.

O documento da embaixada tamén analiza a situación que vivían os socialistas. Di que un bo resultado de Touriño sería visto como un reforzo do PSOE logo da súa vitoria nas xerais do ano anterior e un aval ás políticas que estaba introducindo como consecuencia da crise económica. E salienta que, dentro da política de investimento público coa que o Goberno central tentaba combater a crise financeira, “Galicia está conseguindo unha significante inxección de fondos a través do Ministerio de Fomento”, que entón aínda ocupaba Magdalena Álvarez antes de ser substituída por José Blanco un mes máis tarde. Do mesmo xeito, a embaixada estadounidense salientaba a figura do daquela recentemente nomeado ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, do que dicía que estaba ben considerado en Galicia, e como o PSOE estatal adoptaba unha postura de non confrontación nin sobre o uso do galego nin cos “esforzos de Galicia para obter maiores competencias”.

O cable, emitido dous días antes dos comicios autonómicos, dubidaba da capacidade de resistencia electoral do BNG

Sobre o BNG, (o cable cita o seu candidato como Antxo Quintana), a embaixada lembra que viña perdendo porcentaxe de votos desde 1997 e di que malia os seus esforzos por tentar cambiar as políticas nas áreas de goberno que ocupaban os seus conselleiros, “non está claro que poida manter a mesma porcentaxe de votantes/escanos”, algo que finalmente acabaría ocorrendo.

O cable analiza logo as claves das eleccións, salientando a importancia do voto da emigración, punto no que engade unha “nota”: “Escoitamos a Rajoy dicir en privado que o presidente de Venezuela, Hugo Chavez, custoulle ao PP un escano nas últimas eleccións galegas retendo a valixa diplomática que contiña os votos”. A mensaxe da embaixada relata como analistas políticos dicían entón que os socialistas serían castigados pola crise malia os esforzos do economista Touriño por explicar as súas políticas. Tamén conta como o daquela vicesecretario xeral do PSOE, "Pepe Blanco”, “é galego” e dedicara gran cantidade de tempo á campaña autonómica apelando aos votantes máis á esquerda para que votaran polo PSdeG xa que “unha abstención é o mesmo que facilitar a volta ao estancamento da época de Franco”.

A análise estadounidense cita a corrupción do PP, o "malgasto" de Touriño e as acusacións ao BNG de "vínculos financeiros inapropiados"

O cable fai fincapé nos escándalos de corrupción do PP e a división daquela existente na cúpula do partido, que puña en dúbida o liderado de Rajoy. En Galicia, o cable salienta que Feijóo admitía “erros pasados” do PP pero que os consideraba menores en comparación cos logros dos 16 anos dos gobernos de Fraga, e acusaba a Touriño de cometer aínda máis erros en só catro anos. “O PP acusou a Pérez Touriño de malgastar en mobles e no seu coche oficial”, anotaba o cable, que tamén citaba que “cargos do BNG rexeitan as acusacións de tráfico de influencias e vínculos financeiros inapropiados con empresarios galegos”.

O cable remata deixando no aire a influencia que podería ter naquel final de campaña o Entroido e, en xeral, a indefinición sobre o resultado das urnas que acabaría con Feijóo na Xunta. “Como un cargo de Ferraz, nacido e crecido en Galicia, lle dixo a Poloff [un funcionario da embaixada], 'os galegos son notoriamente inescrutables'”, remata a mensaxe.

Sumario do cable confidencial sobre as autonómicas de 2009 emitido dous días antes pola embaixada de EEUU en Madrid CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.