EU presenta mocións nos concellos pedindo a condena do franquismo

Homenaxe realizada en Ames ás vítimas do franquismo © Concello de Ames

Esquerda Unida presentará nos vindeiros días mocións nos plenos dos concellos galegos solicitando a condena do franquismo por parte dos partidos presentes nos consistorios e denunciando "a concepción de exterminio do adversario político que foi artellando o franquismo xa desde o principio da Guerra Civil (unha vez fracasado o golpe militar de Estado), ata ben entrados os anos corenta".

Para a executiva nacional de Esquerda Unida, Galicia segue pendente "dun debate público e profundo sobre as violacións sistemáticas dos dereitos humanos e  sobre os crimes cometidos baixo a ditadura de Franco" e engade que "aínda non se levou a cabo un inventario completo acerca de todo tipo de vulneración dos dereitos humanos labores durante eses case 40 anos" e que "debido á imposibilidade real de investigar xudicialmente en España os crimes do franquismo polos numerosos atrancos políticos atopados, dáse o paradoxo de ter que ser investigados por instancias xudiciais foráneas, en concreto pola xustiza arxentina".

A coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada de AGE, Yolanda Díaz, manifesta “que Esquerda Unida pide na moción a condena sen paliativos ao terrorismo de estado da ditadura  franquista, e a súa cruel represión sobre a poboación civil simplemente pola súa orientación política, relixiosa ou mesmo cultural”. Igualmente Esquerda Unida pídelles aos plenos galegos solidarizarse coas miles de familias que seguen esixindo a revisión dos xuízos franquistas dos seus familiares e mesmo a recuperación física dos restos dos asasinados e asasinadas que están en fosas comúns e enterramentos ilegais en toda Galicia.

Finalmente, pídese o traslado ao goberno autonómico e estatal a consideración da data do 18 de xullo como Día oficial de condena dos crimes terroristas do franquismo.

Homenaxe realizada en Ames ás vítimas do franquismo © Concello de Ames

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.