Feijóo esixe "desculpas" ao PSdeG por instalo a cumprir a lei da CRTVG, aprobada en 2011

Feijóo, durante a sesión de control deste mércores © Parlamento de Galicia

Os medios públicos de comunicación de Galicia, a CRTVG, réxense dende o 17 de decembro de 2011 pola lei aprobada no Parlamento en novembro dese mesmo ano. A norma recibira o visto e prace cos votos do PP e mais do PSdeG -a reforma iniciárase a partir dunha proposta socialista-, pero seis meses despois da súa entrada en vigor xa estaba incumprida en aspectos directamente ligados ao Goberno, como a elaboración do "primeiro mandato marco" da compañía, así como na renovación dos órganos de dirección da empresa pública, entre outros. En 2014 a norma seguía sen desenvolver e a Cámara sacou adiante unha paradoxal proposta tamén formulada polo PSdeG: o "cumprimento inmediato" da lei. En 2017, tras máis de seis anos dende a aprobación, a lei dos medios públicos aínda non se aplica totalmente e os propios socialistas volveron levar á Cámara a esixencia a través do seu voceiro, Xoaquín Fernández Leiceaga, que obtivo como resposta unha esixencia de "desculpas" por parte do presidente da Xunta.

Alberto Núñez Feijóo mostrouse abertamente molesto ante o pleno pola pregunta de Leiceaga, que na súa formulación escrita se refería á "dilixencia do Goberno" no cumprimento "das obrigas derivadas da lexislación autonómica". "É unha tese de falta de concreción", reprochou o presidente despois de que o socialista considerase "especialmente grave" que, de "todas as melloras" incluídas na lei da CRTVG, só se desenvolvese a fusión das tres empresas que a conformaban nunha soa, "a aprobación do mandato marco e a elección do consello de administración". Mentres, censura, séguense a incumprir artigos como o 23 -elección da dirección xeral polo Parlamento-, o 33 e o 36 -contrato programa, estatuto profesional e consello de informativos-, o 39 -referido ao dereito de acceso dos diversos colectivos sociais e políticos-, o 48 -sobre a rendición de contas ao propio Parlamento- ou o 49, que regula a creación dunha autoridade audiovisual independente.

Leiceaga: "Non semella un exceso cumprir unha lei seis anos despois de aprobada, poñámonos a traballar"

"Pasaron seis anos e tiveron varias chamadas de atención", censura Leiceaga, nun contexto no que "esquivar á carta as leis", máis aínda se "son pactadas", acaba "converténdose nun fenómeno que erosiona" a credibilidade dos dirixentes políticos. "Está disposto a cumprir a lei de medios aprobada en 2011?", cuestionou a un incómodo Feijóo, quen se gabou na súa resposta de "avanzar dun xeito importante na CRTVG". "Cando cheguei ao goberno tiña 140 millóns de orzamento e agora ten 90" malia que no remate do Goberno de Fraga tiña un cadro de persoal que "non chegaba a 650" e "cando a recibín tiña máis de 1.400 traballadores", o cal non responde "a unha excelente xestión". Ademais, agrega, "cando cheguei ao goberno" a Televisión de Galicia "era o terceiro canal en audiencia" entre as autonómicas "e hoxe é o primeiro".

Para Leiceaga a resistencia a cumprir "integramente" a lei dos medios públicos ten unha explicación sinxela. O PP, acusa, "non quere perder os instrumentos de control político da información nin aumentar o grao de autonomía dos profesionais". "Fíxese, o comité de empresa vén de asumir as funcións que lle corresponderían ao consello de informativos" previsto na norma incumprida, exemplifica, nun contexto no que non semella "un exceso" que "esixamos cumprir unha lei 6 anos despois" de ser aprobada. "Poñámonos a traballar", reclama Leiceaga, e "saquemos deste Parlamento o compromiso de que, na entrada de 2018, teñamos integramente cumprida a lei de medios".

Feijóo: "Non só non poden reclamar, teñen que pedir desculpas"

Pero a luva lanzada polo voceiro do PSdeG non foi recollida polo presidente. "Sabe que hai unha serie de plantexamentos", retrucou antes de cuestionar previsións da propia lei como a autoridade audiovisual independente. "Nós somos un grupo leal", gábase Feijóo, quen censura que Leiceaga "fale de obxectividade" nos medios públicos cando "non teñen nin obxectividade" no seo do seu partido. "Un pouco de respecto polos plantexamentos", esixe o presidente, quen insta a lembrar "o que pasaba aquí durante o bipartito", cando "os informativos os levaba o PSOE e os programas, o BNG" e resultaba "sorprendente os líos entre os tertulianos duns e doutros". "Cando ía á TVG non mo dicían os nosos, mo dicían os vosos", proclama o xefe do Goberno, quen conclúe que no eido dos medios públicos os socialsitas "non só non poden reclamar", senón que "teñen que pedir desculpas".

Leiceaga, nunha sesión parlamentaria © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.