Podería rematar a relación de Alberto Núñez Feijóo e Marcial Dorado nos tribunais? Podería, pero sendo o presidente da Xunta quen inicia accións legais contra a oposición que o censura e lle pide explicacións a raíz das fotografías publicadas por El País, nas que o actual xefe do Goberno galego aparece, na súa etapa como secretario xeral do Sergas, a bordo do iate do narcotraficante. Despois de que a sesión de control parlamentaria do pasado mércores derivase nun novo enfrontamento coa vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, a conta dos contratos coas empresas do narco, Feijóo aproveitou este xoves a súa comparecencia posterior ao Consello da Xunta para amagar con denunciar, sen mencionalo, ao voceiro de Alternativa, Xosé Manuel Beiras.
Preguntado polo cualificativo que Beiras lle dedicou mentres lle respondía a Díaz -"chulo de barra americana"- Feijóo asegurou que está "chegando á conclusión" de que "hai tempo" que a oposición "está buscando a imaxe de verse co presidente nun xulgado" e para iso está á a "sobrepasar todos os límites". "Lin diferentes artigos de opinión" e "escoitei algunha xente que me di que emprenda accións xudiciais pola imputación de delitos que algún deputado lle está formulando ao presidente do Goberno", debullou ante a prensa. "Empeza a ser razoable contemplar esa posibilidade", di.
"É incompatible ser presidente do Goberno e narcotraficante", di Feijóo para xustificar a eventual denuncia contra Beiras
Pero, contra quen e por que?, preguntóuselle. "Imputar un delio a un político e se ese político é o presidente do Goberno é o suficientemente grave como para reconsiderar interpoñer unha acción xudicial contar aqueles que rin dos galegos, das institucións, da democracia e do Parlamento" e iso, di, valora facelo contar "os que imputan" delitos pero tamén conta quen "os trasladan". E esas verbas "están no Diario de Sesións" da Cámara e tamén "nos xornais", porque algunhas das "imputacións" están "fóra do Parlamento".
No caso de executar o seu amago, todo semella indicar que, como vén facendo, Feijóo converterá as acusacións e críticas contra a súa persoa nunha causa contra a Xunta. Se vai ao xulgado será para "defender as institucións democráticas, o Estatuto, o Parlamento, a Xunta e a representación ordinaria do estado na comunidade autónoma". Todo isto porque "é incompatible ser presidente do Goberno e narcotraficante"; "o narcotráfico é un delito tipificado no código penal e un presidente do Goberno non pode ser narcotraficante". Pero, trátase de Beiras? "Querido amigo, non nos anticipemos ás cuestións que acabo de plantexar claramente". Non obstante, o presidente e o seu entorno admiten implicitamente que se trata do histórico nacionalista. "É a persoa na que vostede está pensando", respondeulle a outro informador.
AGE esixe a dimisión do presidente por "mentir"
Yolanda Díaz: "As mentiras e as amizades indesexables son incompatibles coa dignidade que se presume da Presidencia da Xunta"
Mentres, dende San Caetano, Feijóo lanzaba o seu intento de abrir un novo capítulo no caso Dorado máis favorable aos seus intereses políticos dende o Parlamento a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, reiteraba a necesidade de que o presidente deixe o seu cargo, precisamente por este caso. "Abonda xa de mentiras e contradicións, o presidente ten que render contas exhaustivas dos contratos [coas empresas de Dorado] ou dimitir". "As mentiras e as amizades indesexables son incompatibles coa dignidade que se presume da Presidencia da Xunta", abonda a número dous de Alternativa, para quen "a secuencia de mentiras e contradicións lastra todo o crédito ás palabras do presidente". "Nun primeiro momento -subliña- díxose que ían entregar todas as informacións e documentación oportunas" pero "sesión tras sesións, incumprírono".
Precisamente sobre os contratos, Feijóo mantense na afirmación de que o seu Goberno mesmo ofreceu "máis información" da que tería que dar, xa que, asegura, "non hai documentos" nos arquivos da Xunta anteriores ao ano 2003. "Si hai unha relación de pagamentos" e por iso a "ofertou", para "documentalo todo e máis". Pero, segundo o presidente, á oposición e nomeadamente á AGE "non lle importan os datos nin a documentación". "A realidade é suficientemente contundente" pero "a verdade neste caso non é o máis importante", conclúe.