A asimilación -máis ou menos intencionada, segundo os casos- dos sistemas parlamentarios como o galego ou o español aos sistemas políticos presidencialistas dá lugar a que, moitos meses antes dunhas eleccións lexislativas, xa se fale de candidatos ou candidatas á Presidencia, neste caso da Xunta. Pero o certo é que, alén das decisións internas de cada formación política ou das fotografías que figurasen en cada cartel electoral, o certo é que ata este venres non existiu, legal e formalmente, ningún aspirante á xefatura do Goberno galego no marco do proceso electoral do 21-O, igual que non existe aínda, polo tanto, ningún presidente electo.
A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, recibiu estes venres no seu despacho do Pazo do Hórreo aos voceiros dos catro grupos con representación na Cámara para consultarlles as súas propostas de candidatos ou candidatas a encabezar a Xunta durante os próximos catro anos. Atendendo aos resultados electorais, o formalismo cumpriuse estritamente e só o PP presentou candidatura, a do deputado Alberto Núñez Feijóo, que conta co aval dos 41 deputados conservadores. Rojo realizou formalmente a proposta e, nun encontro con Feijóo, encomendoulle a presentación do discurso de investidura, que o actual presidente en funcións exporá ante o pleno o vindeiro martes, 27 de novembro. Dous días despois, o 29, o popular será investido presidente, na xornada do 30 de novembro a elección sairá publicada no DOG e no BOE e comunicada ao rei. Xa o 1 de decembro, tal e como prevera o propio Feijóo, celebraranse os actos de toma de posesión.
Tras as súas xuntanzas con Pilar Rojo, os tres líderes da oposición evidenciaron a súa aposta por non presentar candidaturas alternativas e a única diferenza reside en que, mentres que AGE e BNG votarán en contra, o PSdeG "probablemente" se absteña, segundo sinalou o secretario xeral da formación, Pachi Vázquez. O seu grupo, di Vázquez, ten claro "que hai un ganador nas eleccións e ten que ser o presidente de Galicia", polo que non aproveitará o debate para facer "xogos malabares ou cousas raras". "Os resultados son claros" e o proceso desenvolverase "con absoluta normalidade", mantén.
Un ton máis retranqueiro foi o empregado polo voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, quen anunciaba que só "un milagre" consistente en que "o señor Núñez" lle dea "un xiro de 180 graos" á súa política podería facer que Alternativa apoiase a investidura do candidato do PP. Pero, dado que non prevé que Feijóo pase de "agredir" a "defender" a cidadanía de Galicia, AGE ten "moi claro" que "estamos na oposición e hai un grupo con maioría absoluta" a quen lle corresponde designar presidente. Non obnstante, bromea, "estiven tentado" a "coller por sorpresa" á vicevoceira do seu grupo, Yolanda Díaz, e "facerlle a faena" de propoñela como candidata".
O debate de investidura rematará o xoves 29 e o día 1 Feijóo tomará posesión como presidente
Os outros votos en contra provirán da bancada do BNG que, di o seu voceiro na Cámara, Francisco Jorquera, "non apoiará" a investidura a causa das políticas que veu desenvolvendo ata agora. "Iniciou a súa acción de goberno cun ataque ao galego sen precedentes" e continuou "cun desmantelamento progresivo da base económica e produtiva" e mais "do autogoberno". "As súas políticas son lesivas para os intereses de Galiza e das maiorías sociais", enfatiza o nacionalista, polo que o Bloque se centrará, xa no propio debate de investidura, en desenvolver o "mandato claro" da cidadanía, consistente en "exercer un labor contundente de oposición" e "na defensa dos dereitos sociais e nacionais de Galiza".