Feijoo, apupado por manifestantes e protexido pola policía na terceira vez que presenta o Hospital 2050 de Ourense

Algúns dos manifestantes retidos pola policía CC-BY M. Carballada

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveu a Ourense para presentar unha vez máis o chamado Hospital 2050. Esta vez veu acompañado dun importante numero de autoridades, entre as que se atopaban membros do seu goberno e dous altos cargos do goberno do Estado: a secretaria xeral de Sanidade, Pilar Farjas e a secretaria de estado de Innovación, Carmen Vela. Porén esta visita foi diferente debido a benvida que lle esperaba ao presidente galego. 

Feijoo, ao igual que os membros do seu Goberno, foi recibido por unhas 60 persoas representantes da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, do movemento 15M e do colectivo Estudantes sen Futuro, que non deixaron de corear consignas contra as política desenvolvida polo PP na Xunta e no Goberno do Estado. Os reproches incrementáronse cando chegou o presidente; daquela, un adolescente de Estudantes sen Futuro tocoulle un brazo e tres escoltas botáronse enriba do rapaz. O propio presidente perdeu a compostura pola intervención do seu equipo de seguridade pero de seguido puido seguir o seu camiño. Pola contra, o adolescente foi reducido pola escolta presidencial e pola policía autonómica, ata que desaloxou o recinto feiral.

Un adolescente de Estudantes sen Futuro tocoulle un brazo e tres escoltas botáronse enriba do rapaz. O propio presidente perdeu a compostura pola intervención do seu equipo de seguridade

Un forte cordón policial, con forcexeo incluído, tratou de salvagardar o lucimento do presidente galego. Para desenvolver un proxecto xa explicado non se dubidou en deseñar un gran escenario con monitores en consonancia co hospital de vangarda que se ía presentar. A única novidade foi que antes de catro meses se redactará un proxecto por valor de 600.000 euros para a adaptación dun edificio xa construído ao emprego de novas tecnoloxías. Se todo transcorre como anuncia a Xunta, o invesetimento ao longo do tempo chegará aos 40 millóns de euros. A outra gran dúbida, xa publicada por Praza e referida ao financiamento europeo, tampouco foi despexada xa que Feijóo se limitou a dicir: “A presenza da secretaria de estado de Innovación acredita que os fondos están ao servizo do Reino de España”.

 

Defensa da austeridade

A firmeza na defensa da súa política económica só foi rota polo discurso do alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, quen se referiu ao recorte no gasto en medicamentos, en servizos de urxencias e a carencia de centros de saúde na cidade

Antes o presidente tirou de argumentario e reivindicou a súa política de austeridade e equilibrio das contas públicas que “converte a Galicia na comunidade máis solvente de España”. Segundo o titular do Executivo  “así se poden construír hospitais en Vigo, Lugo, Pontevedra, Ourense e A Coruña....”. A firmeza na defensa da súa política económica e o entusiasmo entre unha bancada chea de dirixentes populares só foi rota polo discurso do alcalde socialista de Ourense, Francisco Rodríguez, quen se referiu ao recorte no gasto en medicamentos, en servizos de urxencias e a carencia de centros de saúde na cidade.

O rexedor tamén aludiu a necesidade de pechar os convenios europeos que aínda quedan por asinar para que “o hospital non sexa só unha metáfora”. Francisco Rodríguez puxo unha nota discordante entre a euforia desatada nunha sala que non se chegou a encher pero na que non deixaron de ouvirse eloxios a Pilar Farjas, Javier Guerra e a actual conselleira, Rocío Mosquera.

Foi precisamente Rocío Mosquera, que se referiu a Ourense como Orense durante toda a súa alocución en español, a que sinalou que o novo centro sanitario converterá a cidade “na capital europea da innovación sanitaria” e cualificou a súa prececesora como “unha precursora nas políticas de innovación e investigación”.

Algúns dos manifestantes retidos pola policía CC-BY M. Carballada
Os manifestantes ás portas do hospital CC-BY M. Carballada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.