Falsos inimigos: populismo e tecnocracia

O populismo é un xeito de facer política e unha palabra que pode usarse a comenencia Dominio Público Praza Pública

Que é populismo? Syriza ou Front National son populistas, din os partidos “centrados”, aínda que, en realidade, sexan opostos nos contidos ideolóxicos e nas tradicións políticas. Por exemplo, as súas posicións sobre Europa son radicalmente diferentes: por unha banda, o Front National vendeu na campaña a Europa dos estados-nación; pola outra, a proposta de Syriza, especialmente no eido económico, aséntase na solidariedade entre nacións e cidadáns e é radicalmente pro-europea. Se no cóctel entran o M5 ou UKIP, caemos na conta de que dicir populismo xa non significa nada.

Para a literatura académica (especialmente Laclau e a súa escola) o populismo si ten un significado preciso: 1º.- oposición fundamental entre o pobo ou cidadanía e as elites; 2º.- o pobo é bo e as elites son corruptas ou están en contra dos intereses do pobo. Para UKIP e o Front National as elites son as burocracias europeas e os seus aliados nacionais, para Syriza é a troyka, e para Podemos a “casta”.

O populismo si ten un significado preciso: 1º.- oposición fundamental entre o pobo ou cidadanía e as elites; 2º.- o pobo é bo e as elites son corruptas ou están en contra dos intereses do pobo.

Definir o adversario segundo conveña, para saír gañando cando o cidadán mire que di un e que di o outro, faise decote e, como veremos, o populismo pode explicarse tamén con esta lóxica. Ao facer política compárase sempre. A calidade das propostas e a integridade ética dun partido ou movemento mídese ao comparala coas outras opcións dispoñibles, e o populismo non ten moi boa prensa nin un significado positivo para a maioría. Despois do dito, semella que o populismo, en principio, é dúas cousas: un xeito de facer política, e unha palabra que pode usarse a comenencia.

 

O exemplo perfecto: o populismo en Italia.

Nas últimas eleccións xerais italianas, o partido máis votado foi o movemento 5stelle (M5). Pois ben, 5stelle cumpre todas as características que teñen os partidos populistas: ten un líder carismático; opón pobo e casta política; a casta é irremediablemente mala, o pobo  fundamentalmente bo; e non funciona cos tradicionais esquemas de esquerda-dereita.

Se escoitamos como eles se entenden a si mesmos queda ben claro que rexeitan ser chamados de esquerdas ou de dereitas. O seu discurso é unha mestura de ecoloxismo, as redes, o “senso común do italiano”, horizontalidade e mesianismo; un caixón de xastre no que entra todo o que poida agradar ao italiano canso da política partidaria.

O seu discurso é unha mestura de ecoloxismo, as redes, o “senso común do italiano”, horizontalidade e mesianismo; un caixón de xastre no que entra todo o que poida agradar ao italiano canso da política partidaria.

O contido está ao servizo da forma, o importante é que o produto se venda ben, que non conteña características que aparten a uns ou a outros, que sexa aceptable pola maior cantidade de votantes e, ao mesmo tempo, teña unha aura de novidade e de cambio.

Este caso é extremo en todos os sentidos: non só o contido foi deseñado para alimentar a oposición básica entre a xente e a elite, tamén Grillo incumpre os valores que di defender: dirixe o partido ao seu xeito, expulsa membros e propón as consultas segundo lle convén. Os valores e os contidos son superficiais e non articulan a acción do partido, que manexan Grillo e os principais dirixentes. A acción política cara fóra da organización é mercadotecnia, cara dentro é autoritarismo e cohesión carismática arredor de Grillo.

 

Que é tecnocracia ?

O populismo, teoricamente, é contrario á tecnocracia. O experto tecnócrata é o inimigo do líder populista. A tecnocracia, igual que o populismo, exerce a política dun xeito particular. A tecnocracia transforma a política en xestión: as súas solucións non son de dereitas ou de esquerdas senón que son as correctas, a tecnocracia fai “o que debe facerse”. Desconfían dos Parlamentos nacionais e da política feita directamente pola xente. Teñen a particular psicoloxía do experto con poder: saben o que hai que facer e, cando a xente decide que prefire outra cousa, non aceptan estar equivocados; ou como repite insistentemente a actual vicepresidenta do goberno “hay un problema de comunicación”, o pobo está a ser enganado por uns demagogos.  Estes dous xeitos de facer política semellan irreconciliables, pero a realidade é outra.

A tecnocracia transforma a política en xestión: as súas solucións non son de dereitas ou de esquerdas senón que son as correctas, a tecnocracia fai “o que debe facerse”. Desconfían dos Parlamentos nacionais e da política feita directamente pola xente

Tecnocracia e populismo son dous polos dun xeito de facer política. O característico desa nova política é a desaparición da ideoloxía e do debate; non se combate entre diferentes proxectos de vida en común, e as diferencias entre os programas duns e doutros son moi poucas. Se o populismo consiste en dividir o espazo político en dous, enfrontando o pobo cunha elite, a tecnocracia céntrase no problem solving e na fuxida da ideoloxía: non existen grandes relatos; as ideoloxías son inútiles; o importante é a solución pragmática dos problemas. Como dixo Aznar “teníamos un problema y lo hemos resuelto”.

 

Populismo e tecnocracia en Italia.

Monti foi en Italia o exemplo perfecto do político tecnócrata; pero a súa última campaña foi unha curiosa mestura de tecnocracia e demagoxia sentimental. Monti chegou a posar cun cadeliño na televisión italiana dicindo: “podo sentir o seu corazón”. Nada máis afastado do serio e responsable tecnócrata. Pola outra banda, cando a Grillo se lle fan preguntas sobre políticas públicas concretas, ou como vai enfrontar un tema sobre o que non ten un slogan, a súa resposta é máis ou menos esta: “iremos caso por caso buscando solucións concretas aos problemas concretos”, o que diría calquera xestor tecnocrático.

E onde poñer a Berlusconi? A súa política ten todo o sentimentalismo e toda a demagoxia que os tecnócratas din que teñen os populistas, ao mesmo tempo, Grillo atácao por formar parte da casta e Monti por ser un irresponsable. Berlusconi responde dicindo que el, un home de negocios, sabe o que debe facerse. A campaña de Berlusconi asentouse en dous eixos principais: o ataque a Merkel e as elites europeas e, pola outra banda, as súas calidades como home de negocios, que presentou como unhas credenciais máis validas que os coñecementos que ten un político estándar.

A campaña de Berlusconi asentouse en dous eixos principais: o ataque a Merkel e as elites europeas e, pola outra banda, as súas calidades como home de negocios, que presentou como unhas credencias máis validas que os coñecementos que ten un político estándar.

A tecnocracia e o populismo non son contrarios, pertencen a un novo xeito de facer política do que son polos complementarios. Populismo e tecnocracia son dúas respostas posibles a un mesmo problema: que facer nunhas democracias nas que o contido político e ideolóxico dos principais partidos é moi semellante, e o eixe esquerda dereita non funciona. A súa resposta é desprazar o peso da política dos contidos ás formas. 

Tecnocracia e o populismo soportan calquera posición dentro do eixe esquerda-dereita: existen partidos populistas de esquerda e de dereita, e todos os partidos que andan polo centro, dun lado ou do outro, manteñen un discurso tecnocrático; tamén temos partidos híbridos que mesturan trazos de ámbolos dous, demos o exemplo de Berlusconi, pero máis preto nosa temos un exemplo perfecto en C´s ou UpyD.

 

O marco populista-tecnócrata en España.

Unha vez aclarado que populismo e tecnocracia non son opostos nin están separados, observar como se relacionan cando compiten danos a perspectiva completa sobre o tema. Collamos ao Partido Popular, con el temos dúas opcións (deixando de lado o tema territorial), ou discuten co PSOE e outros partidos do centro, ou discuten cos “anti-sistema”. Un partido tecnocrático só e capaz de discutir en dous rexistros:  tecnócrata e o populista.

Cando discuten co PSOE o argumento é: vós sodes peores xestores ca nós e, no fondo, estades tan corruptos coma nós. Díxoo moi ben González Pons: “un partido de dirigentes tan honrados como todos, un partido como todos, pero el único que puede sacar a España de la crisis y que la va a sacar”. Cales son as palabras do PP ? Responsabilidade e deber. A súa expresión? Facer o que ten que facerse, aínda que doia e non esteamos totalmente de acordo.

Díxoo moi ben González Pons: “un partido de dirigentes tan honrados como todos, un partido como todos, pero el único que puede sacar a España de la crisis y que la va a sacar”.

O PP, cando se relaciona cos partidos do centro, xoga dúas cartas: todos estamos igual de limpos ou todos somos igual de corruptos; a xestión responsable da economía non só é o que debe facerse, senón que é o único que pode facerse.

O PSOE, que ata o de agora non pode lexitimarse en Bruxelas (aínda que pode que algo cambie coa ofensiva de Renzi), está condenado a ser a copia mala do orixinal. Se queda no centro non pode competir co PP no discurso tecnocrático, os seus propios escándalos de corrupción téñeno amordazado, e o seu pasado pésalle moito. Se marcha do centro chamarano populista e, para votar a unha copia, mellor votar ao orixinal (Podemos).

Ao mesmo tempo, ao manter o eixo tecnocracia-populismo, mantense o mito da Unión Europea como un organismo externo que garante a lexitimidade e o recoñecemento do goberno, pero tamén obriga a unhas medidas que son as únicas posibles.

O PP aos de Podemos chámaos populistas para descualificalos e non ter que discutir con eles. Pero hai outra razón subxacente. Se o PP alimenta a confrontación entre unha proposta tecnócrata e unha resposta populista, pode xogar facilmente a carta da estabilidade: nós somos o único partido que garante a estabilidade e a recuperación, o consabido nós ou o caos. Ao mesmo tempo, ao manter o eixo tecnocracia-populismo, mantense o mito da Unión Europea como un organismo externo que garante a lexitimidade e o recoñecemento do goberno, pero tamén obriga a unhas medidas que son as únicas posibles. Unha vez que un entra dentro do xogo de populismo ou tecnocracia, as respostas só poden ser ou unha ou outra cousa, e ao PP convenlle, e moito, ser o partido que garante a estabilidade do país e ten o apoio das institucións europeas.

Descolgarse desta aproximación implicaría quedarse sen a fonte de lexitimidade europea, e dar a batalla política na nación cara a cara, sen ningunha xustificación, enfrontando directamente os efectos das súas políticas: paro, empobrecemento, desigualdade, endebedamento, corrupción estrutural, emigración etc. Cando o PP responde a Podemos faino sempre desde a lóxica deste marco: os de Podemos son uns populistas bolivarianos e castristas, e nós a xente seria e responsable, como fixo Floriano; ou, estes de Podemos son unha elite de intelectuais marxistas que fan paracaidismo en España financiados por Venezuela que enganan ao pobo coa súa propaganda, que é, máis ou menos, o argumento de Esperanza Aguirre, que consiste en converter a Podemos na elite (os intelectuais da "esquerda totalitaria") á que debe enfrontarse o pobo.

En fin, populismo e tecnocracia son complementarios, e aliméntanse un ao outro. Dúas respostas posibles a contexto político desgastado pola corrupción e polo rápido empobrecemento da sociedade, no que os eixos ideolóxicos como esquerda-dereita, ou nacionalista-non nacionalista, non conseguen mobilizar a sociedade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.