O CARBALLIÑO
“Baltar, atende, as mulleres non se venden. Dimisión xa” era a pancarta que portaban unha vintena de persoas, a maioría mulleres, na entrada ao primeiro mitin que compartiron o presidente da Deputación e do PP de Ourense, José Manuel Baltar, e o da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, logo de que o primeiro fose denunciado por supostamente ofrecer emprego a cambio de sexo. A protesta foi silenciosa, igual que silencio mantiveron sobre a cuestión os dous protagonistas durante as súas respectivas intervencións. O mitin chegou nunha semana na que a denunciante levou o caso ante un xuíz despois de que a Fiscalía o arquivase por non atopar ningún indicio de delito nas gravacións que achegou, nas que Baltar fachendea de poder cambiar oposicións.
No seu discurso, Feijóo louvou a traxectoria e experiencia política dos cargos do PP en Ourense. Segundo dixo, nas listas electorais do PP hai “xente como os galegos”, “persoas que veñen á política despois dunha longa traxectoria”, en contraposición, ao seu ver, con candidatos doutros partidos que “se presentan para ter eles un mellor futuro”. Segundo o titular da Xunta, “a maioría dos alcaldes do PP de Ourense teñen máis experiencia política” que os candidatos de PSOE, Podemos e Ciudadanos.
O alcalde de Beade, o "franquista" Senén Pousa, no cargo desde 1974, abrázase a Feijóo logo de que este eloxiase a “experiencia” dos rexedores populares de Ourense
Non sabía Feijóo entón que ás portas do auditorio atopábase precisamente o alcalde máis veterano da provincia, o de Beade, Senén Pousa, autodenominado “franquista” e no cargo desde 1974. Feijóo non permaneceu no mitin ata o seu remate xa que, como comentou na súa intervención, tiña que viaxar a Madrid para a celebración do aniversario da Constitución. Á saída do recinto, sen entrar, esperábao Pousa para darlle unha aperta que Feijóo aceptou e intercambiar unhas verbas antes de subir ao coche.
Dentro, Baltar, con menos forza discursiva do que nel é habitual, destacaba a importancia de que “xente de fóra da política se incorpore” ao proxecto do PP para complementar a “experiencia” doutros candidatos populares. Tanto Baltar como Feijóo lembraron ao auditorio do Carballiño que Mariano Rajoy viviu na vila de neno, cando seu pai exerceu de xuíz na comarca, e presentaron o feito como unha proba de que o presidente do Goberno tratará ben a esta vila e a toda Galicia. Porque, segundo dixo Feijóo, Rajoy “leva a Galicia no corazón”.