EU pide unha "solución definitiva" para a estatua de Franco, dez anos despois da súa retirada

A estatua, na localización que ocupou no Arsenal, até 2010 © lamemoriaviva.wordpress.com

O 4 de xullo de 2002 era retirada, pola noite, procurando que o feito pasase case que desapercibido, a estatua ecuestre do ditador Francisco Franco que nos corenta anos anteriores (25 deles en democracia) presidira a Praza de España de Ferrol. Resistira a pequenas bombas, pintura rosa e ás continuas mostras de desprezo da poboación. Pero foi retirada, gobernando na cidade Xaime Bello (BNG), aproveitando as obras que se ían acometer na praza (e aínda non concluídas, por certo).

A estatua foi colocada polo ministro de Defensa Federico Trillo no Patio de Poniente de Herrerías do Arsenal, onde se acabou convertendo nun atractivo turístico de nostálxicos e curiosos. Esquerda Unida pasou anos esixindo que fose retirada dese lugar, e finalmente en 2010 a estatua ecuestre foi retirada e gardada baixo teito.

O grupo municipal de Esquerda Unida Ferrol considera que é "tempo abondo" para chegar a "unha solución definitiva con ela"

Porén, o grupo municipal de Esquerda Unida Ferrol considera que é "tempo abondo" para chegar a "unha solución definitiva con ela". Unha solución que para a coalición de esquerdas "non pasa por tapala con panos ou agochala da vista da cidadanía, e si en fundir a peza para co metal resultante erguer un monumento conmemorativo dedicado ás vítimas da ditadura e as persoas que loitaron nesa longa noite de pedra para recuperar as liberdades e os dereitos propios dunha cidadanía libre e crítica".

Esquerda Unida denuncia así mesmo que "aínda son demasiados os vestixios franquistas que restan no termo municipal e que faltan as normas de convivencia dunha sociedade que se quer democrática"

Esquerda Unida denuncia así mesmo que "aínda son demasiados os vestixios franquistas que restan no termo municipal e que faltan as normas de convivencia dunha sociedade que se quer democrática". Pon como exemplos o rueiro do Arsenal militar ate o escudo que coroa o vello edificio das aduanas, pasando por bustos de represores e criminais da ditadura como Camilo Alonso Vega que resta nos xardíns do centro hospitalario Juan Cardona, "son varias as formas que honran a ignominia da ditadura e da guerra civil feita ao pobo que se dera como forma de goberno á República democrática de traballadores de toda clase, segundo proclamou a Constitución republicana", di.

Por este motivo a formación insta á alcaldía da cidade a "dirixir e alentar o proceso que conclúa a retirada de todas e cada unha das placas, estatuas e demáis honras adicadas a aqueles que mantiveron a España e ao noso país cautivos dun réxime criminal".

A estatua, na localización que ocupou no Arsenal, até 2010 © lamemoriaviva.wordpress.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.