“Dille aos teus que non te cambien”. Esa foi a recomendación que na tarde deste sábado deu o presidente Feijóo ao cabeza de lista de Ciudadanos pola Coruña, José Canedo, designado pola cúpula do partido en Madrid hai menos dun mes en substitución de Antonio Rodríguez, deputado electo por esa mesma circunscrición nas xerais de decembro, que cualificou a operación de “cacicada”. A recomendación deulla Feijóo en persoa, mentres o abrazaba, tras atoparse non tan casualmente na feira de Bertamiráns. Ambos xa foran contrincantes directos nas autonómicas de 2012, nas que Canedo era o candidato de UPyD á Xunta.
José Canedo foi designado pola cúpula de Ciudadanos hai menos dun mes en substitución de Antonio Rodríguez, deputado electo que cualificou a operación de "cacicada"
Foi case ao comezo do paseo electoral que Feijóo deu pola feira de Ames, entre un posto de pementos e outro de calcetíns, cando o candidato de Ciudadanos, que levaba un bo rato repartindo propaganda pola zona, fixo o posible por cruzarse co presidente e conseguir o logro de saír nas imaxes do día. Pola súa banda, Feijóo non deixou pasar a oportunidade de pór en evidencia a fraxilidade das candidaturas de Ciudadanos e a súa orixe no espectro político que ocupaba UPyD.
"Que diferencia hai entre Podemos e a marea?", preguntou Feijóo a un cidadán, que lle respondeu que "hai bastante, hai"
Algo máis adiante, Feijóo atopouse cun vendedor que dixo ser “de Podemos”. O presidente preguntoulle entón se era “de Podemos ou da marea”, ante o que o cidadán rectificou dicindo que “da marea”. Feijóo preguntoulle entón “que diferencia hai”, e a resposta do seu interlocutor foi que “hai bastante, hai”. Polo camiño, a Feijóo deulle tempo de mercar catro pares de calcetíns azuis -non lle valían doutra cor- por cinco euros, recibir unha bolsa de pementos de Padrón de regalo e acariciar un can schnauzer, Lolo, que lle lembrou a cadela que tivo vivindo con el en Monte Pío. Este domingo Feijóo, xa como presidente da Xunta, volve ao rural, á Semana Verde de Silleda.