EU reitera o apoio ás mareas nas cidades e a aposta por AGE no resto de vilas

Yolanda Díaz presenta o programa marco das municipais de EU Dominio Público @esquerdaunida

Esquerda Unida (EU) aposta polas mareas e a confluencia en Galicia. Así o reiterou a formación ao presentar este venres o programa marco para as eleccións municipais do vindeiro mes de maio. Así, a súa coordinadora, Yolanda Díaz, aclarou que desde "xa" queren "poñer a traballar as mellores mulleres e os mellores homes de EU nos procesos de converxencia, compañeiros que sairán reforzados destas primarias para achegar ao debate programático aberto en procesos como as mareas".

EU arrancou o proceso para elixir os seus candidatos a "procesos maiores de converxencia"

Ante iso, Esquerda Unida arrancou o procedemento para elixir os seus candidatos a procesos maiores de converxencia que culminará o 28 de febreiro nun consello político nacional no que se ratificará os resultados da votación do 14 e 15 de febreiro. Será esa fin de semana cando simpatizantes e militantes escollerán os candidatos e a persoa que queren que aspire á presidencia do Goberno por IU.

"As de maio de 2015 non son unhas eleccións calquera", senón que "se trata de recobrar as cidades e romper co modelo de municipalismo inserido nun liberalismo atroz no que ata o municipio máis pequeno se converteu nun negocio para as grandes multinacionais", destacou Díaz, que cre que os comicios serán claves "para recuperar un municipalismo baseado na ética, na democracia participativa e na prestación dos servizos públicos, os concellos non teñen que dedicarse a nada máis que a coidar os seus veciños e a cambiar a súa realidade",

Para iniciar esta nova etapa Esquerda Unida aprobou un calendario que inclúe a proclamación de candidatos ás primarias aos municipios de máis de 50.000 habitantes o próximo 31 de xaneiro, unha vez realizada a verificación dos censos, as incidencias e as reclamacións.
Despois diso, do 31 de xaneiro ao 14 de febreiro a formación abrirá a campaña ás primarias, cuxa votación se realizará o fin de semana do 14 e 15 de febreiro, coincidindo co proceso de elección ao candidato á presidencia do Goberno por parte de IU a nivel estatal.

Xa o 18 de febreiro, a formación que lidera Yolanda Díaz celebrará o escrutinio definitivo dos votos, para ratificar os resultados nun consello político nacional que terá lugar o día 28 de febreiro.

EU participará nas mareas sempre que as súas decisións "sexan democráticas e horizantais e sen acordos de partidos"

En rolda de prensa, Rubén Pérez, secretario de Organización, apostou de forma "decidida" por participar en "procesos maiores de converxencia" alí onde existan, pero sempre condicionado a unha serie de requisitos, como que as súas decisións sexan "democráticas e horizontais", "sen acordos de partidos polo medio". "Ir a proceso verdadeiramente constituíntes e democráticos", indicou.

Tamén precisou Yolanda Díaz que a participación de EU nestes proceso en "ningún caso" suporá renunciar á identidade como organización política. "Non renunciaremos ao valor engadido que teñen as organizacións políticas, senón que traballaremos dende elas para sumar", explicou para aclarar que a súa formación "formará parte" desas plataformas cidadás aló onde as haxa, mentres que noutros lugares acudirá aos comicios como AGE, "unha ferramenta de unidade popular inconclusa" na que "seguirá traballando". Todo iso sen que iso poida evitar que haxa determinados concellos nos que EU "teña que acudir en solitario ou con outras formulacións aos comicios", apuntou.

Esquerda Unida apoiará as plataformas cidadás onde as haxa e apostará por AGE onde non haxa mareas

"Haberá espazos de xeometría variable, imos construír esta nova realidade política conxugando distintos actores políticos para concitar un único suxeito político que é a unidade popular", defendeu. Precisamente, segundo detallou Rubén Pérez, no caso dos municipios de menos de 50.000 habitantes, serán as asembleas locais e comarcais de Esquerda Unida abertas as que decidan a forma na que a organización irá aos comicios.

Ademais, o deputado autonómico Xabier Ron debullou tamén algúns detalles do borrador de "programa-marco" que a organización está a realizar de cara a estes comicios.

Segundo indicou, este documento desenvólvese en torno a cinco eixos principais. O primeiro deles é a democracia e participación, cuestións que "teñen que artellar toda a vida institucional e orgánica dun concello" e así habilitar os espazos necesarios para que a "cidadanía codecida".

En segundo lugar Xabier Ron situou a economía e o emprego. "Reclamamos dende hai moito tempo aproveitar todos as competencias dos concellos para crear emprego de calidade e aí queremos loitar", sinalou antes de explicar que o terceiro eixe corresponde ao servizos públicos, cuxa xestión a formación pretende "recuperar".

O cuarto lugar, segundo apuntou, corresponde á inclusión social e á igualdade, mentres que, o quinto, se centra en distintas medidas relacionadas co medio e a ecoloxía Social.

Por último, na rolda de prensa, o responsable de Organización de EUtamén deu conta dun "aumento" do número de simpatizantes da organización dende a apertura dos censos de militantes e simpatizantes nas organizacións locais. Así, segundo indicou, aos 1.400 militantes da formación xa existentes súmase un incremento dos simpatizantes de en torno a un 30%, 300 persoas, ao mes.

Yolanda Díaz presenta o programa marco das municipais de EU Dominio Público @esquerdaunida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.