Feijóo bota en cara a En Marea que politice o galego, ao PSOE o paro e ao BNG a corrupción

O presidente Feijóo, este mércores no Parlamento Dominio Público Xunta de Galicia

En Marea é responsable de meter a lingua galega na “loita partidista”, o PSdeG non pode preguntar á Xunta polo paro porque durante os seus gobernos este subiu e o BNG non pode criticar a corrupción no PP porque o seu ex-conselleiro de Industria durante o bipartito, Fernando Blanco,  está imputado. Este é o resultado da sesión de control ao Goberno da Xunta celebrada este mércores no Parlamento de Galicia, que o presidente Feijóo converteu unha vez máis en sesión de control á oposición.

A sesión de control ao Goberno da Xunta volve converterse nun debate de fiscalización da oposición por parte do presidente

Comezou a sesión coa portavoz do BNG, Ana Pontón, botando en cara a Feijóo que a corrupción do PP contribúe ao incremento do paro a través da mala xestión dos recursos públicos ou os “favores” a empresas afíns como Ferrovial.  A nacionalista salientou a “inestabilidade que está xerando en todo o Estado un partido [o PP] que está trufado pola corrupción” e no que Feijóo é “membro da dirección estatal”. A resposta de Feijóo, xunto coa habitual apelación aos mellores datos económicos de Galicia con respecto ao resto de España, foi que a corrupción afecta a todos os partidos, incluído o BNG, e preguntoulle a Pontón “onde está” o ex-conselleiro nacionalista do bipartito Fernando Blanco, imputado nunha das causas derivadas da operación Campeón. “Non se toma en serio a corrupción”, chegou a dicirlle o presidente á portavoz nacionalista.

O presidente e Leiceaga enleáronse botándose en cara os datos da EPA ou do paro rexistrado segundo fosen mellores ou peores para os seus argumentarios

A seguinte pregunta ao Goberno foi a que o portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, formulou sobre os malos datos de emprego en Gailcia ofrecidos pola última enquisa de poboación activa (EPA). A resposta de Feijóo incluíu o seu reproche ao PSOE polo incremento do desemprego durante os seus gobernos e a súa pregunta sobre “cales son as receitas” e “as propostas” do PSOE. O presidente e Leiceaga enleáronse botándose en cara os datos da EPA ou do paro rexistrado segundo fosen mellores ou peores para os seus argumentarios. Feijóo chegou a tirar da caída da poboación para xustificar o descenso do número de empregados -136.000 menos que en 2009, segundo salientou Leiceaga-, e o socialista botoulle en cara que ese retroceso demográfico tamén “funciona a favor da redución das taxas de desemprego”. O presidente tamén insistiu en que mantén a súa promesa de crear "80.000, 100.000 novos empregos" ao longo da lexislatura.

Villares, Leiceaga e Pontón, durante a sesión de control / PARLAMENTO DE GALICIA

Feijóo bota en cara a Villares que pregunte polo galego a poucos días do Día das Letras e a continuación anuncia un plan para promover a lingua entre a mocidade

A última pregunta da sesión correspondeu ao portavoz de En Marea, Luís Villares, que inquiriu á Xunta polo efecto das súas políticas no retroceso do uso do galego. Feijóo comezou a súa resposta botándolle en cara que preguntase pola cuestión xusto uns días antes da celebración do Día das Letras Galegas -que situou inicialmente no "15 de maio", para despois rectificar- e reprochoulle tamén que a deputada de En Marea en Madrid Yolanda Díaz fale agora “en español” e que o programa de televisión La Tuerka, realizado en Madrid con Pablo Iglesias como un dos seus presentadores, non empregue o galego.

O presidente suxeriu a Villares que lea a Carlos Casares, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, e ao que presentou como “construtor de pontes”. Feijóo tamén reclamou a Villares “excluír a lingua da loita partidista”, obviando as campañas de ataque ao galego que o PP apoiou durante a campaña electoral de 2009 que o levou de volta á Xunta. Feijóo admitiu que os principais problemas do galego rexístranse “no eido económico e na mocidade”, e nese ámbito anunciou, a poucos días do Día das Letras, a presentación dun plan de impulso da lingua entre os máis novos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.