Feijóo, á espera do fracaso de Sánchez para decidir o seu futuro

Feijóo, nun mitin das xerais CC-BY-SA PPdeG

Do 5 ao 13 de marzo. Eses son, a priori, os 8 días determinantes para o futuro político de Alberto Núñez Feijóo. Ou, o que é o mesmo, para determinar se o actual presidente da Xunta opta a un terceiro mandato, como lle reclaman cada vez máis voces dentro do seu partido, ou emprende unha nova andaina na política estatal -ou, como se chegou a especular, fóra da política activa-. Este sábado, día 5, previsiblemente será a primeira xornada despois da investidura fallida de Pedro Sánchez e xusto ese día, mentres José Manuel Baltar é reelixido como candidato único á presidencia do PP de Ourense, comeza o calendario que culmina, o día 13, co congreso do PP de Pontevedra e disque tamén con algo máis de luz sobre o que fará Feijóo.

O período entre o 5 e o 13 de marzo preséntase como clave para coñecer se Feijóo recunca

Os propios populares indican que o congreso pontevedrés que situará a Alfonso Rueda no liderado provincial en substitución de Rafael Louzán será o escenario para que Mariano Rajoy e Feijóo falen demoradamente sobre o vieiro político que tomará o partido en Galicia. Sobre a mesa estará a marcha das segunda rolda de negociacións para a formación de Goberno en España, as posibilidades dunhas novas eleccións xerais e a conveniencia ou non, de celebrárense, de facelas coincidir cos comicios galegos, no que suporía un adianto duns catro meses sobre o inicialmente previsto, como en 2012.

Neste sentido, o propio Feijóo non é polo momento determinante sobre a súa preferencia para a convocatoria, prerrogativa que a lei lle outorga en exclusiva ao presidente da Xunta. "En outubro finaliza a lexislatura e na contorna do outono é cando tocaría facer eleccións", evidenciou o titular do Goberno galego este luns nunha entrevista en TVE. E, será el o candidato? A esta pregunta o xefe do Goberno galego retrucou debullando o proceso de elección de presidentes provinciais, "a renovación máis grande desde Fraga", asegura, en referencia á chegada a estes cargos de Diego Calvo na Coruña, de Rueda en Pontevedra e de Elena Candia ou Raquel Arias en Lugo.

Feijóo suxire que a conversa que terá con Rajoy no congreso de Pontevedra marcará a decisión sobre se recunca ou non

"No mes de abril dedidiremos convocar o congreso autonómico", ese "é o prazo que eu pedín para propoñer o que creo que é mellor solución para a o PPdeG", indica. Cando menos publicamente evita sequera suxerir que na súa axenda estea o paso á política estatal e menos aínda servir como remuda para Rajoy. Se as cábalas sucesorias ollan cara a el é "porque Galicia é importante", e isto á súa vez pasa porque "o presidente Rajoy é galego, por iso Galicia é tan importante".

Entre o desdén cara a Pedro Sánchez e os símiles deportivos segundo o cal os partidos da esquerda tentan "gañar nos despachos" o que, di, non gañaron nas eleccións do 20-D, Feijóo proclama que o que aconteza na investidura será "o que decidan o señor Iglesias, o señor Errejón e o señor Monedero", dando lugar a un clima de "inestabilidade" que, afirma, é xusto o contrario ao de Galicia, onde a "estabilidade está garantida". Por iso "o calendario galego ten que ser distinto ao da inestabilidade que estamos sufrindo no Goberno central".

Un adianto collería a case toda a oposición sen preparación para a carreira electoral

No entanto, xa existen voces internas que non verían con malos ollos un adianto electoral que, a tal punto, collería sen a mínima preparación a case toda a oposición. Quen ten máis perfilada a persoa que optará a Xunta é o BNG, que na súa Asemblea da pasada fin de semana eliminou a incompatibilidade entre a portavocía nacional e a candidatura e situou, polo tanto, a Ana Pontón como cartel electoral altamente probable. Mentres, o PSdeG disponse a convocar as súas primarias entre a incerteza de se Besteiro concorrerá a elas malia ao seu lastre xudicial, e no espazo das mareas resta saber, entre outros aspectos, se a confluencia se artellará esencialmente sobre os partidos ou se desta volta terán un papel central as plataformas municipais, paso este imprescindible para a confección de programas e candidaturas.

Feijóo, nun mitin das xerais CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.