Feijóo anima o PP a "inspirarse" en Fraga: "Nunca impuxo a súa ideoloxía"

Feijóo, con Rajoy , Moragas e Zoido, no congreso do PP © PP

"En épocas de dificultade todo o mundo busca o seu referente, propóñovos que utilicedes aquel que soñou ter un dí en España un goberno reformista, que cre realmente no progreso". O presidente da Xunta acudiu ao congreso do PP coa encomenda de defender un treito do relatorio social do cónclave, aprobado, como todos os demais, por unanimidade. Ante o plácido plenario dun congreso que ten moito de celebración das recentes vitorias electorais Alberto Núñez Feijóo debullou algunhas das liñas do documento que antes elaborara pero tamén botou man dun recurso que na cita congresual de Sevilla é garantía de aplauso: citar a Manuel Fraga.

Despois de debuxar un escenario de crise conómica no que "gobernar non é gastar, senón administrar", Feijóo convidou aos seus compañeiros de partido a fixarse en Fraga para "afrontar o problema máis grande que nos atopamos na nosa vida política". O ex ministro e ex presidente da Xunta, di o xefe do Goberno galego, "non impuxo a súa ideoloxía a ninguén, senón que a puxo á disposición dos demais". Entre unha crecente ovación, o que noutrora foi barón autonómico 'estrela' do PP proclamou que a "maioría social" que "apoiou" a formación nos pasados comicios locais, autonómicos e xerais responde "ao soño" de Fraga. "O fundador, don Manuel, neste momento está vendo e escoitando como seguimos os seus principios e como seguimos reformándonos". 

"O maior copagamento"

Á marxe da figura de Fraga, que tamén protagoniza unha exposición no propio congreso e un vídeo sobre a súa vida -no que tamén se fai referencia á súa etapa franquista, se ben salientando que "ampliou as liberdades públicas"-, Feijóo trasladou a Sevilla boa parte do discurso en materia de política social que ten reiterado en Galicia. Segundo o presidente da Xunta, a súa aposta segue a ser "priorizar a política social" e matiza que, máis que "prestar" servizos públicos, a "obriga dun Goberno é pagar os servizos públicos".

"Por iso escoitaremos acusacións de copagamento, de recortes de todo tipo", anticipa Feijóo. Dous días despois de iniciar o trámite da lei que estende a xubilación forzosa para os traballadores públicos galegos aos 65 anos, o líder dos conservadores galegos asegura que "o maior copagamento que se instaurou é dicirlles aos españois que temos que traballar dous anos máis para manter a seguridade social", di.

 

 

Feijóo e Rajoy, na homenaxe do PPdeG a Fraga © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.