Feijóo contradí os datos e di que o paro baixou en 20.000 persoas dende as autónomicas

Feijóo, durante a sesión de control © Ana Varela

"Un ano e medio despois de que nos presentamos ás eleccións hai máis de 20.000 parados menos". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, contestáballe este xoves deste xeito ao voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, que o acusaba de sumir o país nunha situación de "emerxencia social" malia asegurar durante a campaña das eleccións autonómicas de 2012 que se presentaba "contra a crise". Na súa resposta o xefe do Executivo chamou a valorar que xa "vencemos a recesión" e que, grazas aos "esforzos" da sociedade galega se logrou, entre outros indicadores, a devandita baixada do paro. Pero, iso é exactamente así?

Existen dúas vías para medir o desemprego no Estado español e, polo tanto, tamén en Galicia. O homologado internacionalmente para, por exemplo, os rexistros oficiais da Unión Europea, é a Enquisa de Poboación Activa (EPA), un estudo elaborado polo INE que en Galicia peneira o IGE e que nos últimos tempos o propio Feijóo desdeñou abertamente tras apoiar nela os seus argumentos políticos durante anos. En decembro de 2012, isto é, cando o xefe do Executivo tomou posesión do seu cargo por segunda vez, a EPA rexistraba 276.900 persoas no paro e no último dato dispoñible, o do primeiro trimestre de 2014, rexistráronse 20.000 parados e paradas máis, 296.900. En xuño de 2009, nos primeiros meses con Feijóo na Xunta, eran 166.700.

Segundo a EPA o paro incrementou en 20.000 persoas e, segundo as inscricións nas oficinas de emprego, baixou en 4.300

As afirmacións presidenciais non se corresponden coa EPA pero tampouco coas cifras do paro rexistrado, isto é, coas persoas que demandan un posto de traballo a través das oficinas de emprego e que na actualidade é o indicador preferido polo Goberno galego para ilustrar a situación da economía galega. Este indicador, que se publica mensualmente, rexistraba 267.812 persoas anotadas nas oficinas de emprego en outubro de 2012, mes das eleccións. Eran 57.000 máis que cando o PP retornou ao poder en abril de 2009. O dato máis recente de paro rexistrado, o de maio de 2014, indica 263.444 persoas. A baixada dende as eleccións é neste caso de 4.368 persoas e non de 20.000.

Protesta da oposición porque o presidente non contesta

Feijóo ofrecíalle esta resposta a Jorquera nun contexto no que, ademais, contrapuxo a situación de Galicia coa de "territorios que queren ser nacións", en referencia a Catalunya, que "están intervidos". "Somos unha nacionalidade histórica e temos mellores datos económicos que alí onde gobernan os nacionalistas", espetoulle o voceiro do BNG. Previamente xa lle reprochara ao socialista José Luis Méndez Romeu que "en España" non se "poida falar cos socialdemócratas porque de momento non os hai" e, posteriormente, atacou a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, polos datos de débeda da Junta de Andalucía -ela preguntaba polos da Xunta- e instouna a definir "cal é o seu modelo" de xestión do endebedamento. Esta intervención do titular da Xunta, non excesivamente diferente á doutras ocasións, derivou nunha protesta formal dos tres grupos da oposición ante a presidenta da Cámara, Pilar Rojo.

PSdeG, AGE e BNG piden que Rojo interveña para que Feijóo conteste á oposición no canto de formularlle preguntas

Nun escrito rexistrado no mediodía deste mércores PSdeG, AGE e BNG lémbranlle á xefa do lexislativo que "en todas as cámaras de representantes dos réximes democráticos parlamentares" as preguntas ao presidente "son unha das princpais formas de control sobre as actuacións do Executivo". "Correspóndelle á oposición a súa formulación", evidencian, e, polo tanto, o presidente da Xunta "ten a obriga de responder ás preguntas formuladas polos grupos da oposición, no canto de inverter os roles e erixirse en interpelante da mesma, como acontece reiteradamente nas sesións plenarias deste Parlamento".

Neste contexto, e despois de que Feijóo se volvese exceder do seu tempo de intervención na propia sesión de control, os grupos encabezados por Romeu, Beiras e Jorquera reclaman a intervención directa de Rojo. "Reclamamos da Presidencia que exerza as funcións arbitrais que lle están atribuídas para impedir que esta situación se prolongue por máis tempo", reclaman.

Feijóo, durante a sesión de control © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.