Feijóo centra a mensaxe de fin de ano en presentar Galicia como antítese de Catalunya

Mensaxe de fin de ano do presidente da Xunta, dende o Museo do Mar de Vigo © Xunta

Catalunya foi en outubro a protagonista do principal discurso parlamentario anual do presidente da Xunta, o do debate de política xeral, e Catalunya volveu ser un suxeito transversal na derradeira intervención pública de Alberto Núñez Feijóo en 2017, a tradicional mensaxe de fin de ano. Gravada desta volta na sala do Museo do Mar de Vigo onde se expón o 'Pergamiño Vindel', que "dá fe dunha realidade chamada Galicia", o xefe do Goberno aproveitouna para debullar o que define como "modelo galego de convivencia", que "adopta diferentes formas" pero que "sempre se fundamenta na cohesión".

Como hai doce meses, o presidente fai resumo da súa propia xestión nunha positiva clave económica. O PIB, a débeda ou o déficit amosan mellores indicadores que no remate de 2016, destaca Núñez Feijóo, e as "contas saneadas" da Administración autonómica permiten seguir afrontando o desemprego que aínda provoca "desacougo" na sociedade. "Quedan necesidades sen atender, marxinacións sociais que reclaman medidas", pero o "autogoberno intacto" de Galicia, asegura, permitirá abordalas.

Feijóo esixe "consecuencias políticas" para Catalunya e "incorporar" ao debate do financiamento autonómico "as amargas leccións dos recentes acontecementos" derivados do proceso soberanista

Nun contexto de "previsibles debates sobre a reforma constitucional, a revisión do modelo territorial e o financiamento autonómico", Feijóo asegura que Galicia terá "presenza singular". El, asegura, vai contrapoñer o devandito "modelo galego" fronte ao independentismo catalán e advertirá de que "os pasos que se dean" teñan que "incorporar as amargas leccións dos recentes acontecementos en Catalunya".

O soberanismo catalán, acusa, "atentou gravemente contra a Constitución e, polo tanto, tamén contra o noso Estatuto de Autonomía" e por iso "ademais das inevitables consecuencias xurídicas que eses feitos puidesen producir, debe haber consecuencias políticas". Segundo o presidente da Xunta, "a deslealdade non pode ser premiada mediante financiamentos á medida ou proxectos que non garantan o respecto á lei".

O presidente eloxia a "unidade" fronte á vaga de incendios, que segue a atribuír ao "terrorismo"

Mentres que Catalunya representa, segundo o líder conservador, "un patrón de conflito permanente", a Galicia cuxos habitantes son "benvidos en calquera lugar do mundo" e que goza dun "ano histórico para o turismo" ofrece "un modelo" no que "se pode confiar". É "un país de palabra", un "dos máis antigos e característicos de España e de Europa" que "garante a unidade, o benestar e a solidariedade en momentos dramáticos" como o da vaga de incendios de outubro, que segue a atribuír ao "terrorismo incendiario". "Se a intención desa forma de delincuencia era sementar a división social, Galicia soubo dar unha resposta admirable", resolve, "a mesma que merecen outras execrables manifestacións de violencia, como a violencia machista".

Cara ao 2018 o titular da Xunta bota man das elixidas como palabra do ano neste ano e no anterior para desexar que "a irmandade e a afouteza sexan a nosa divisa no ano que comeza". "Oxalá Galicia siga sendo unha gran familia unida", resalta.

Dominio Público Sinal institucional da Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.