Feijóo fai unhas listas similares ás de 2012 pensando en acadar igualmente o goberno

Goberno de Feijóo ao remate do seu segundo mandato e que continúa igual ao inicio do terceiro Dominio Público Xunta de Galicia

Se nas autonómicas do 25 de setembro Feijóo volve conseguir unha maioría suficiente para formar goberno, boa parte dos deputados que resulten elixidos directamente polos cidadáns nas listas do PP deixarán de selo para dedicarse en exclusiva á Xunta, onde están agora, e os escanos no Parlamento serían ocupados polos seguintes nas lisas, máis ou menos os mesmos deputados que agora. Polo contrario, se o PP pasa á oposición, esta quedaría na Cámara nas mans de quen agora son conselleiros e altos cargos da Xunta, non todos eles experimentados no traballo parlamentario e de partido. Ese será o resultado final das listas electorais presentadas este venres polo PP pero feitas directamente polo propio Feijóo, como el mesmo ten asegurado, que son moi similares ás de 2012 e nas que conselleiros e altos cargos da Xunta copan os postos de saída.

Paula Prado volvería ao Parlamento de Galicia só uns meses despois de ser elixida senadora

Un dos feitos máis significativos das listas populares é a inclusión de Paula Prado no número 7 pola provincia da Coruña. Prado xa era unha figura en ascenso e portavoz do partido ata que a súa implicación no caso Pokémon obrigouna a apartarse. Logo de arquivarse a súa causa, Feijóo recuperou a Prado para a dirección do partido, que a fixo visible en Madrid en faladoiros televisivos, e situouna o pasado decembro no Senado. Coa súa inclusión nun posto tan alto da lista ao Parlamento de Galicia, agora deixaría a Cámara Alta tan só uns meses despois de chegar a ela.

O ex-conselleiro Javier Guerra sae das listas e entra a tamén viguesa Teresa Egerique

Outro feito rechamante é a desaparición das listas do ex-conselleiro de Economía Javier Guerra. O vigués fora recolocado en 2012 no Parlamento logo de ser apartado por Feijóo da consellería, pero agora deixa tamén a Cámara autonómica. Quen entra nun posto de saída, o número 3, é a tamén viguesa Teresa Egerique, cun perfil político incisivo similar ao de Prado e que diversas voces sitúan como unha das persoas clave para o futuro do PP en Vigo, sumido agora nunha crise interna logo do seu afundimento das municipais do ano pasado.

En Lugo vai Raquel Arias malia perder ante Elena Candia a loita pola dirección provincial do PP e en Ourense o presidente do Parlamento ocupa o número 2

En Lugo, malia perder a pugna pola dirección provincial do partido fronte a Elena Candia, Feijóo inclúe no número 3 á súa delegada territorial, Raquel Arias, e dá entrada no número 2 á concelleira lucense Encarna Amigo. Pola súa banda, en Ourense a necesidade de situar nalgunha das catro listas a unha muller como número 1, neste caso á delegada provincial da Xunta, Marisol Díaz, fai que o actual presidente do Parlamento e destacado baltarista, Miguel Santalices, ocupe a segunda posición.

Non hai grandes sorpresas nas listas electorais que o PP presentou este venres, nas que non aparecen colaboradores directos de Feijóo que este puidera deixar colocados no Parlamento en caso de derrota. O máis próximo é o seu director de gabinete, Álvaro Pérez, que xa ía nas listas en 2012 e que deixou o escano que obtivo daquela para seguir desempeñando o posto na Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.