"Fronte aos que centran o debate nas persoas, o PP centra o Congreso de Sevilla nas ideas". O secretario de organización do PPdeG, Alejandro Gómez, botaba man este venres dunha das aseveracións máis habituais nos momentos previos a unha cita congresual de calquera formación política para resumir as intencións da formación conservadora no cónclave que esta fin de semana reelixirá ao presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, como líder do partido. Se en canto as persoas as incógnitas son escasas, o interese en canto aos documentos políticos medra con respecto a citas anteriores, toda vez que as liñas aprobadas na cita de Sevilla se trasladarán á acción gobernamental. Un dos autores desas liñas programáticas é o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que xunto co xefe do Goberno de Balears, José Ramón Bauzá, e o líder do PP de Navarra, Santiago Cervera, elaborou o relatorio en materia "social".
Sectores ultraconservadores defenden a mención ao cristianismo, que sectores do partido queren eliminar
Se ben no documento elaborado por Feijóo, Bauzá e Cervera abondan as xeralidades é posible identificar alguns trazos políticos e ideolóxicos que non son menores en áreas tan sensibles como a sanidade ou a educación. O texto parte da base de que o conxunto do ideario do PP está "inspirado", entre outros valores, polo "humanismo cristián", aspecto discutido por algúns sectores partido e defendido con dureza desde foros ultraconservadores. Sobre estes piares, un dos primeiros aspectos que analiza é a xestión sanitaria e o sostemento dos servizos de saúde. Neste ámbito, o texto coescrito polo xefe do Goberno galego sinala que "a experiencia dalgunhas comunidades autónomas demostrou a eficacia da colaboración público-privada no ámbito sanitario".
Esta gabanza da colaboración público-privada, xa vixente por exemplo na construción do hospital de Vigo, vai alén das políticas que defende o PP en Galicia, para afondar na liña liberal. "A innovación na xestión é un requerimento da sanidade moderna e non debe ser constreñida ou penalizada polas leis máis alá da firme garantía dos estándares de acceso e da calidade na prestación", afirman.
Educación, familia, linguas e igualdade
O relatorio social que estará sobre a mesa do Congreso do PP céntrase tamén en aspectos que ocuparon boa parte do debate público en Galicia durante a primeira metade da lexislatura de Feijóo, como as políticas de familia, o rango das linguas propias na educación ou a estrutura do propio sistema educativo. No que atinxe á organización educativa, as propostas veñen, na práctica, fusionar plans da Xunta, como o recoñecemento dos profesores como "autoridade pública" con outros máis controvertidos, como os aplicados por Esperanza Aguirre na Comunidade de Madrid.
Segundo o relatorio, cómpre "establecer un novo modelo da selección e formación de carácter nacional para o acceso á formación docente". Así e todo, fronte a esa homoxeneización a nivel de todo o Estado, engádese que "os centros deben ter maior autonomía", "favorecendo a profesionalización dos equipos directivos". Esa autonomía dos centros é a que, segundo os sindicatos educativos madrileños, está a favorecer nesa comunidade que "os colexios elixan os alumnos, e non ao revés", creando "guetos" de alumnos baseándose en, por exemplo, se son ou non inmigrantes ou nas súas cualificacións académicas.
O documento aposta porque as familias decidan a lingua do ensino
Do mesmo xeito, semella que o congreso de Sevilla servirá para volver axitar a bandeira da confrontación lingüística. "O PP considera fundamental garantir a liberdade de elección das familias" e por iso, di o documento no que participa Feijóo, "cómpre facer efectivo o dereito dos alumnos a aprender en español e no resto das linguas cooficiais". Así e todo, en Galicia o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, anunciou nos últimos días que non entra nos seus plans pór de novo en marcha as controvertidas enquisas ás familias para condicionar o idioma das materias escolares.
Á marxe do ámbito estritamente educativo o relatorio detense tamén no ámbito da igualdade entre homes e mulleres. Nese apartado, no que tamén abondan as xeralidades, o PP dá, na práctica, por rematado o proceso de equiparación de dereitos entre sexos. "Hoxe en día, as mulleres equiparáronse aos homes en canto a formación e emprego e conseguiron ser independentes", din, reducindo a "casos" concretos as mulleres que "dependen economica ou emocionalmente dos homes", nos que "é máis doado" que se dean casos de violencia machista, sinala.