Feijóo, contra os xuíces e a Fiscalía: os edís de Santiago non fixeron nada "inxusto"

Feijóo, tras o Consello deste xoves © Conchi Paz

Cando a xuíza Ana López Suevos decidiu imputar a todos os membros da Xunta de Goberno Local de Santiago que decidiron pagar con fondos públicos do seu compañeiro de gabinete imputado no caso Pokémon apreciou "indicios de criminalidade" no seu xeito de proceder. Acto seguido a Fiscalía asumiu os argumentos da maxistrada e ratificou a apertura de xuízo oral contra estes sete edís, a metade mais un do equipo de goberno de Compostela. No último recurso que lles quedaba os concelleiros recorreron ante a Audiencia Provincial da Coruña, que este mércores ditaminaba que deben sentar no banco dos acusados porque o seu acordo "pode ser considerado unha resolución inxusta nos termos do artigo 404 do Código Penal". Ningún destes argumentos é válido para o presidente da Xunta.

Como vén acontecendo cada vez que unha novidade xudicial sacode o atribulado Concello compostelán a sesión de preguntas da prensa posterior ao Consello da Xunta estivo este xoves protagonizada, case de xeito monográfico, polo gabinete de Ángel Currás. E, unha vez máis, Alberto Núñez Feijóo asumiu a defensa dos seus concelleiros, mesmo abandonando a tradicional liña de mero acatamento das decisións xudiciais para rebater a cerna da argumentación dos maxistrados e do Ministerio Público. Os edís, asegura, non tomaron "ningunha decisión a sabendas inxusta".

A Audiencia considera que o acordo de pagar o avogado "pode ser considerado unha resolución inxusta"

Aínda que o auto da Audiencia se basee no "teor literal" do acordo polo que decidiron pagarlle o avogado a Adrián Varela para considerar que é "probable" que non atendesen "as esixencias que derivan da lei e da xurisprudencia" Feijóo teima en quitarlle ferro ao asunto, que reduce a unha situación que "non é cómoda". Aínda que a Xustiza reitere que o feito de que o pagamento non se chegase a realizar -Varela renunciou a el cando transcendeu á prensa- é irrelevante para ditaminar se o acordo foi legal ou non, o presidente insiste en que, como non hai "ningunha tacha de apropiación indebida" nin de "causar ningún prexuízo á facenda pública" non se produciu ilegalidade ningunha e, polo tanto, non hai motivo para convidalos a abandonar os seus cargos antes do día 19, cando sentarán no banco dos acusados.

Ningunha decisión ata a sentenza

Neste contexto, a mensaxe do xefe de filas do partido da dereita ante a opinión pública é que non hai nada novo baixo o sol. Estamos "na mesma fase que no momento anterior" e agora o que toca é "que se produza ese xuízo, e ese xuízo evidentemente se producirá. O que non se contempla é, en ningún caso, que as responsabilidades políticas vaian por diante das xudiciais, se as houber. Por que? Remover os concelleiros do seu cargo, ademais de esgotar a lista do PP compostelán, suporía "traizoar a conciencia" e "os principios básicos", e "o presidente da Xunta ten que actuar conforme á súa conciencia".

Promover a destitución dos edís non é "conforme á conciencia" do presidente"

Así as cousas, alén da presión mediática e da inminencia do xuízo o único que muda na situación dos edís é que o expediente informativo que tiñan aberto no partido torna agora en expediente disciplinario. Só "despois da sentenza, no suposto de que sexa condenatoria", será cando Feijóo "propoña unha decisión". "Cuestión distinta -puntualiza- é que se me faga caso ou non". O que non vai acontecer, matiza, é que vaia "trasladar as miñas responsabilidades á militancia", nunha indisimulada referencia ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen sinalou que serían as bases do partido quen, mediante primarias, decidirían se persoas imputadas formarían ou non parte das listas electorais.

Currás ve "inxusto" que haxa xuízo

Mentres, dende o atril da Presidencia da Xunta, Feijóo asumía a defensa dos concelleiros no Pazo de Raxoi o alcalde compostelán, Ángel Currás, accedía a facer declaracións ante a prensa para adoptar unha actitude a medio camiño entre esa defensa e o cuestionamento da decisión xudial. Para o substituto de Gerardo Conde Roa o mero feito de que se vaia celebrar o xuízo xa é "inxusto", pero reafirma que non está sobre a mesa a posibilidade de dimisións ou destitucións. "Transfórmase de expediente informativo a disciplinario e nada máis ata que haxa sentenza", resume, tras confirmar que mantivo unha conversa ao respecto con Feijóo.

O alcalde asegura que "a imaxe da cidade non é a do xulgado" que "quere trasladar a oposición"

Mentres a oposición local -PSdeG e BNG- pide dimisións o rexedor "lamenta e sente" que máis da metade do seu goberno teña que "acudir ao xulgado o día 19", se ben advirte de que "a imaxe da cidade" non é "a dos xulgados". Esa, asegura, é a "que quere trasladar a oposición". Dende o seu punto de vista o foco non ten que estar nos avatares legais do consistorio, senón, por exemplo, en "ter aquí un primeiro ministro do Xapón a semana pasada, ter unha delegación xaponesa de case 40 persoas" ou de "aprobar hoxe en Xunta de Goberno investimento por case 2 millóns de euros". Cuestións coma esta acreditan un "traballo serio e rigoroso de todo un grupo de goberno por Compostela".

Currás, este venres nun encontro con empresarios © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.