"Estráñame, señor Feijóo, que apoie multar os galegos por ser enfermos crónicos"

Feijóo, nun acto do Sergas © Ana Varela

Unha dura carta a Feijóo e unha petición de xuntanza. O alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, quen liderou a rebelión dos concellos ante o novo copago farmacéutico e agora a Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade, vén de enviar unha misiva ao presidente da Xunta na que lle pide que recapacite na súa decisión de aplicar este repago e na que apela á "súa humanidade, se aínda lle queda", para non obrigar a estes doentes a pagar polas súas imprescindibles menciñas.

O alcalde de Riotorto amosa a súa "estrañeza" ao ver como Feijóo "multa os galegos que cometen o 'delito' de ser enfermos crónicos"

"Quero amosarlle a miña estrañeza polo feito de que até a data teña apoiado esta decisión do Goberno do Estado de multar a aqueles galegos e galegas que cometen o delito de contraer unha enfermidade crónica e, por suposto, que non seguise o exemplo doutros territorios veciños como Asturias ou Castela- León", di o rexedor do BNG, quen alude ao rexeitamente a amplicar a medida doutras comunidades autónomas, incluso dalgunha gobernada polo PP. Ademais, solicítalle unha xuntanza con membros da Iniciativa Galega recentemente constituída e que xunta os concellos que se comprometeron a asumir este copago no caso de que sexa aplicado con máis de 150 colectivos sociais e cidadás.

O alcalde de Riotorto lembra que a decisión do Goberno central "fixa un copago para os medicamentos utilizados polos doentes crónicos, e de xeito moi particular para aquelas doenzas como o cancro de mama, de ril ou a leucemia ou os tumores cerebrais". Por iso, Gutiérrez Estoa supón que "non será vontade" de Feijóo "tornarse en cómplice da morte de compatriotas seus polo feito de que os mesmos non teñen diñeiro para pagar a súa medicación". "Porén, no caso de que non exclúa os galegos e as galegas deste copago pasará a ser responsábel do que lle poida acontecer, tamén da morte, a moitos cidadáns de Galiza", di con rotundidade.

"Supoño que non será vontade súa tornarse en cómplice da morte de compatriotas seus", dille Gutiérrez Estoa a Feijóo

"Apelo á súa humanidade, aínda está a tempo de demostrar, se lle queda, para darlle unha solución a este problema", insiste o rexedor, que reclama unha xuntanza antes do vindeiro mércores 6 de novembro e antes, xa que logo, da primeira das mobilizacións que a Iniciativa Galega ten prevista para o día 8 de novembro, e que consiste en concentracións en todas as comarcas e nos hospitais de referencia das cidades, "para socializar e popularizar esta loita, pero sobre todo para que fique patente a opinión da sociedade e a oposición do pobo a esta decisión”. O obxectivo da reunión non é outra que "atopar unha solución para un problema que pon en risco a vida de miles de compatriotas nosos, particularmente daqueles que menos recursos teñen".

A Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade pide unha xuntanza co presidente para "atopar unha solución para un problema que pon en risco a vida de milleiros de cidadáns"

Nunha nota de prensa, Gutiérrez Estoa advirte a Feijóo de que "se o goberno persiste na súa posición, o vindeiro 17 de novembro Galiza erguerá a súa voz contra eles e a súa asunción desta medida que constitúe un auténtico imposto á enfermidade e que terá especial incidencia sobre as rendas máis baixas". Para ese día hai prevista unha mobilización nacional en Compostela contra este copago.

Os representantes sociais e institucionais que o 26 de outubro conformaron en Riotorto a Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade cualificaron a decisión do Goberno do Estado de “aprobar unha Resolución pola que se obriga aos pacientes crónicos a afrontar o copago das menciñas que lle son dispensadas na farmacia dos centros hospitalarios significa cruzar todas as liñas vermellas da sanidade. Trátase dun novo imposto á enfermidade e supón unha carga moi importante na economía de moita xente desfavorecida. É unha medida indigna, inhumana, inxusta, que retrata a un goberno que actúa ao servizo do poder económico”.

As demandas da Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade son claras: instar o presidente da Xunta a que paralice a entrada en vigor da Resolución do 10 de setembro de 2013, da Dirección Xeral da Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia, pola
que se procede a modificar as condicións de financiamento de medicamentos incluídos na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde mediante a asignación de achega do usuario e na mesma liña demandar do Goberno do Estado a derogación da resolución recollida
no BOE do 10 de setembro que establece a obrigatoriedade da achega do usuario para as patoloxías e a carteira de medicamentos fixadas na referida resolución.

Ademais, ao tempo, o BNG lanzou unha "resposta institucional e social para facer fronte ás políticas de recorte do PP". A formación nacionalista apela ao espírito de Riotorto, que consiste en "enfrontar desde os concellos os recortes, a fiscalidade regresiva e a reforma local", tal e como explicou o voceiro nacional, Xavier Vence. Polo momento, o Bloque presentará mocións en todos os concellos galegos unha moción contra o espolio de Novagalicia Banco. 

Federico Gutiérrez, alcalde de Riotorto © Concello de Riotorto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.