Feijóo comeza a campaña das municipais de 2007

O PP formula comun dos obxectivos de campaña que Vigo chegue aos 300.000 habitantes CC-BY-SA PPdeG

Nos primeiros minutos do 11 de maio de 2007 chovía en boa parte de Galicia, igual que neste 8 de maio de 2015. Aquela chuvia acompañou os actos de inicio de campaña das eleccións municipais e, como este venres, Alberto Núñez Feijóo pegou o seu primeiro cartel electoral en Vigo xunto á aspirante do PP á alcaldía, que daquera era Corina Porro. Feijóo levaba apenas un ano á fronte dun partido que mudaba o azul corporativo polo laranxa e os comicios locais supuñan unha proba para o seu proxecto político e mais unha oportunidade para darse a coñecer. Naquela carreira electoral o líder da dereita lanzou múltiples promesas e ataques, case sempre con dous albos: Zapatero e o bipartito. Oito anos despois, de novo pegando carteis en Vigo, os albos seguen a ser os mesmos.

Como agora, hai dous mandatos o obxectivo primordial dos populares galegos era lograr maiorías absolutas nas cidades, e neses escenario Vigo presentábase como fundamental. Nunca campaña salferida por acusacións de presuntas ilegalidades urbanísticas Feijóo formulaba múltiples promesas en materia social para lograr o dominio dun escenario político que era, fundamentalmente, tripartito: o PP por unha banda e PSdeG e BNG, por outra. "Está claro que a suma de dous partidos perdedores non é unha vitoria", proclamaba Feijóo mentres enumeraba promesas incumpridas pola Xunta de socialistas e nacionalistas e cualificaba a José Luis Rodríguez Zapatero de "presidente gafe e por accidente": "doce horas despois de dicir que o problema do terrorismo vai ben, ETA pon unha bomba", ilustraba nun mitin.

Nas súas primeiras municipais Feijóo pedía o aval para os seus candidatos fronte á "suma de dous partidos perdedores" e dun Zapatero "gafe e presidente por accidente"

Oito anos despois poucas cousas se parecen a aquel panorama político. Hai seis anos que a coalición de socialistas e Bloque deixou San Caetano e hai case catro que Zapatero non goberna en España. Pouco despois daquelas eleccións municipais de 2007 picou a burbulla inmobiliaria e estourou unha profundísima crise económica. Malia todo, o argumentario co que Feijóo inicia a campaña de 2015 garda certas semellanzas con aquel seu primeiro percorrido pola Galicia municipal.

O presidente da Xunta comezou a campaña deste 2015 alertando de que non votarlle ao PP suporá "repetir cada día a política de Zapatero"

Para apoiar a quen agora é a súa aposta en Vigo fronte a Abel Caballero, a ex conselleira Elena Muñoz, o líder do PPdeG lanzouse cara ao 24-M presentando as eleccións como unha dicotomía: ou "seguir pola liña ascendente na que estamos, mellorando cada día" ou "repetir cada día a política de Zapatero" e "repetir o espectáculo de socialistas e nacionalistas", pero "agora multiplicado por máis partidos e máis inestabilidade". Mostra disto, reitera, son os "bipartitos rotos" en localidades como Lugo ou o propio Vigo.

Como antes, Feijóo proclama que os seus candidatos son garantía de xestión económica e social e que se presentan "para conseguir a confianza da xente", non para "participar nunha subasta de cargos con outros partidos", porque iso é, afirma, o que supoñen as coalicións postelectorais se nelas non participa a forza máis votada. O PP, "fará o que lle pida a xente", se "a xente lles pide que gobernen" e "propoñen unha única coalición, que é cos veciños". Resta saber, polo tanto, se nun panorama novo segue vixente o argumentario de sempre.

Feijóo, con Elena Muñoz na pegada de carteis do PP en Vigo CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.