Feijóo desenténdese do efecto que a imputación de Baltar teña no pacto PP-Ciudadanos

Feijóo e Baltar nun mitin. CC-BY-SA PPdeG

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non quixo este xoves pronunciarse sobre o papel que está xogando a imputación por prevaricación e suborno do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, no acordo entre PP e Ciudadanos para a investidura de Mariano Rajoy como presidente do Goberno, que esixe que os populares aparten a “calquera cargo público” imputado por corrupción. Feijóo remitiu a valoración sobre o caso Baltar aos negociadores do acordo a nivel estatal e equiparouno co pacto que permitiu a investidura da socialista Susana Díaz como presidenta de Andalucía co apoio de Ciudadanos. A formación de Albert Rivera atribuíu a ese pacto a dimisión dos ex-presidentes Manuel Chaves e José Antonio Griñán, pero permitiu que outros imputados mantivesen os seus cargos públicos.

O presidente equipara o acordo en materia de corrupción a nivel estatal co que permitiu investir á socialista Susana Díaz en Andalucía, onde os de Albert Rivera se atribuíron a dimisión de Chaves e Griñán pero permitiron outros imputados

O acordo asinado hai unha semana entre PP e Ciudadanos para que estes últimos negocien o seu voto favorable á investidura de Rajoy recolle no seu primeiro punto a “separación inmediata de calquera cargo público que fose imputado formalmente por corrupción política ata a resolución completa do procedemento xudicial”. Baltar está imputado por prevaricación e suborno por, presuntamente, ofrecerlle un emprego público a cambio de sexo a unha muller, tamén imputada. Porén, aos tres días de que PP e Ciudadanos asinasen o acordo, comezaron a chegar os matices por ambas as dúas partes.

Por parte de Ciudadanos, matizouse primeiro que, malia a textualidade do acordo, só sería aplicable aos cargos estatais, e non os autonómicos, provinciais ou locais, como é o caso de Baltar, e logo asegurouse que a intención é tentar ampliar a esixencia tamén a eses outros ámbitos. Outro matiz introducido é o de que o acordo tería que cumprirse nos tres meses posteriores á investidura de Rajoy, de producirse esta, e non antes, o que permitiría que o debate sobre o futuro de Baltar se puidese adiar ata despois das eleccións autonómicas galegas do 25 de setembro. E outro matiz máis é o de que o concepto de “corrupción política” só é aplicable ao financiamento ilegal dos partidos ou ao enriquecemento individual, deixando no aire se ese beneficio persoal debe ser só económico ou tamén sexual.

“Haberá que preguntarllo aos que están traballando en relación a este asunto, supoño que o mesmo [papel] que xogou no pacto de Ciudadanos co PSOE en Andalucía”, dixo Feijóo

Na primeira reunión semanal do seu goberno logo da habitual paréntese de agosto, a Feijóo preguntóuselle que papel está a xogar na negociación entre PP e Ciudadanos a imputación de Baltar. Na súa resposta, breve, Feijóo desenténdese da cuestión:  “Haberá que preguntarllo aos que están traballando en relación a este asunto”, dixo o presidente. E a continuación engadiu unha única frase antes de dar por rematada a súa comparecencia: “Supoño que o mesmo [papel] que xogou no pacto de Ciudadanos co PSOE en Andalucía”.

No seu momento, Ciudadanos gabouse de que os ex-presidentes Chaves e Griñán dimitiron dos seus escanos no Congreso e o Senado grazas ás esixencias contra a corrupción que puxeran sobre a mesa para apoiar a investidura de Susana Díaz. Porén, a formación de Rivera non considerara necesario que outros cargos públicos a nivel autonómico tiveran que dimitir polas imputacións que pesaban sobre eles cando votaron a favor desa investidura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.