Feijóo despide 2015 en clave electoral e pide manter a "estabilidade" da que presume

Núñez Feijóo, durante a mensaxe de fin de ano © Xunta

Nunha escola infantil do barrio coruñés de Elviña e con debuxos feitos polos máis pequenos -entre eles as bandeiras de Galicia e España- ás súas costas, Feijóo despediu o 2015 en clave electoral. O presidente da Xunta evitou o desbordado optimismo que amosara hai un ano, e lanzouse a unha mensaxe de fin de ano ollando de esguello ás próximas eleccións autonómicas -presumindo de xestión e prometendo máis medidas sociais- e tamén á conformación do futuro Goberno central, avogando por un acordo que permita "seguir convivindo e avanzando a todos os españois". 

Pero se houbo unha palabra clave no discurso de Feijóo esa foi "estabilidade". A que di pretender, a que considera que goza Galicia e a que desexa tamén para o futuro. Pouco ou nada falou das dificultades económicas e sociais, que citou pero non concretou, nin dos cambios que se prevén para o ano que entra. O presidente da Xunta aposta por manter a liña e advirte do que poida traer algunha modificación no camiño que el e o seu goberno -ou o da Administración central- marcan. 

Feijóo presume da "estabilidade" coa que se "fixo fronte ás turbulencias" e reclámaa para o futuro

Feijóo cre que, "como en todas as casas", o "fundamental" para Galicia "é a estabilidade". "A estabilidade dun país dálle seguridade aos que viven nel, e inspira seguridade aos que ven nel unha oportunidade para investir ou emprender", dixo para presumir de que na autonomía foi esta "estabilidade" coa que se "fixo fronte ás turbulencias destes anos". Así, destacou que se resolveron problemas de déficit e asegura que a Xunta mantivo "os servizos públicos para hoxe poder falar de como incrementalos". "Tratamos de atender a quen máis o precisa, Galicia volve crecer e creamos emprego cada día", afirmou. 

"Con esa estabilidade é posible que neste 2016, como cada ano en Galicia durante esta crise, entre en vigor un novo orzamento autonómico, a diferenza doutras comunidades, menos estables, que aínda non foron quen de aprobalos", volveu presumir Feijóo, que ve en Galicia "un país dinámico, en transformación, en permanente renovación, debido a que fixo da estabilidade a súa prioridade".

O presidente da Xunta lanzou varias promesas de apoio social, ás familias, á educación e á sanidade pública para o 2016

Ademais, lanzouse a presumir de medidas como a "supresión de imposto de sucesións e doazóns para o 99% das familias galegas ou a tarxeta benvida" coa que recibe "os rapaces que nazan en Galicia cun apoio ás nais e pais como non o hai noutros lugares de España". "A isto seguirán máis medidas de apoio social e familiar, de apoio á educación pública e á sanidade pública ou de apoio ao emprendemento", prometeu, sen citar problemáticas concretas que neses ámbitos foron habituais en 2015. 

Por outra banda, advertiu de que o "pluralismo político e social non é unha ameaza, senón unha oportunidade para agudizar máis o entendemento". "Ese pluralismo ten a oportunidade de expresarse en cada cita electoral. Á marxe dos resultados, os procesos demostran que a democracia constitucional funciona, que é ampla dabondo para dar cabida a todos, e que o entendemento, o acordo e o pacto son esixencias permanentes", insistiu. 

Feijóo cre que "o pluralismo político non é unha ameaza" avoga por "establecer pontes" para que "os españois poidan convivir e avanzar"

"Con independencia de cal fose a opción de cada un de vostedes nas eleccións, estou certo de que todos coincidimos en avogar polo establecemento de pontes que nos permitan seguir convivindo e avanzando a todos os españois", dixo, nunha clara alución a futuros pactos poselectorais. 

Tamén asegurou Feijóo que "Galicia é un bo lugar para convivir" e que é "unha referencia en España", tamén polo "clima social que existe na nosa terra". Ademais, advertiu que a súa mensaxe de fin de ano "non se trata de facer un balance frío de cifras e datos" e asegurou "non ignorar aqueles que sofren dificultades, os que están en maior risco de exclusión, ou os que se ven na obriga de estar fóra da nosa terra".

"Sería pouco responsable suxerir que existen fórmulas máxicas para disipar de forma instantánea todos os problemas. Nada máis reprochable que xogar coas esperanzas da xente, ofrecendo paraísos ilusorios que deseguido se transforman en frustración", rematou Feijóo, que cre que o "fogar" que é Galicia "pode necesitar arranxos e reformas, pode non ser perfecto, pode ser mellorable, pero é un fogar que cómpre coidar entre todos".

Núñez Feijóo, durante a mensaxe de fin de ano © Xunta
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.