Feijóo atribúe a "maioría" das ausencias nas reválidas ás "mentiras" do BNG

Feijóo, durante a sesión de control © Xoán Crespo

"Quince" persoas do BNG a manifestarse ante San Caetano fronte ao "noventa por cento" dos colexios de Galicia. É o bosquexo que o presidente da Xunta realiza sobre o acontecido nas aulas do país durante a celebración das reválidas da LOMCE, que estes días se desenvolven en terceiro de Primaria con Galicia a encabezar as ausencias do alumnado. A portavoz nacional e candidata do BNG á Xunta, Ana Pontón, asumiu este mércores por primeira vez na lexislatura -xa o fixera na pasada- a formulación das preguntas ao presidente, a quen instou a darlle as costas ao "autoritarismo e falta de sentido pedagóxico" destas probas contempladas na 'Lei Wert' e a escoitar o "clamor" na súa contra. Ese clamor non é tal, di o popular, quen ve as ausencias escasas e a "maioría" delas, causadas polas "mentiras" do BNG.

"Eu non teño nada que obxectar ás familias que voluntariamente deciden que os seus nenos e nenas non acudan a facer unha proba voluntaria", afirma Alberto Núñez Feijóo, quen non obstante ve o "clamor" só "suposto" e "alentado por vostedes mesmos", dille a Pontón, identificando así a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público -un dos colectivos que, como as federacións de ANPAS e diversos sindicatos, instaron a non acudir aos exames- unicamente co Bloque. "Me resulta difícil aceptar un plantexamento que se basea na falta de verdade", reprocha o presidente, quen achaca á formación nacionalista "mentiras" como "dicir que este control é obrigatorio, que é un exame, que haberá un ránking [de colexios] ou que forma parte da nota".

Feijóo proclama que "o 90% dos centros" secundaron as probas e acusa o BNG de "facer política cos nenos", que "non ten nada que ver coa liberdade"

"Tampouco é verdade mentir co tema das porcentaxes", agrega o titular da Xunta. Despois de que a Consellería de Educación cifrase o absentismo nas probas nun 40% e os colectivos opostos ás mesmas, entre un 70% e un 80%, Feijóo sentencia que "o 90% dos centros acudiron a facer" a reválida. Isto, asegura, proba que a chamada á insubmisión fracasou e acredita que "non é bo facer política cos nenos e coas nenas, porque non ten nada que ver coa liberdade e coa formación".

Pontón coida que as ausencias nos exames amosan que "unha maioría social" rexeita a LOMCE

"Pode facer as piruetas que queira, pero a realidade é a que é", retrucou Pontón, convencida de que "hai unha maioría social" que expresa "con contundencia" a súa oposición "á reválida e á LOMCE", unha lei que "non se ngociou con ninguén". O controvertido proxecto do Goberno do PP "é unha lei morta e retrógrada, vai en contra do autogoberno e do dereito a ter unha educación pública, democrática e de calidade", di a nacionalista, quen apela ao "espírito" de "defensa do ensino público" que "ten que estar na Presidencia" da Xunta. "Afortunadamente -agrega- outubro está cerca e vostede non vai aprobar a reválida".

"As familias ás que vostede quere utilizar, eu quero protexelas", respondeu Feijóo na súa derradeira quenda. O PP e a Xunta, mantén, teñen a "virtude" de "encher" as aulas de "liberdade e decisións" fronte ao "vicio" do nacionalismo de "adoutrinar o ámbito eductivo permanentemente". As "mal chamadas reválidas, porque son controis" realízanse "en toda Europa" e por iso se seguirán a realizar e a contar co apoio "da maioría" das familias, afirma. "Os que estudamos na ensinanza pública imos seguir defendendo a ensinanza pública, digan o que digan os plantexamentos do nacionalismo", conclúe.

Concentración contra as reválidas á que aludiu Feijóo CC-BY-SA CIG Ensino

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.