O presidente salienta as súas propias “humildade”, “coñecemento”, “principios éticos” e “dignidade”
No último pleno ordinario desta a súa segunda lexislatura na Xunta, o presidente Feijóo afrontou a sesión de control ao Goberno por parte da oposición a xeito de resumo do que foron boa parte das celebradas neste catro anos: criticando o traballo do resto de grupos políticos. Fronte á división interna e o desexo de que Galicia empeore que lles atribuíu, o presidente salientou de si mesmo as súas “humildade”, “coñecemento”, “principios éticos” e “dignidade”.
Aínda que as eleccións non se celebrarán ata o outono, a súa convocatoria implica a disolución do Parlamento, que está a piques de rematar o seu actual período de sesións, polo que é máis que probable que Feijóo non se volva enfrontar a preguntas directas do resto de grupos parlamentarios. Nas deste mércores o PSdeG cuestionouno pola situación da sanidade galega, AGE polo empeoramento xeral das condicións de vida e o Grupo Mixto pola atención que a Xunta presta ao suicidios. O presidente respondeu a todos eloxiando as súas políticas, pero o común denominador foron fundamentalmente as súas críticas directas ao traballo da oposición.
Antón Sánchez (AGE) aféalle a Feijóo as súas relacións con Baltar, Marcial Dorado ou Louzán
En resposta á socialista Patricia Vilán, Feijóo dixo sentirse “máis cómodo” facendo balance das súas medidas sanitarias dos últimos sete anos “que vostede se ten que facer balance do seu único mes de voceira socialista”. “Só ten que mirar a faciana dos seus compañeiros para comprobar cal é o seu sitio”, díxolle, en referencia ás liortas internas do grupo socialista, boa parte do cal a ten criticado de xeito aberto tras substituír ao anterior voceiro, José Luis Méndez Romeu, cando este perdeu as primarias internas celebradas hai mes e medio. Foi a Vilán á que dixo que “para traballar por Galicia hai que ter un mínimo de humildade, coñecemento e principio ético”.
Feijóo considera que hoxe en Galicia "hai máis oportunidades a pesar da oposición e co pesar da oposición”.
A mesma división interna afeoulla Feijóo a AGE, a cuxo vicevoceiro, Antón Sánchez, de Anova, dixo que ocupa tal cargo porque a súa antecesora, Yolanda Díaz, de EU, marchou ao Congreso. “Se non existira Madrid vostede non sería voceiro do grupo”, espetoulle. Sánchez reprochoulle ao presidente a súa “soberbia” coa voceira socialista e afeoulle que presumira de ética “quen abraza a Baltar, o que fixo o que fixo con Marcial Dorado, con Louzán, a Pokemon, a Pikachu”. Feijóo obviou as críticas, dixo asumir “con una enorme dignidade ser presidente das galegas e os galegos” e insistiu na censura á oposicion. “Valore vostede se foi útil ao seu país estes catro anos no Parlamento galego”, dixo, para engadir que hoxe en Galicia “hai máis oportunidades a pesar da oposición e co pesar da oposición”.
Máis directo foi aínda Feijóo coa deputada do Grupo Mixto Consuelo Martínez, saída no seu momento de AGE e á que o presidente deu por “despedida da Cámara”, logo de que esta lle criticase que a Xunta non faga “nada” para evitar os suicidios en Galicia, pregunta similar á primeira que lle formulou en marzo do ano pasado. “Estiven ás duras e se os galegos queren me quedo nas maduras”, rematou Feijóo as súas intervencións.
Mellores datos sanitarios
No debate coa voceira socialista sobre sanidade, Feijóo avanzou que nuns días a Xunta divulgará “os mellores datos desde que hai rexistros de espera” de atención sanitaria. Segundo as últimas cifras feitas públicas, do cuarto trimestre de 2015, a espera media era de 78,8 días, moi por riba dos 60 días que establece a lei de garantías de prestacións sanitarias que se impuxo o propio Goberno galego.