Feijóo esixe respecto para os andidisturbios: "Non merecen volver feridos de traballar"

Axentes deteñen un dos manifestantes ante o Parlamento Dominio Público Praza Pública

O pasado martes os mariñeiros do cerco e as súas familias que se manifestaban nas inmediacións do Parlamento de Galicia formaban un colectivo humano de arredor dun milleiro de persoas. Unha minoría do grupo decidiu pasar dos berros e as reclamacións á queima de dous colectores do lixo mentres boa parte dos demais traballadores lles recriminaba a súa actitude. Esa queima foi o detonante dunha violenta carga policial que, segundo aseguran múltiples mariñeiros pero tamén testemuñas presenciais alleas ao conflito, incluíu a "caza" de mariñeiros no interior de bares nos que se foran refuxiar, o lanzamento de cando menos unha cadeira dun local de hostalería, o disparo de proxectís de goma e múltiplas lesións, algunhas das cales chegaron a precisar puntos de sutura. Unha batalla campal en toda regra na que, a xuízo do presidente da Xunta, a violencia estivo só dun lado.

Ao remate da rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta Alberto Núñez Feijóo foi cuestionado pola "proporción" desta intervención policial, na que mesmo resultou lesionada unha deputada, e o xefe do Executivo optou por non matizar. Todo o acontecido, afirma, respondeu a unha actuación "de acordo cos protocolos" dos "funcionarios do Corpo Nacional de Policía" e por iso o único que lle cabe é pedir "respecto" para estes axentes antidisturbios, oito dos cales, asegura, resultaron "feridos". "Saír da casa e volver ferido despois de traballar non o merece ningún membro das forzas e corpos de seguridade do Estado", proclama, para respois resumir que o único que "tentaron" facer estes axentes foi "pacificar" un "momento de violencia".

Segundo Feijóo o único que "tentaron" os axentes foi "pacificar"

"Galicia está en contra das botellas, das pedras e das queimas", insiste Feijóo, nun discurso que dá en identificar estes incidentes co conxunto da mobilización. "Pido o sentido común da inmensa maioría dos mariñeiros, que saben de traballar e de sufrir calamidades", xa que o acontecido "non lle outorga máis lexitimidade a alguéns que representan" a "parte" dun "sector que está en contra das botellas, das pedras e das queimas".

Que o sector "se poña de acordo consigo mesmo"

As recomendacións presidenciais para o sector do cerco non se cinguen só aos seus choques coa policía, senón tamén ao propio conflito polo reparto de cotas de pesca. "Sabemos perfectamente cales son os problemas do sector do mar porque é prioritario para o Goberno de Galicia", asegura, xusto antes de recomendarlle a este colectivo profesional que "se poña de acordo consigo mesmo" tras o incremento de cotas acadado na xuntanza dos Estados Costeiros do Atlántico Noroeste celebrada en Londres, no que, destaca, "conseguimos máis dun 100% de cota da que tiñamos en 2013".

Malia ao aumento de cota total, Galicia segue a quedar con apenas a cuarta parte

"Que busquen unha fórmula de reparto: por tripulante, por barco ou en base aos históricos", suxire, obviando que esa referencia "histórica" é, precisamente, a que rexeitan os representantes da maioría dos barcos galegos porque dá como resultado que Euskadi leve case a metade da cota mentres que Galicia fica con apenas unha cuarta parte do total, segundo as táboas feitas públicas polo Ministerio. En calquera caso, conclúe o presidente, "a nosa man sempre estivo tendida". Mentres, tras a asemblea de Portosín, o sector acepta volver reunirse coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, ao dar por aceptadas as súas "desculpas" polo cualificativo de "vándalos" que lles dedicara en días pasados.

Reparto da cota de xarda do cerco tras o acordo do 12 de marzo
  Porcentaxe Toneladas
Cantabria 24,03% 3292
Galicia 24,86% 3406
Euskadi 48,11% 6591
Asturias 3,00% 411
TOTAL 100% 13.700

 

Feijóo, tras o Consello deste xoves © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.