Feijóo celebra cen días de mandato poñendo a súa xestión como "modelo" na Moncloa

Un intre da xuntanza da recepción de Rajoy a Feijóo © Goberno de España

Houbo un tempo en que as visitas dos presidentes da Xunta ao palacio de La Moncloa remataban nun relatorio de promesas, xeralmente vinculadas a substanciosos investimentos en obra pública, ou de agravios, en función da coincidencia ou non da cor política dos gobernos galego e central. Sucedía así cando Manuel Fraga visitaba a Aznar -ata que o Prestige o manchou todo, tamén as relacións do fundador do partido da dereita co seu sucesor-, cando Touriño era recibido por Zapatero ou cando, tras o cambio de Goberno, Alberto Núñez Feijóo acudía a Madrid para reunirse co líder socialista. Este luns Feijóo foi recibido por segunda vez na Moncloa dende que Rajoy é o inquilino da sede presidencial española e, tras facer cen días dende o inicio do seu segundo mandato na Xunta, o xefe do Executivo galego apostou por presentar a súa xestión como "modelo".

Máis que promesas, Feijóo debullou ante a prensa madrileña o abano de peticións que antes lle trasladara ao seu xefe de filas, a comezar por que as persoas afectadas polas preferentes de Novagalicia Banco sexan compensadas con cartos e non con "papel ou accións" da entidade bancaria. Rajoy está "predisposto" e é "proclive" a esta solución, asegura, ao tempo que obvia que a devolución do diñeiro atrapado é practicamente imposible, atendendo ás condicións do rescate bancario da Unión Europea ao Estado español. Feijóo tamén reclamou "ou dique ou barcos, ou barcos ou dique" -o PP vén de rexeitar o dique flotante no Congreso dos Deputados- para os estaleiros de Ferrol e entregoulle un informe sobre as alegacións da Xunta á lei de reforma local que ten en pé de guerra os alcaldes e alcaldesas do PP.

Feijóo obvia as condicións do rescate bancario e di ver a Rajoy "proclive" a unha solución para as preferentes

No capítulo de promesas concretas -no que a datas se refire- figura a conclusión da autovía do Cantábrico neste ano, do eixo atlántico ferroviario para 2014 e outra que antes de que a crise o impregnase todo era carne de enormes titulares: o AVE. Desbotada a data de 2015 -como antes o foron as de 2012 ou 2009- Feijóo regresa asegurando que Rajoy empeña a súa palabra en que os recortes orzamentarios non impedirán que o tren rápido circule entre Galicia e Madrid no ano 2018. Mentres, dende Moncloa, un escueto comunicado sinala que Rajoy e Feijóo "repasaron a situación das infraestruturas en Galicia", "en especial" as devanditas autovía e vías férreas, e "falaron da colaboración en materia de seguridade e da cooperación para desbloquear convenios tecnolóxicos", así como da "situación dos sectores lácteo, pesqueiro e naval", da "reforma da administración local" e da "problemática dos cidadáns galegos que adquiriron determinados produtos financeiros".

Feijóo saca peito, a oposición censúrao

Á marxe da orde do día, Feijóo aproveitou o atril madrileño para gabar a súa propia xestión económica. Hai anos Galicia "miraba a Cataluña con moito interese e certa envexa" polo seu "benestar", asegurou o presidente, para despois sentenzar que o "modelo" a seguir é agora o da Xunta. A Administración galega é "solvente" e a súa situación financeira, "estable", asegura, e como mostra exemplifica que a Xunta non recorreu ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA) ou que rematou 2012 co déficit público no 1,19, cando o límite fixado no Consello de Política Fiscal e Financeira era do 1,5%.

Pero o que para Feijóo é motivo de fachenda para a oposición galega é motivo de preocupación e crítica cando se fan os simbólicos cen días. Feijóo, di o voceiro do PSdeG no Parlamento, Abel Losada, debería ter en contra que "vai á sede do Goberno español, onde se deciden cousas extremadamente relevantes" e non a unha "feira de mostras" para "promocionarse a si mesmo". En todo caso, sinalou Losada dende Santiago cando en Madrid comezaba a xuntanza, "agardo que o documento que presente" Feijóo "non sexa o panfleto do xoves pasado", en referencia ao informe distribuído pola Xunta sobre os primeiros cen días de Goberno. O titular da Xunta, censura, está inmerso "nun afán desmedido por protagonizalo todo" pero "absolutamente desconectado da realidade social, económica, laboral e política" do país".

A oposición ve a Feijóo centrado na súa "promoción" persoal e non agarda nada positivo da reunión da Moncloa

Mentres o PSdeG transforma a Feijóo en "Alberto no país das marabillas" AGE ve constatado, tras os primeiros cen días, que "o resultado das receitas aplicadas" polo PP na Xunta recunca no resultado "coñecido" durante catro anos: "destrución", xa sexa "do emprego", "do medio ambiente", "do tecido produtivo" ou "da lingua". "Os cen primeiros días do novo Goberno do PP supoñen acelerar o camiño cara ao abismo social", din. Para o voceiro parlamentario de Alternativa, Xosé Manuel Beiras, Feijóo "e os seus acólitos ocupan San Caetano" para "facer antipolítica e agravar o impacto destrutivo da crise" mentres amosan "pasividade cómplice" coa corrupción" e lle "faltan ao respecto ás soberanías popular e nacional galegas".

Tampouco o BNG tira nada positivo nin dos primeiros cen días nin da reunión da Moncloa. O voceiro do Bloque na Cámara galega, Francisco Jorquera, xa non agardaba "nada" da reunión con Rajoy, porque Feijóo "carece de actitude necesaria" para "defender a Galiza". Ben ao contrario, di o nacionalista, Feijóo mantense na súa actitude de "escudeiro de Mariano Rajoy" aínda que "cuestións fundamentais derivadas da política estatal" están a "afectar moi negativamente aos sectores produtivos galegos" como o naval, o pesqueiro ou o lácteo. 

Feijóo e Rajoy, ás portas da Moncloa © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.