Feijoo chama a evitar que Castelao sexa "refén dunha parte de Galicia"

Villares, Rojo, Núñez Feijoo e Mella © Consello da Cultura Galega

O 10 de marzo de 1944 saía do prelo en Bos Aires o volume Sempre en Galiza, publicado polo Centro Ourensán baixo o selo da súa casa editorial, As Burgas. Uns meses máis tarde, o 2 de xullo, a obra era presentada publicamente, no marco do banquete de homenaxe a Castelao nos salóns do céntrico hotel Prince George's Hall da cidade bonaerense ao que acudiron, segundo as crónicas da época, máis de dous mil comensais. Ao longo deste ano 2014 distintos actos están celebrando o 70 aniversario da publicación da obra, coma por exemplo o organizado o pasado 30 de maio na capital arxentina polo Centro Galego de Bos Aires, o Instituto Argentino de Cultura Galega e a Real Academia Galega.

Ou o que este venres pola mañá tivo lugar no Salón dos Reis do Parlamento galego, organizado polo Consello da Cultura Galega e a Fundación Castelao. Alí, nun acto presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella, representantes de distintos ámbitos da sociedade galega (Víctor Freixanes, Inma López Silva, Marcial Gondar, Siro López, Xesús Palmou ou Margarita Ledo) leron pasaxes do Sempre en Galiza, ao tempo que destacaron os valores da obra e do seu auto. O acto pechouse coa intervención de Núñez Feijoo.

O presidente da Xunta destacou que a obra "destila o devezo dunha Galicia culta e formada, consciente do valor do seu patrimonio e das súas capacidades; conectada a Europa, con voz propia no mundo e dotada dos medios para decidir"

O presidente da Xunta destacou que a obra "destila o devezo dunha Galicia culta e formada, consciente do valor do seu patrimonio e das súas capacidades; conectada a Europa, con voz propia no mundo e dotada dos medios para decidir, en liberdade, os termos do seu presente e do seu futuro”. Núñez Feijoo destacou que os pensamentos de Castelao "continúan vixentes nos nosos días", pero engadiu que "sería pouco útil achegarse coa actitude propia dunha análise estática, tanto como cinguirse ao interpretalos á súa mera literalidade, ignorando por completo as circunstancias as que foron escritos". Feijoo concluíu que “Sempre en Galiza é un regalo que Castelao nos fixo tamén a todos os galegos" e que nese senso "facelo refén da Galicia de onte ou dunha única parte da Galicia de hoxe é non entender a liberdade pola que el tanto loitou”.

Feijoo fixo fincapé en que o país conta "con servizos públicos universais" ou que "ten tres universidades públicas que fornecen a sociedade de masa crítica e de talento para o progreso"

Núñez Feijoo destacou que Galicia, "un país novo", foi construído en gran parte “coa argamasa do seu ideario” e destacou que "emprega con normalidade e lle dá sitio en todos os ámbitos da vida pública e privada ao seu idioma propio, recoñecido como lingua oficial ao carón do castelán". Tamén subliñou que "somos hoxe en día a Galicia democrática que desbota os fanatismos, que elixe o seu propio Parlamento, e que debate aquí o modo de xestionar asuntos que lle atinxen directamente". Tamén fixo fincapé en que o país conta "con servizos públicos universais" ou que "ten tres universidades públicas que fornecen a sociedade de masa crítica e de talento para o progreso". O presidente da Xunta concluíu que os "enormes desafíos" que Galicia ten por diante "seguen a facer imprescindible o poder mobilizador do galeguismo construtivo de Castelao", destacando que “é un país mellor grazas aos que, como Castelao, fixeron callar a idea de que podía selo”.

 

"Un libro que marcou o pensamento de sucesivas xeracións galegas"

"Sen este texto, seriamos máis pobres intelectualmente e menos dignos politicamente", concluíu

No acto tamén interveu Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, que destacou que “hoxe recordamos un libro que marcou o pensamento de sucesivas xeracións galegas e un autor que foi un símbolo para os seus coetáneos e para a posteridade”. Villares tamén salientou, en referencia á homenaxe que hai 70 anos recibira Castelao que “aquel banquete merece ser recordado porque aquela xente quixo facer un acto de afirmación no ideal político que representaba o primeiro dos exiliados galegos nunha cidade chea de emigrados”. Segundo o presidente do CCG, co libro "recordamos un autor que se volveu xa en vida un guieiro e que despois da súa morte sería convertido nun símbolo para os seus coetáneos e para a posteridade, algo ben difícil nunha Terra moi dada a ter ollada de mordomo respecto dos seus líderes".

Para Villares, Castelao "tivo a coraxe de escribir un libro que ao mesmo tempo é un relato das experiencias políticas do autor, un ensaio que anovaba decisivamente a Teoría do nazonalismo galego de Vicente Risco, e un longo catálogo de propostas para o porvir inmediato e, mesmo, de utopías galegas”. "Sen este texto, seriamos máis pobres intelectualmente e menos dignos politicamente", concluíu.

CCG, Galaxia e USC elaboraron unha app que contén o Sempre en Galiza completo e numerosos contidos adicionais

Desde este venres, ademais, os sitios webs do Consello da Cultura Galega poñen a disposición dos usuarios unha aplicación para dispositivos móbiles (Apple e Google Android) que consiste na edición dixital aumentada do texto. O Consello da Cultura Galega e a Editorial Galaxia, coa colaboración do Parlamento de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela, elaboraron unha app que contén o Sempre en Galiza completo e numerosos contidos adicionais, como os estudos sobre o proceso de creación e documentación da obra, materiais adicionais, biografías de Castelao, fotogalerías, vídeos, etc.

Banquete de homenaxe a Castelao, 2 de xullo de 1944 Dominio Público Praza Pública
Intervención de Alberto Núñez Feijoo no Parlamento Dominio Público Praza Pública
Público asistente ao acto © Consello da Cultura Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.