Exército e Concello de Ordes homenaxearán cunha xura de bandeira un heroe do Franquismo

A Coruña acollerá este sábado outra xura civil de bandeira CC-BY-NC-ND Ministerio de Defensa

O Concello de Ordes renderá homenaxe este domingo a Manuel Lois García, o Soldado Lois, un mozo da vila finado o 9 de setembro de 1937 no Cruceiro Baleares e que dende entón foi adoptado pola propaganda da ditadura como un heroe. A homenaxe vén repetíndose nos últimos anos, con presenza non só das autoridades locais, senón tamén de representantes da Armada (Terzo Norte da Marina de Ferrol) e cargos eclesiásticos. Este ano, ademais, e coincidindo co 80 aniversario da súa morte, a homenaxe completarase cunha xura civil de bandeira organizada pola Armada.

A xura de bandeira, que comezará as 12 horas, terá lugar na propia Alameda Soldado Lois, espazo central da vila onde se atopa a propia Casa do Concello. Previamente, ás 10.45 horas, oficiarase unha misa na igrexa parroquial de Santa María de Ordes. Ademais de gaiteiros o acto contará coa actuación da Banda de Música do Terzo Norte. Na convocatoria realizada polo Concello de Ordes, indícase que calquera persoa pode participar na xura de bandeira, previa inscrición. Os únicos requisitos son "ser español, "ser maior de idade" e "non ter sido declarado incapaz por sentenza xudicial".

O BNG local xa manifestou nas últimas semanas que, ao igual que en anos anteriores, non participará na homenaxe ao Soldado Lois, nin tampouco na xura civil de bandeira. “Nós mantemos a mesma postura que sempre mantivemos con esta homenaxe, á que nunca acudimos nin acudiremos. A xura de bandeira parécenos un acto anacrónico, propio doutros tempos e que non vén a conto a día de hoxe”, sinala o voceiro local da formación nacionalista, Pablo Vidal, que engade que "é lamentable que o Concello colabore coa organización e coas inscricións para este acto". 

Carlos C. Varela escribía este luns sobre os actos de homenaxe ao Soldado Lois, debullando a historia deste mozo, convertido en heroe pola historiografía franquista. Debullaba ademais a propia historia do Cruceiro Baleares, cun papel moi importante no desenvolvemento da guerra civil. Varela destaca que "o momento decisivo na construción do Soldado Lois como artefacto simbólico do réxime produciuse en xuño de 1965, cando o Ministerio de Marina, a iniciativa da Ayudantía Nacional de los Grupos del Mar de la Falange, traslada o corpo de Lois ao seu Ordes natal, aproveitando para organizaren o maior acto de propaganda militarista e patrioteira que se recorda na vila". Engade que aquel día, ademais da homenaxe e dun desfile militar pola Avenida Alfonso Senra, instalouse un mausoleo ao Soldado Lois no cemiterio do Piñeiro, na parede norte, "xusto onde os máis vellos aínda lembran que eran fusilados os inimigos do franquismo e onde a tradición oral sitúa unha fosa común aínda non investigada".

Manuel Lois é fillo predilecto do Concello de Ordes e foi homenaxeado no seu momento pola Deputación da Coruña. Tamén lle foi outorgada a Medalla Naval, así como a Cruz Laureada de San Fernando, máxima condecoración militar. Ademais deste mausoleo, o Soldado Lois conta en Ordes cun monumento, a el e ao propio Cruceiro Baleares, situado na Alameda Soldado Lois. Ademais, a avenida principal da vila, a Avenida Alfonso Senra (antes Rúa Real), toma o nome de Alfonso Senra Bernárdez, membro do Tribunal de Responsabilidades Políticas durante a ditadura e asesor da Delegación Nacional de Xustiza e Dereito. Hai uns anos foron modificados os nomes das rúas dedicadas ao General Mola, a José Antonio ou ao Generalísimo, mais non estoutras dúas.

 

Xura civil de bandeira na Coruña

O sábado ás 12 horas terá lugar na Coruña outro acto de xura de bandeira para persoal civil "en el que la ciudadanía podrá prestar o renovar Juramento o Promesa ante la Bandera de España", sinala a convocatoria realizada polo Cuartel General de la Fuerza Logística Operativa, que especifica uns requisitos semellantes que na cerimonia prevista en Ordes. É imprescindible inscribirse con anterioridade e a persoa que realice a xura pode ser acompañada por dúas persoas, que tamén deberán apuntarse con antelación. O vindeiro 8 de decembro terá lugar en Pontevedra un acto semellante, que xa se realizou nos últimos meses en Marín e Ferrol. Figueres (Girona) acollera unha xura civil da bandeira española o vindeiro 23 de setembro, unha semana antes da prevista celebración do referendo catalán de autodeterminación, o que xa motivou as críticas de grupos coma a CUP.

 

Cartel da xura de bandeira organizada en Ordes Dominio Público Praza Pública
O 'Soldado Lois' conta na praza central da vila (que tamén leva o seu nome) cun monumento, inaugurado en 1988 © http://guerraenlauniversidad.blogspot.com
A Coruña acollerá este sábado outra xura civil de bandeira CC-BY-NC-ND Ministerio de Defensa
Cartel do acto de xura de bandeira na Coruña Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.