Feijóo descarga nos seus deputados a responsabilidade de tributar por todo o soldo

Feijóo, con Rueda e Hernández, no Consello da Xunta © Xoán Crespo

Non é unha decisión doada, foi dilatada no tempo e as resistencias non se atoparon na oposición, senón no seo do propio PP. O presidente da Xunta leva varios días reiterando sempre que se lle pregunta a súa disposición a favorecer unha reforma das normas aprobadas polo Parlamento en 2006, cando baixo presidencia socialista pero por unanimidade se decidiu que boa parte do salario dos deputados e deputadas estivese libre de impostos. Naquela altura as achegas variables por asistencia a xuntanzas foron substituídas pola denominada "axuda de custo", unha cantidade fixa ao mes situada actualmente nos 2587,39 euros que por ser, oficialmente, para manutención e aloxamento está libre de imposs. Agora Alberto Núñez Feijóo descarga a responsabilidade no Grupo Parlamentario Popular.

Ao remate da reunión semanal do Consello da Xunta ao presidente preguntóuselle explicitamente por dúas veces a súa opinión ao respecto. Deben os deputados pagar IRPF polo 100% do seu salario? Lonxe de ofrecer unha resposta concreta Feijóo optou polo circunloquio, aínda que dende o recoñecemento de que "hai un compromiso adquirido hai tempo" e lembrando que nos últimos tempos el mesmo se "pronunciou a favor" de que exista unha "regulación fiscal" para os membros do Parlamento con "maior intensidade" que ata agora.

Feijóo evita concretar se é partidario de os deputados tributen polo 100% do salario

Pero, de canto ten que ser esa intensidade? Como debe quedar un escenario que leva a moitos deputados a non tributar polo 54% do seu salario? "Simplemente digo que me parece que é inaprazable esa decisión" e por iso hai que "proporcionar e modular que cuestiósn afectan a cantidades exentas e que cuestións deben formar parte do salario", admitindo implicitamente que o que na actualidade é legalmente unha achega para aloxamento é, en realidade, unha parte substancial do soldo. E a porcentaxe? "Permítame que exerza como presidente" e non como deputado -aínda que o é-, pediu. O máximo que a prensa conseguiu arrincarlle é que "hai que modificar á baixa as contías que se perciben en concepto de dietas, asistencias e indemnizacións".

Baixadas de salarios e apoio da oposición

Neste contexto, resta saber en canto diminuirá ese devandito 54%, unha dúbida que semella estar só no PP, toda vez que a oposición xa vén amosando a súa disposición a modificar a norma vixente. Nomeadamente, o BNG xa presentou formalmente unha iniciativa para que os membros do lexislativo tributen polo 100% do seu salario, AGE manifestouse no mesmo sentido aínda que sen formalizar a petición e o PSdeG apostou polo mesmo, aínda que evidenciando que é aos conservadores a quen lle corresponde dar o paso en virtude da súa maioría absoluta na Cámara e, polo tanto, tamén na Mesa do Parlamento, que ten as competencias.

O BNG presentou unha iniciativa para tributar polo 100% do soldo, AGE e PSdeG amósanse favorables á reforma

Co horizonte da elaboración dos orzamentos para 2014 como límite para concretar a reforma, dende o entorno presidencial déixase translocer o que podería ser unha das xustificacións do deputados resistentes: o recorte aplicado nos soldos no Pazo do Hórreo dende o inicio da crise. Así, o propio Feijóo apoia que se tribute por toda a remuneración e, xusto a continuación, "recoñece" ante a prensa que "as deputadas e deputados galegos se baixaron o soldo coa mesma intensidade que o Goberno de Galicia en varias ocasións", acompasándose coas retalladas sufridas polo persoal ao servizo das Administracións públicas. En todo caso, e malia ser o máximo dirixente do Grupo Parlamentario Popular, o titular da Xunta colócase a un lado: "correspóndelles aos grupos facer unha proposta de coo van adecuar o réxime fiscal dos deputados a unha formulación máis ordenada e racional", resolve.

Fonte: Parlamento de Galicia (premer para ampliar) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.