Feijóo advirte de que as eleccións galegas poden non cadrar coas vascas

Feijóo, tras o Consello deste xoves © Xoán Crespo

“Supoño que ao lehendakari e a min nos gustaría que coincidiran, pero poden non coincidir e non temos ningunha conversa establecida”. Así deixa aberta o presidente Feijóo a posibilidade de que, en contra do ocorrido nas eleccións autonómicas galegas de 2009 e 2012, na súa próxima edición, que debe celebrarse antes do inverno, non coincidan coas de Euskadi.

En 2012 Feijóo axustou as eleccións galegas ás vascas co argumento "determinante" de que era bo para España que non houbese dúas convocatorias en datas tan próximas

Ao presidente Feijóo preguntóuselle este xoves na súa comparecencia tras a reunión semanal do seu Goberno pola data que prevé para a celebración das autonómicas. Feijóo insistiu en que serán “en outono”, que aínda non ten tomada unha decisión sobre a data exacta e que, malia ter unha "relación cordialísima" con el, non falou da cuestión co lehendakari Iñigo Urkullu. En 2012 (como en 2009 cando en Galicia as convocou o socialista Emilio Pérez Touriño), foi o presidente vasco o primeiro que puxo data e Feijóo axustou a ela a das galegas co argumento “determinante” de que era positivo para España que non houbese dúas convocatorias electorais en dúas datas tan próximas no tempo.

A Feijóo preguntóuselle tamén pola única formación que aínda non ten candidato nomeado para as autonómicas, a previsible reedición autonómica da asociación entre as mareas locais, Podemos, Anova e Esquerda Unida, e pola posibilidade de que Xosé Manuel Beiras fose o seu candidato. O presidente dixo non lembrarse de “cantas veces foi candidato” Beiras e que “xa era candidato cando eu estaba na Facultade de Dereito”. Feijóo dixo non estar pendente dos candidatos dos demais partidos e pediu “preguntar a Pablo Iglesias, o único que sabe quen vai ser o candidato das mareas de Podemos en Galicia é Pablo Iglesias”.

Durante varias semanas ou mesmo meses de 2017 a Xunta, goberne quen goberne, traballará cos Orzamentos prorrogados deste 2016

Mentres non se celebren esas eleccións, o presidente asegura que o seu Goberno segue a traballar na elaboración dos Orzamentos autonómicos para o próximo ano. A Xunta é consciente de que, cunha convocatoria electoral polo medio, coa correspondente disolución do Parlamento, as contas galegas non poderán ser aprobadas na Cámara e entrar en vigor antes do 1 de xaneiro, polo que durante varias semanas ou mesmo meses de 2017 a Xunta, goberne quen goberne, traballará cos Orzamentos prorrogados deste 2016. Pero a esa circunstancia engádese o feito de que nin sequera está claro se o Parlamento galego pode fixar xa un teito de gasto sen que exista o correspondente teito de gasto estatal, condicionado á súa vez á constitución do Congreso e a formación de Goberno. O Goberno galego tamén tardará en coñecer que cantidade dos Presupuestos Generales del Estado serán transferidos á Xunta.

Con todos estes condicionantes, Feijóo asegura que a Xunta traballa con varios escenarios posibles coa idea de que, a medida de que se vaian despexando esas incógnitas, os Orzamentos galegos poidan ir avanzando pasos na súa elaboración para que entren en vigor o antes posible. Algo similar xa pasou en 2013, cando os orzamentos autonómicos entraron en vigor o 28 de febreiro dese ano, logo dunha apresurada tramitación tras as autonómicas celebradas o 21 de outubro de 2012.

Feijóo, despois do Consello deste xoves © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.