O xornalista Fernando González, Gonzo (Vigo, 1976) leva anos exercendo o xornalismo e a crónica política, as máis das veces combinados coa retranca e o humor. Malia á súa longa traxectoria en múltiples medios -dende RNE en Santiago á TVG, onde presentou un espazo informativo cancelado tras o retorno do PP á Xunta en 2009- boa parte da súa sona débese a dous programas: o desaparecido Caiga quien caiga e o exitoso El Intermedio de laSexta, onde exerce como reporteiro. Hai apenas un mes saíu do prelo o primeiro libro de Gonzo, ¡Todo por mi país! (Planeta), un ensaio político en clave de retranca que, encabezado por unha célebre cita de Castelao, "as sardiñas volverían se os gobernos quixesen", retrata múltiples persoeiros políticos que, tras un suposto fervor patriótico, deron en agochar os máis diversos intereses particulares.
En Todo por mi país repasa dende o xornalismo e a retranca personaxes que se caracterizan a si mesmos polo seu patriotismo... Un patriotismo que frea á altura de cadansúas carteiras.
O seu patriotismo é un xeito de entreter a xente mentres o que fan é a súa actividade principal, que non é a patriótica, senón a económica. A conclusión que tirei despois de escribir o libro non é que fosen patriotas dende o principio e chegasen nun momento á dicotomía de seguir pola vía do patriotismo ou dos cartos. Teñen apego ao poder e ao diñeiro, algo completamente distinto ao patriotismo e ao servizo público, a traballar polo interese xeral. Supoño que algúns tiñan a idea orixinaria e se perderon polo camiño, pero creo que a maior parte están aí para ter unha vida pracenteira. Optaron pola política e á maioría non lles foi mal ata que os cacharon. No capítulo We are the champions, falo de como mesmo deportistas aos que se lles acaba a carreira profesional non din que non cando chegan os políticos a ofrecerlles a foto. Foi o caso de David Cal, que foi da man de Telmo Martín, dixo que estaría os catro anos e aos cinco días, marchou. Polo menos este foi honrado e marchou e non quedou a chupar do bote.
Sería máis incómodo ou chegaría a ser posible escribir un ensaio político coma este sen unha importante dose de retranca, de humor?
Primeiro escribín a parte máis dura, porque eu non son escritor; facía unha exposición de feitos que precisaban un certo relato. Cada decisión tomeina como cando fago as reportaxes: preguntas serias guiadas por un pouco de retranca, un punto de sorna... É un xeito de conseguir que parecese máis natural en min sen pretender ser o escritor que non son. Que se poida dixerir mellor; nalgúns capítulos quedou mellor e noutros, xa sei como non facelo se escribo un segundo libro.
Non resulta revelador que, nun momento coma este, espazos como Salvados ou El Intermedio pasasen a ser unha referencia da audiencia para informarse?
"Despois do 15-M dixemos: se hai que ser un informativo, hai que selo"
No caso de Salvados non falo con tanto coñecemento, pero no caso do Intermedio si, porque o cambio colleume dentro. Non foi o programa quen intencionadamente dixo que tiraría pola información, foi a xente co 15-M cando sabían o que estaba pasando nas rúas e nas prazas e despois non vían reflectida esa realidade nos informativos convencionais. E viñeron a El Intermedio. Eu lembro o primeiro día que fixemos un especial do 15-M, cando eu fun disfrazado de xornalista de dereitas á Puerta del Sol. Ese día subimos a audiencia dous ou tres puntos por riba da media, fixemos unha xuntanza e concluímos que non era só que fixésemos ben, senón que a xente non se conformaba co déficit de información doutras canles e outros programas. Volveunos pasar nas eleccións dese ano: ao día seguinte das municipais pegamos un subidón de audiencia. E aí dixemos: se hai que ser un informativo, hai que selo. Non só por interese comercial, senón porque tamén temos certa obriga con esta xente que, cada vez que se quere informar, vén onda nós. E despois chegou Bárcenas. Como dixo Wyoming, o lema foi “imos falar de Luis Bárcenas, o home que transferiu millóns a asuiza e un millón de espectadores El Intermedio”. E así pasamos dos chistes de Falete ao que temos agora.
Sería posible desenvolver en Galicia un xénero televisivo coma este? Materia prima non falta: O caso Pokémon, o afundimento das caixas, Marcial Dorado...
"En Galicia podería haber un programa de sátira política perfectamente cargado de material, pero na TVG non vai ser; é unha televisión de Goberno, non pública"
Daba para unha canle enteira [ri]. Algunha vez conseguín que os meus xefes me fixesen caso e puiden facer algunha reportaxe. Por exemplo, co caso de [José Luis] Baltar, que sendo máis Baltar ca nunca me ofreceu traballo para min e a miña famiñia. En Galicia podería haber un programa de sátira política perfectamente cargado de material. Porque temos a parte seria, os casos de suposta corrupción, pero tamén unha parte moi nosa; en todos os lados a corrupción ten un punto cutre e aquí, tamén. Estes días, por exemplo, cos 'favores' aos vellos nos xeriátricos, pero tamén coas fotos de Iravedra en Lugo carrexando mulleres con alzheimer... Iso ten unha denuncia, pero tamén unha coña importante. Marcial Dorado, por exemplo, ten tamén unha coña importante. Se [Marcial Dorado] estivese co presidente do Goberno e non co da Xunta, en El Intermedio estaríamoslle dando caña todo o tempo. Pero na TVG está claro que non vai ser, nin nesta nin cando manden os outros; temos que acostumarnos a que é unha televisión de Goberno, non pública. E as privadas que hai xa sabemos de quen dependen, a quen obedecen e que intercambios de favores teñen. Se lle parece ben a Praza, facémolo, aínda que sexa dende augas internacionais [ri].
Se casos coma estas no canto de en Galicia sucedesen en Valencia ou en Madrid, veríamos como se abordaban sistematicamente?
Evidentemente. Estou convencido. Isto falámolo no programa, onde somos bastantes galegos. Hai varias razóns. Algunhas de interesese xeral: cando sexan as eleccións non creo que Besteiro vaia a El Hormiguero, como foi Esperanza Aguirre, por ser Madrid a capital de España. E despois hai un tema económico: facer unha reportaxe en Galicia implica tren furgoneta, avión... É moito máis barato facelo en Madrid. Se algún día hai AVE, seguramente calquera programa viaxará máis. Nós viaxamos bastante a Andalucía, Valencia ou Catalunya porque nun día vas e vés. Se cadra Galicia terá agora máis repercusión por Feijóo, que aparece como un dos substitutos doutro galego insigne, de Mariano Rajoy.
Percíbese en Madrid a Feijóo como o merlo blanco do PP, como noutrora sucedeu con Ruiz-Gallardón no resto do Estado?
"Co da carretaxe en Lugo estivemos dúas semanas pedindo unha entrevista con Feijóo; non só non nola concederon, senón que por primeira vez non me acreditaron no Parlamento galego"
No noso programa tamén tiñan esa imaxe. Distinto é cara ao público, non é Fraga. Pero segue sendo presidente dunha Xunta con cuxa política eu non estou de acordo. Aquí tiñan ese rollo de que non é tan malo ata que, precisamente polo tema da carretaxe en Lugo, estivemos como dúas semanas pedíndolle unha entrevista. E non só non nola concederon, senón que por primeira vez non me acreditaron para ir ao Parlamento galego. E aí foi foi por primeira vez na que se decataron de que manda carallo con el. Feijóo coida esa imaxe e non permite que nada a rompa e si, en Madrid ten unha consideración de tipo máis ou menos novo, limpo de grandes escándalos que non sexan as fotos de Marcial Dorado... E despois é un tipo que gaña eleccións. En política o que pretenden os candidatos a algo é que non se profunde, que haxa dúas pinceladas sobre a súa personalidade; e el vai a Buenafuente, atende os medios, sempre ten saída... Pero eu, persoalmente, creo que non aguanta unha entrevista, rañas un pouco e non aguanta. Coido que non se lle presta a atención necesaria e en Madrid considérase como un tipo como moitas posibilidades de ser candidato ou, polo menos secretario xeral. A cousa está entre Soraya [Sáenz de Santamaría] e el, e a meirande parte do partido prefire a Feijóo.
Ante posicións críticas coma estas hai quen apela a unha suposta "obxectividade" do xornalismo. Debemos procurar a obxectividade ou a honestidade?
De obxectividade, nada. Para min é unha milonga e unha forma de anular os xornalistas. Eu creo que o xornalismo crítico sempre é necesario. Son bastante crítico coa profesión, mesmo con como a exerzo eu de cando en vez. Pero creo tamén que cada vez é máis necesaria unha cidadanía crítica que esixa este tipo de xornalismo. Os xornalistas estamos demostrando que queremos a esta profesión e que queremos practicala. Hai unha crise brutal de medios tradicionais e saíron medios novos, coma o voso, e cada vez hai máis ideas, dános igual cobrar menos e seguimos facendo xornalismo. Pero, pregúntoche: Cres que a sociedade está respondendo? Creo que non. Se vemos os subscritores habituais dos medios independentes, son menos dos que debería haber. E segue habendo milóns de persoas que ven os informativos de telvisión e ese é o seu xeito de informarse. Para que isto teña senso precisamos dunha sociedade, dunha cidadanía que tamén queira saber o que pasa e teña compromiso. O contrario é un logro dos poderes fácticos que sexamos unha sociedade narcotizada: Eu cada vez que vexo as enquisas [electorais] digo: "joder...".
Falta responsabilidade por parte do público, que a cidadanía se responsabilice dos medios que quere que existan tamén economicamente?
"A xente ten compromiso de crítica, pero compromiso de apoiar iniciativas para converter esta sociedade en algo mellor, xa non"
Si. Hai un compromiso de crítica, pero un compromiso de apoiar as iniciativas para converter esta sociedade en algo mellor, xa non. Pasa co xornalismo e con outras moitas cousas, como as ONG. España é un dos países que máis se envorca cando hai unha desgraza pero, cando non as hai, é dos países do mundo desenvolvido que menos cartos achega ás ONG. E co xornalismo pasa igual; cando hai unha noticia grande todos imos a ver que sucede pero, se pasan catro días sen unha nova salientable, non vas aos medios. E a xente non considera un gasto importante 9 euros ao mes para ser socio de Praza Pública, de Eldiario.es ou mesmo de Periodista Digital, tanto me ten. A cuestión é que os xornalistas somos a ligazón cos que nos están a foder, porque nos últimos anos se demostrou que lle están amargando a existencia á xente. Pero ás veces parece que a xente non se decata e, moitas veces, xa nos fan culpables e a conclusión á que chegan é se nós coxeamos dun lado ou do outro, e non, por exempo, sobre a persoa á que estamos entrevistando. Pero, como dixo Beiras: "en Celtiberia non dimite nin Dios e nin Dios dimite".