Primeiro Consello da Xunta ordinario tras a toma de posesión do Goberno galego e primeira pregunta en torno á lingua galega. Se en 2009 Alberto Núñez Feijóo comezou o mandato abordando a súa controvertida contrarreforma para botar por terra o decreto de galeguización do ensino e proxectos como as galescolas, desta volta tocoulle tomar posición sobre a non menos polémica modificación lexislativa que prepara o Ministerio de Educación e que inclúe, segundo o recollido no seu bosquexo, a posibilidade de que o galego, o catalán e o éuscaro sexan residuais nas aulas. Pero o presidente da Xunta non o interpreta así. Ben ao contrario, ve "equilibrio" no plan de José Ignacio Wert. O mesmo, di, que en Galicia leva habendo dende hai tres décadas.
"Estamos de acordo" co borrador porque estipula "un equilibrio entre as dúas linguas oficiais", explicou o xefe do Executivo a preguntas dunha canle de televisión de ámbito estatal. O plan de Wert, asegura, está "baseado na Constitución e nos Estatutos de autonomía", polo que, á espera de "coñecer o texto definitivo", xa aventura que a reforma do gabinete de Mariano Rajoy se responde "á lóxica do texto constitucional e estatutario" e tamén a "experiencias" como a galega. "Isto en Galicia veu funcionando así durante 30 anos", asegura e, fronte aos seus propios discursos de hai apenas catro anos, asegura agora que "en Galicia non hai un problema lingüístico". "Remítome á enquisa do CIS, onde o 99% dos cidadáns así". "Quizais" non hai ese conflito -teoriza- "porque mantemos un equilibrio nas linguas".
Feijóo asegura agora que en Galicia "non hai un problema lingüístico" e di que a lea polos idiomas é máis "política e ideolóxica"
Neste contexto e contrastando tamén notablemente co argumentario co que os populares galegos iniciaron a pasada lexislatura, Feijóo asegura ter a "sensación" de que "isto é máis un problema político e ideolóxico que un porblema dos cidadáns". "E os políticos estamos para resolver os problemas", evidencia, argumento que lle dá pé ao presidente para cargar contra a Generalitat de Catalunya, que plantou o ministro na xuntanza convocada en Madrid para abordar o borrador da lei. "O respecto institucional ningunha administración ten dereito a rompelo", asegura.
Así as cousas, Feijóo amósase tamén "sorprendido" por que "algún dirixente diga que vai recorrer ao Tribunal Constitucional" pola tesoirada ás linguas cooficiais. O TC "xa se pronunciou e di que as dúas linguas teñen que ser vehiculares no ensino", o mesmo, segundo o líder popular, que desexa o ministro Wert. Polo tanto, resolve, "se todos cumprimos o que di a Constitución, o Estatuto e o Tribunal Constitucional", non haberá problemas, conclúe, nun escenario no que, non obstante, obvia aclarar se a propia Xunta fará o propio coa sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o denominado decreto do plurilingüismo.