EU aposta por “renunciar ao sectarismo” para crear unha “fronte popular” en Galicia

Yolanda Díaz, nunha asemblea de IU © Izquierda Unida

Esquerda Unida (EU) aposta pola creación dunha "fronte popular" en Galicia, dun novo "suxeito político" que amplíe a colaboración que supuxo a creación da Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e que supoña "a expresión da pluralidade que conforma a maioría social traballadora deste país". Así o asegura no borrador do documento político que debaterá na súa 11ª asemblea nacional que se celebrará o vindeiro 27 de abril en Compostela e no que volve, aínda que sen citalo, tender a man ao BNG xusto agora que o Bloque abre as portas á colaboración con forzas nacionalistas como Anova, integradas en AGE, pero deixa claro que  non conta nesa estratexia con formacións "de obediencia estatal".

EU fai unha intensa defensa do dereito de autodeterminación e critica a quen a acusa de ser "unha forza de obediencia estatal"

Precisamente, as teses políticas de EU fan unha intensa defensa do "dereito de autodeterminación" de Galicia nun documento no que dedica até catro folios enteiros a ese dereito "como parte das ferramentas para un novo modelo político e social no marco dun novo proceso constituínte" e que diferencia da posición "edulcorada do dereito a decidir". Así, Esquerda Unida deféndese de quen a acusa de ser "unha forza de obediencia estatal en contra do dereito de autodeterminación" e sinala ao "oportunismo do nacionalismo maioritario" como difusor "de xeito intencionado desta idea". "É unha falsidade que agora recuperan coa mesma virulencia pero con distinto predicamento", sinala o borrador, que di que para a súa "desgracia", a "escasa presenza mediática e implantación social de EU en Galicia impediu a formulación desta política e do seu coñecemento na sociedade, dando predio" a este "oportunismo".

"EU ten demostrado nestes anos que é unha forza con plena autonomía nas decisións políticas concernentes a Galicia, a propia concreción de AGE é un exemplo palpable", insiste Esquerda Unida, que ve precisamente nesa coalición electoral xunto a Anova, Equo e os ecosocialistas "unha obra aberta e en construción" que "evidenciou as feridas do bipartidismo", un bipartidismo que insiste en censurar para volver insistir na necesidade de sumar máis forzas de esquerdas -excluíndo o PSOE- ao proxecto, en clara alusión ao BNG.

Esquerda Unida reclama "unha revolución interna na súa praxe" para "poñela á altura da estratexia" de futuras alianzas políticas

Para logralo, non dubida en facer autocrítica e advirte de que EU "ten que xerar unha sorte de revolución interna na súa praxe para poñela á altural desta estratexia", tras sinalar que "as fronteiras de onte, as tradicións emancipatorias de cada un ou as traxectorias propias poden máis se suman e traballan en común". Ademais, reclama tamén na propia Esquerda Unida "un exercicio de veracidade, celeridade e xenerosidade" co obxectivo de lograr esa "alianza social e política de xenealoxía frentepopulista" baseado "nun programa de transformación social afincado nos valores e contidos da esquerda".

"Soubemos ler que por separado non temos a forza e o coñecemento suficientes para derrotar o leviatán capitalista. Namentras que xuntos podemos erguer unha alternativa de poder para que o traverso da singladura aventurada dun novo proceso constituínte acade o apoio e participación de crecentes segmentos da clase traballadora", insiste EU, que cre que AGE "semella poder ser o xermolo dese suxeito antagonista, plural e transformador".

"AGE semella ser o xermolo deste suxeito político antagonista, plural e integrador"

"AGE é unha obra aberta, en construción, a esperanza da xente traballadora deste país para pór en valor un traballo partillado a prol da maioría social traballadora", engade EU, que cre que este reto unitario que propón "demanda renunciar ao sectarismo e á tentación patrimonializadora para darlle máis forza á radicalidade política e cultural" da que din ser "entre outros portadores". "Somos máis fortes cando nos unimos", alerta o documento, que reivindica "o recoñecemento da necrsidade de sumar forzas a unha tarefa titánica".

Sendo aínda máis claro, o borrador entende que "o innegable valor do traballo desenvolvido por EU" pode "achar un ámbio complementario e superior a partires do acordo político electoral do que naceu AGE".

Yolanda Díaz, nunha asemblea de IU © Izquierda Unida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.