Facenda nega os recortes e teima en que "Galicia está mellor" grazas a Feijóo

A conselleira de Facenda, nun intre do pleno © Xunta

"Galicia está mellor" que o resto do Estado, o labor da Xunta mantena como "un país comprometido, solidario e innovador", a "protección social" está "blindada" e é "cada día máis extensa" e os "esforzos" dos últimos anos xa se poden comezar a recoller. É o retrato da sociedade e da economía galegas que a conselleira de Facenda deixou este martes sobre a tribuna do Parlamento. Elena Muñoz acudia á Cámara para dar conta do peche do exercicio económico de 2011 e tamén para explicar o acontecido no Consello de Política Fiscal e Financeira, a reunión dos responsables económicos das autonomías co Goberno central. E o diagnóstico non puido ser máis optimista en pleno retorno da recesión económica e mentres segue a arreciar a treboada financeira en Europa. Recollendo o testemuño das mensaxes lanzadas polo presidente da Xunta durante a fin de semana no congreso do PP de Valencia e o luns nun almorzo informativo en Madrid, Muñoz insiste en que o Goberno galego "se adiantou" na austeridade e no cumprimento dos estritos límites do déficit e por iso, "por terse anticipado", "a cidadanía galega é a menos afectada polo importantísimo axuste" que percorre o Estado.

A conselleira mantén que a "protección social está blindada e é cada día máis extensa" grazas ao control do déficit

Esa comparación con outras comunidades é, precisamente, o centro do argumentario da conselleira como días atrás o foi do presidente. "Non estamos incrementando impostos, non estamos baixando os soldos dos funcionarios, non se pechan hospitais nin centros educativos, non se ten que estar facendo o que fan outras comunidades", resume a titular das contas públicas. Galicia, en síntese, "ten os deberes feitos" por ter pechado 2011 cun 1,61% de déficit -o límite fixado polo estado era o 1,5%-, "novamente está á cabeza" e por iso, asegura, en pouco tempo poderá aplicar "políticas que fomenten o crecemento e impulsen a economía". Pero iso será en 2013 ou, o que é o mesmo, despois das vindeiras eleccións autonómicas.

Aymerich: "Podemos estar orgullosos con 300.000 parados máis e un de cada catro nenos baixo o limiar da pobreza"

A proximidade dos comicios é precisamente un dos factores que os grupos da oposición vén por tras do optimismo de Muñoz. "Podemos estar orgullosos", ironizou o nacionalista Carlos Aymerich tras escoitar o diagnóstico da conselleira e a lembranza de que o recorte para 2012 terá que ser de 69 millóns de euros, un 0,4% do conxunto das autonomías. "Podemos estar orgullosos" con "300.000 perados, un de cada catro nenos baixo o limiar da pobreza, récord de expedientes de regulación de emprego, 25.000 dependentes" á espera dunha prestación e "cun incremento escandaloso das listas de espera" no Sergas. "Pero temos que estar orgullosos, porque parece que se cumpre co déficit", di o voceiro económico do BNG. Alén das operacións de "maquillaxe" contable como o peche do exercicio antes do remate o do ano, segundo Aymerich o efecto de cumprir co déficit "caia quen caia" é que "o primeiro que cae é o gasto social". En total, di, "o recorte acumulado en tres anos é de 2.270 millóns". A Xunta, di, "fachendea" por non ter apenas déficit financeiro, pero "temos déficit social, laboral, en igualdade e en actividade económica". "Diso deberían preocuparse, e non de andar por Madrid fachendeando", di.

"O presidente Feijóo" e, por extensión, a conselleira, "viven no país das marabillas", engade a vicevoceira socialista, María José Caride, quen di "non saber a que país corresponde" o retrato trazado por Elena Muñoz. "Alén do exercicio do déficit non teñen nada que amosar" e ese control "non é un obxectivo, é un instrumento". "Pregúntelles ás familias que non teñen traballo se están satisfeitas con que Galicia teña un 1,61% de déficit", reta a deputada do PSdeG, en cuxa opinión a primeira preocupación do Goberno debera ser que dende a chegada do PP á Xunta hai "102.900 parados máis", "a terceira comunidade con maior destrución de emprego entre 2009 e 2012". Cando Feijóo era candidato, lembra, dicía "que o éxito dunha política económica se mide cos datos do INEM".

Caride: "O presidente Feijóo vive no país das marabillas, non sei a que país corresponde"

O Executivo, di Caride, está "xordo e cego" ante os problemas sociais, acumula recortes, "esgota a capacidade de endebedamento -pasou de algo máis de 3.000 millóns a máis de 7.000- e non consegue a "discriminación positiva" do Estado que Feijóo prometera, precisamente, por "ir mellor". "Seguen querendo ligar a evolución do paro co déficit e equivócanse", retruca a conselleira, engadindo ademais que "o comportamento" do desemprego "é mellor en Galicia que no resto de España dende 2007". "O nivel de endebedamento está controlado" e, en canto ás "vantaxes" que ten Galicia a respecto doutras autonomías, "están á vista", asegura. Nesta liña afondaba tamén o voceiro do PP, Pedro Puy, que convidaba a oposición e especialmente a Aymerich a "viaxar por España" para comprobar que outros gobernos recortan máis ca o de Feijóo. "Todos viaxamos cando viaxa o presidente, que é de todos", ironizou o nacionalista.

 

A conselleira de Facenda, nun intre do pleno © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.