Feijóo gábase das listas de espera cirúrxicas do Sergas, que roldan os 100 días

Feijóo, ao remate do Consello © Ana Varela

O Servizo Galego de Saúde fai públicos os datos das súas listas de agarda cunha periodicidade trimestral. Na súa web é posible consultar as cifras, globais e por hospitais, dende 2005 ata a actualidade. Non obstante, este xoves aínda non estaban dispoñibles os datos correspondentes ao cuatro trimestre de 2012, algo que non impediu que o Consello da Xunta tivese sobre a súa mesa un "informe de situación das listas de espera" correspondente ao conxunto do ano que vén de rematar. Ese documento sérvelle ao presidente, Alberto Núñez Feijóo, para asegurar que "estamos mellorando o rendemento" porque as "patoloxías máis graves" son atendidas "nunha media de 17 días". Os datos que expón o xefe do Goberno galego non están nesa base de datos pública, a cal amosa un panorama bastante máis pesimista.

Explica Feijóo que o seu goberno está "afondando no compromiso de reorientar a lista en función das patoloxías máis urxentes" as que poden derivar en "desenlaces non queridos" e nelas a espera media é de 17,2 días, 16 no caso "dos hospitais titularidade do Sergas". Ese matiz no discurso presidencial non é menor. "Hospitais titularidade do Sergas" é sinónimo de "todos os hospitais agás POVISA", o complexo privado que, en virtude dun concerto coa Xunta, é o hospital de referencia para uns 100.000 pacientes da área de Vigo. Esta empresa privada sanitaria é a mesma que lastra notablemente as listas de espera de toda Galicia ao seren cuantificadas polo método tradicional, cómputo que se publica na web do Sergas. O último dato dispoñible é, polo momento, o do peche de setembro de 2012 e sitúase en case 100 días. Nomeadamente, ao peche do terceiro trimestre en Galicia cumpría agardar 98,9 días para pasar polo quirófano.

A Xunta pon o foco nas "patoloxías máis graves" e non no conxunto das listas

Ese dato de setembro era o máis alto do ano 2012, pero tamén o peor dende que o Feijóo chegou á Xunta. Incrementábase así a agarda rexistrada en xuño, con 80,3 días, tamén a de marzo, con 82,2, e a de decembro de 2011, cando o Instituto Galego de Estatística detallou que a lista de espera cirúrxica acadaba unha media de 83,2 días no conxunto dos hospitais aos que teñen que acudir os e as doentes que dependen do Sergas, isto é, nos hospitais públicos e en POVISA.

Fronte aos 100 días do conxunto do sistema, POVISA pechou setembro con 212,4 días de agarda cirúrxica

Unha ollada aos datos específicos deste centro privado concertado de Vigo permite coñecer por que actúa como verdadeiro lastre para a rede pública. Fronte aos case 100 días de media, POVISA presentaba ao remate de setembro 212,4 días de agarda para operacións cirúrxicas. En xuño o dato tampouco era menor, con 192,7 días, como non o foi en marzo, con 185,4 días, e en decembro de 2011, ano que pechou con 187,3 días de espera media. Teoricamente este lastre debera desaparecer cando entre en funcionamento o novo hospital de Vigo, se ben a oposición parlamentaria vén alertando da posibilidade de que o concerto continúe, xa que a futura Lei de Garantías -segundo a cal a Xunta se comprometerá a operar os pacientes nun máximo de 60 días- incluirá a "libre elección de hospital", abrindo así a porta á permanencia de POVISA no sistema. 

Mentres as listas de POVISA, que mesmo foron investigadas polo Valedor do Pobo, seguen actuando como rémora do sistema público, Feijóo chama a poñer o foco en que "estamos mellorando todos os indicadores, tanto de cirurxía como de consultas" no que a patoloxías graves se refire. "Diminuímos en 23 días" a espera "dos pacientes con patoloxías máis graves" e, no caso das consultas, "a demora media sitúase en 55 días, 10,4 de baixada a respecto do pasado ano". Estes son, en todo caso, datos correspondentes a decembro de 2012 que o público en xeral aínda non pode coñecer de primeira man.

Feijóo, ao remate do Consello © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.