Feijóo, ante as mareas: "O que producen en Galicia é a morte dos mariñeiros"

Feijóo e Rueda, nun intre do pleno © Conchi Paz

A sesión de control deste mércores no Parlamento comezou, por todas as bandas, cunha mensaxe de lembranza, preocupación e ánimo pola desaparición de tres bateeiros mentres traballaban en augas próximas a Corrubedo, en Ribeira. Aínda que ningunha das preguntas ao presidente tiña temática marítima todos os grupos e o propio Alberto Núñez Feijóo quixeron expresar a súa preocupación polo enésimo accidente no mar, unha actitude de "solidariedade" que ao remate da sesión ficou empañada por un inusitado xiro argumentativo do xefe do Executivo que, en resposta a Alternativa Galega de Esquerda, deu en lanzarse á precampaña municipal vinculando dialecticamente as mareas do mar coas mareas políticas, denominación que adquiren algúns dos movementos que están a traballar en candidaturas para as eleccións de maio.

Despois de que, en diferentes treitos das súas intervencións, o presidente lanzase afirmacións como que os prezos da luz están a baixar, en resposta ao BNG, a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, instouno a "baixar de Monte Pío", a súa residencia oficial, para comprobar fenómenos como a "pobreza enerxética" ou o "incremento da desigualdade" e da exlcusión social que reflicten informes como o FOESSA, elaborado a instancias de Cáritas. "Levamos tempo conectando co pobo, porque o coñecemos ben" e por iso "non nos botan con be, nos votan con uve", retrucou o presidente, que reivindica "o que fixemos" para que "a taxa de exclusión e de pobreza severa" sexan "inferiores ás de España".

O presidente repróchalle a Yolanda Díaz a "renda" de Pablo Iglesias

Para o presidente esa "verdade contundente" prodúcese grazas á que a "estratexia" do Goberno que dirixe é "a dos máis febles, a dos servizos públicos a pesar da recesión" e a de "traballar con humildade sen insultar a ninguén". Foi neste punto no que para a reivindicación da xestión propia optou polas metáforas mariñeiras, non sen previo paso, como noutras intervencións, por Podemos. "Hai outros que falan de que ninguén pode cobrar máis de 1.500 euros e acreditan rendas superiores a 70.000", proclama, en referencia aos ingresos de Pablo Iglesias en 2013, publicados polo partido e correspondentes, obviamente, a cando aínda non era eurodeputado e non tiña salario como tal. "Eses -prosigue o presidente- son os das mareas; as mareas o que producen en Galicia é a morte dos mariñeiros" e "esas son as únicas que nos preocupan", conclúe.

Pobreza en Galicia

Alén das preocupacións municipais e das metáforas máis ou menos afortunadas o presidente da Xunta insta a ler en positivo o devandito estudo sobre a pobreza. A oposición e, nomeadamente, Yolanda Díaz, tenta "enganarnos a todos" cando alerta deste fenómeno porque, en realidade, "somos a comunidade con menor porcentaxe de persoas en exclusión severa" e "a nosa baixada de salarios é inferior á de España". "Sei perfectamente no país no que vivo" e "coñezo perfectamente a situación do meu pobo, non é necesario que mo reflicta cada día", repróchalle á parlamentaria de AGE, á que insta a estar "atenta" á xuntanza do Consello da Xunta deste xoves, no que "imos aprobar unha estratexia do plan de inclusión social".

O PSdeG pide saber se Pachi de Lucas participou nas negociacións con Pemex

O titular da Xunta saca peito a respecto dos datos da pobreza en resposta a AGE, fai o propio coa situación de Alcoa para responderlle ao BNG e algo semellante acontece co PSdeG, que o cuestionou polas "promesas incumpridas" para o sector naval. "Levamos dous anos cumprindo; o noso compromiso é conseguir carga de traballo e estamos cumprindo, era a viabilidade dos servizos públicos e estamos cumprindo". O voceiro socialista, José Luis Méndez Romeu, instouno ademais a aclarar "que pintaba nas negociacións con Pemex" o presunto conseguidor da trama Zeta, Pachi de Lucas, "o seu particular pequeno Nicolás". "De que me fala, quere volver manchar a negociación de Pemex?", repregunta o presidente.

Feijóo e Rueda, nun intre do pleno © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.