Feijóo desvía a Negreira o suposto financiamento do PP na trama dos cursos de formación

Feijóo, este xoves tras o Consello © Xoán Crespo

"O PP só ten unha contabilidade, a auditada polo Tribunal de Contas". En apenas 48 horas a dirección estatal do PP e o seu líder na provincial e alcalde coruñés, Carlos Negreira, ofreceron idéntica resposta coa única diferenza de que en Madrid foi por escrito e na Coruña, de viva voz. No caso da madrileña rúa de Génova a lacónica resposta chegaba tras a imputación de Ángel Acebes no coñecido como caso Bárcenas, que investiga o presunto financiamento irregular do partido. A contestación de Negreira prodúcese tamén a respecto de supostas achegas económicas á formación no marco dunha trama presuntamente ilícita, a fraude nos cursos de formación alcumada como Operación Zeta, investigación que sitúa o empresario Gerardo Crespo como líder da rede. Cara á Coruña, precisamente, é onde mira Alberto Núñez Feijóo ao ser preguntado ao respecto.

Despois de que a través de medios como La Opinión de A Coruña, ABC ou La Voz de Galicia transcendese que a investigación policial detectou que Crespo anotou na súa contabilidade 'B' dous pagamentos ao PP en 2011 por importe de 17.000 euros e achegas económicas a dous altos cargos da Consellería de Traballo por importe de 18.000 euros, o presidente asegura non ter "constancia directa nin indirecta" destes supostos feitos. En todo caso, resolveu a preguntas da prensa, "isto foi contestado polos representantes do PP na Coruña e me remito ás súas declaracións". Negreira, pola súa banda, limítase a evidenciar que na contabilidade "oficial" do seu partido "non aparece nada" do reflectido nas notas de Gerardo Crespo, uns "apuntamentos que fan unhas persoas imputadas" sobre a que non vai "especular nada".

Negreira mantén que non hai fondo ningún á marxe da contabilidade oficial do partido

Neste contexto, Feijóo evita adentrarse na posibilidade de que cartos da trama acabasen no seu propio partido e céntrase en destacar que "isto", a fraude nas axudas para formación, "se destapa como consecuencia de que hai algunha persoa que traballaba" nos centros das empresa de Crespo "que denunciou, e como consecuencia da inspección que fixo a Xunta" en 2012, na que se detectaron irregularidades que foron remitidas á Fiscalía. "Grazas a isto estamos sabendo que había algúns centros que non cumprían co mínimo esixible, que é facer as cousas conforme á lei". Isto mesmo acontecerá se no futuro "entendemos que hai algunha irregularidade", "sexa quen sexa" a persoa que a protagonice", salienta.

Cando Crespo reducía todo a "calumnias, ataques e difamacións"

As acusacións de irregularidades nas empresas de Gerardo Crespo e as sospeitas da súa ligazón co financiamento do PP coruñés non comezan agora, co estourido mediático da Operación Zeta, investigación iniciada en 2011. Xa antes Crespo rexeitou iradamente en público a posibilidade de que incorrese en ilegalidade algunha. Foi, nomeadamente, en outubro de 2010, pouco despois de que o alcalde de Oleiros, o independente Ángel García Seoane, levase á Fiscalía o que consideraba adxudicacións "a dedo" de cursos de formacións da Xunta a empresas do tamén líder veciñal coruñés. O caso, revelado daquela polo desaparecido Xornal de Galicia e que o BNG elevara ao Parlamento, foi reducido por Crespo a unha serie de "calumnias, ataques e difamacións" ao alcalde oleirense.

En 2010 o alcalde de Oleiros levou á Fiscalía as adxudicacións da Xunta a Crespo, que aseguraba que "xustificaba integramente" os seus cursos

Nesta liña, o 16 de novembro do mesmo ano Crespo conmpareceu ante a prensa tras 24 arquivadores que, aseguraba, contiñan "os 471 proxectos" presentados naquel ano polas súas empresas de formación. Deste xeito, aseguraba, demostraba que as imputacións de García Seoane, "un ignorante", non tiñan "nin pés nin cabeza", porque "son subvencións e hai que gastar e xustificar integramente o importe da subvención, así que é moi difícil que se financie nada máis do propio curso". Así e todo, xa daquela se negaba a amosar os listados das persoas que acudían aos cursos: "Son información confidencial por lei de protección de datos, é a Xunta quen debe dalos", explicaba, ademais de negar que "financiase" o PP.

Agora, segundo transcende da investigación, a Polícia dá por probado que parte daqueles cartos foron parar ao peto do empresario e que moitos dos cursos para os que obtivo subvención nunca se chegaron a impartir. Ademais, segundo recolle La Opinión, os investigadores do caso dan por probado que, cando menos dous cursos outorgados pola Escola Galega de Consumo a empresas de Crespo foron "amañados dende un inicio". O organismo dependente da Xunta, din, lanzou as convocatorias mediante procedementos negociados sen publicidade e todas as empresas que competían estaban vinculadas ao grupo de Crespo.

PSdeG e BNG esixen explicacións

Besteiro: "A preocupación dos cidadáns é a contabilidade B do PP"

Estes antecedentes e as revelacións do sumario servíronlle este xoves ao PSdeG para dar por "confirmadas" as súas "sospeitas" a respecto deste caso. Así, tras as verbas de Feijóo e Negreira, o secretario xeral dos socialistas, José Ramón Gómez Besteiro, coida que "a preocupación dos cidadáns" xa non está "na contabilidade A do Partido Popular", senón "na B, polo que, á marxe da investigación xudicial, Feijóo e o seu goberno deben dar información e explicacións". Nesta liña, a deputada Marisol Soneira ve nos documentos e gravacións do sumario "unha proba máis do financiamento irregular do PP, que a cambio dos concursos recibía carnos en negro".

Vence: "É a punta do iceberg dunha corrupción moito máis profunda"

A xuízo dos socialistas resulta especialmente "cínico" que que o PP diga "que, se houbese tales contribucións por parte destas empresas, figurarían na contabilidade entregada polo PP" a Contas. Resulta, en todo caso, agregan, "inconcibible nun Goberno demorático" que nin Feijóo nin a conselleira de Traballo, Beatriz Mato -a quen unha asociación de Crespo nomeou Coruñesa del Año-, ofrecesen aínda "ningún tipo de explicación sobre un empresario amigo especializado en recibir axudas públicas para impartir cursos de formación a parados que, ao parecer, nunca se celebraron".

Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, coida que o caso Zeta é só "a punta do iceberg dunha corrupción moito máis profunda, que involucra moita máis xente tanto do PP como da Xunta". Ao seu xuízo, as revelacións reflicten "un problema de moito máis callado, que afecta á xestión dos fondos para formación ocupacional" polo que, reitera, é "necesario" abrir unha comisión de investigación no Parlamento. "Cómpre saber cal foi a utilización dos fondos que vemos como, polo menos en parte, acaban espallados a traveś de redes corruptas e clientelares de empresas privadas das familias dos grupos do PP".

Negreira, este xoves nun acto público © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.