Feijóo eríxese en adaíl da saída da crise ao son das preferentes

Vista xeral do acto, no Salón dos Reis do Parlamento © Parlamento de Galicia

A comezos de 1990 Manuel Fraga escenificou o seu retorno a Galicia cunha travesía polas rúas de Santiago. Nada máis tomar posesión desprazouse a pé dende o Parlamento ata a Praza do Obradoiro, nun baño de multitudes previo a un acto aínda máis multitudinario. Aquela foi a inauguración dun xeito de conmemorar o inicio do mandato dos presidentes da Xunta que Fraga repetiu tres veces máis e que o socialista Emilio Pérez Touriño reproduciu, con variacións estéticas e sen paseo, en agosto de 2005. O mesmo fixo Alberto Núñez Feijóo en abril de 2009 cando, ao son da rehabilitada Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e en presenza de Mariano Rajoy, escenificou o retorno do PP ao poder nun Obradoiro ateigado. Nada disto aconteceu este sábado. Feijóo tomou posesión no Parlamento e só no Parlamento, nun fugaz acto que tivo como banda sonora, en segundo plano a protesta dos afectados polas preferentes.

Cando, pasadas as once e media da mañá, a maioría dos convidados e convidadas ao acto xa estaban no Pazo do Hórreo unhas duascentas persoas concentrábanse ante el para reclamar que os "ladróns" de Novagalicia Banco lles devolvan os seus aforros "estafados". "Non tedes vergoña!", "non faltan cartos, sobran ladróns!" eran algúns dos berros que se podían escoitar ao paso dos membros do Parlamento e das persoas convidadas, fortemente protexidas por unha banda de antidisturbios. Cando restaban escasos minutos para as doce Feijóo descendeu pola escalinata principal do interior do edificio. Acompañado pola presidenta da Cámara, Pilar Rojo, e pola vicepresidenta do Goberno central, Soraya Sáenz de Santamaría, dispúxose a asumir por segunda vez o cargo de presidente.

"A determinación de Galicia e a miña propia é contribuír á recuperación da nación da que formamos parte e que nos une"

Se a persoa encargada de narrar o acontecido alí fose experta no relato de eventos deportivos podería recorrer ao lugar común de falar dun "partido sen historia". O líder conservador prometeu o cargo ante textos oficiais e simboloxía católica e, vinte e seis minutos despois, xa estaba no vestíbulo recibindo apertas e parabéns. Antes diso pronunciou un brevísimo e ritual discurso no que, como en campaña e igual que no debate de investidura, centrou o seu esforzo en situar o seu Gobenro, con el á fronte, en adaíl da saída da crise. "A determinación de Galicia e a miña propia é contribuír á recuperación da nación da que formamos parte e que nos une", afirmou tras "agradecerlle" ao rei "que asinase o Real Decreto do meu nomeamento".

El, como calquera gobernante, di, "non pode elixir a época na que lle toca gobernar" e por iso, en tempos de dificultades, afirma, fai seus os principios da "Constitución de 1812" no referido á procurar a "felicidade da nación". Por iso, asegura, como xefe do Executivo autonómico tentará "catalizar as virtudes da cidadanía para transformalas en decisións axeitadas", especialmente se estas serven para darlles "esperanza" aos "compatriotas" sen emprego, que "son vítimas dunha situación que non provocaron". 

Feijóo, "integramente galego"

Sáenz de Santamaría recorreu a glosar o caracter "loitador", "tenaz" e "esforzado" do pobo galego

Ante un auditorio maioritariamente formado por membros do PP e no que non sentaba ningún representante de AGE nin do BNG, Feijóo amosouse convencido de que Galicia "é máis forte porque é española e europea" esen que isto implique ser "un país uniformado onde rexe o pensamento único nin unha identidade exclusiva". Esa identidade foi a interpretada glosada por Sáenz de Santamaría no seu discurso, previo ao de Feijóo, no que recorreu a algúns dos lugares comúns sobre o "loitadora" e "tenaz, pero serea e enteira" que é esta "terra", coñecida "no mundo polo esforzo dos seus traballadores e o éxito dos seus emprendedores". Á fronte do Goberno estará alguén que é "integramente galego", di, cunha praxe política enmarcada no convencemento de que "o crecemento económico non nace do levantamento de fronteiras e lindes". Sen "unidade", acrecenta, a "economía española non volverá crear emprego".

O himno galego, interpretado pola cantante Rosa Cedrón e acompañado por unha soa gaita, foi o peche dun acto que seguiron dende as primeiras bancadas, ademais dos pais e a irmá do presidente, a ministra de Fomento, Ana Pastor, os ex presidentes Touriño, Laxe e Albor e tamén a dona de Mariano Rajoy, Elvira Fernández, situada ao carón das principais autoridades malia non ostentar cargo político ningún. Remataron os acordes do himno e Feijóo atendeu innumerables mostras de parabéns. No exterior, baixo a chuvia, duascentas persoas seguían a reclamar a devolución dos seus aforros. "Sabedes que isto é un roubo!", clamaban aos que saían do Pazo do Hórreo.

Feijóo, no intre de prometer o seu cargo © Parlamento de Galicia
Os afectados polas preferentes, no exterior CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.