Feijóo lanza a precampaña cun baño de multitudes á vella usanza

Feijóo, nun acto de partido © PPdeG

"Se me preguntan cen veces, cen veces van obter a mesma resposta". "Eu non estou en precampaña". O pasado xoves o presidente da Xunta respondía deste xeito ás cuestións lanzadas polos xornalistas en torno a un posible adianto electoral. "O Goberno ten moito traballo" e é "estable", polo que non cabe falar de adiantos, aseguraba. Pero apenas dous días despois de que Alberto Núñez Feijóo lanzase esta afirmación acompañada dun proverbial "con todos os respectos" a maquinaria e a escenografía de precampaña do PPdeG vén de botar a andar. E fíxoo ao xeito clásico: nun pavillón -neste caso, de Expocoruña- ateigado de simpatizantes populares -5.000, segundo o partido- que celebraron as palabras do seu líder sentados en quilométricas corridas cubertas dun infinito mantel de papel branco ao que nesta ocasión se lle engadiu unha franxa azul e sobre o que desfilaron carne ao caldeiro, empanada e mexillóns, a razón de 18 euros por cabeza. Comprometidos con Galicia, comprometidos con Feijóo, rezaba a convocatoria do acto, organizado pola dirección provincial máis de Feijóo, a da Coruña.

"Comprométome a iniciar o crecemento económico en España", prometeu Feijóo dous días despois de asegurar que "non está en precampaña"

Mentres no resto do Estado ministros e outros dirixentes percorren congresos do partido cun cóctel de defensa das "reformas" e ataque ao PSOE o PPdeG reciclou o lema deses cónclaves -Comprometidos con...- para lanzar unha carreira á reelección na que parte con vantaxe, aínda que menos que hai uns meses e con incómodas e austeras pedras no camiño. Como lle acontecía aos candidatos municipais socialistas en 2011 agora a presenza de líderes estatais, incluído Mariano Rajoy, resta ou polo menos non suma, por iso o titular da Xunta eríxese no seu propio valor máis seguro para lanzar a primeira e ambiciosa promesa dunha precampaña cuxa duración depende só del: "Do mesmo xeito que iniciamos o cambio político en España, comprométome a iniciar o crecemento económico en España", proclamou con solemnidade ao rematar un mitin no que axitou o que se prefigura como un dos seus emblemas electorais: a infusión de precaucións, case de temor, ante a posibilidade do retorno ao poder dunha coalición de PSdeG e BNG.

Feijóo pídelles aos seus militantes que "non permitan que iso volva suceder", que non volvan sentar en San Caetano os socialistas e os seus "cómplices necesarios", o Bloque. Uns e outros representan, segundo o presidente, "frivolidades" e "desgoberno", ademais de "gastar sen control e deixar sen pagar", todo o contrario do seu Executivo, o mesmo que, asegura, fai que "hoxe Galicia se mire como terra de oportunidades. "Do mesmo xeito que empezamos a gañar en Galicia para o resto de España, en Galicia empezaremos a crecer, a saír da crise, a concluír unha sociedade que, mantendo o equilibrio nas súas contas, poida realmente empezar a manter o Estado do Benestar", di. E con esta finalidade "hai que facer o que se teña que facer", aínda que "provoque manifestacións" e "desgasten". E aínda que "custe o que custe", engade, nunha afirmación case idéntica á pronunciada por José Luis Rodríguez Zapatero antes de pór a funcionar a tesoira en 2010. "Os políticos fórxanse na adversidade", ilustra.

Nunha afirmación case idéntica a de Zapatero, Feijóo asegura que "hai que facer o que se teña que facer", "custe o que custe"

Na liña argumental que vén mantendo nas últimas semanas o candidato á reelección debulla un panorama no que a idea central a transmitir é que en Galicia o peor xa pasou. Os acordos de "cada xoves" no Consello da Xunta e o "esforzo dos galegos" xa empezan a "dar froitos", asegura Feijóo. Precisamente por iso o seu Goberno, afirma, "garante os servizos públicos". E sobre Novagalicia Banco? Menos de vinte e catro horas despois de que o Goberno central aprobase a nova reforma financeira e, con ela, achegase un pouco máis a entidade cara ao final da súa aventura, Feijóo pasa por riba do que podería ser un verdadeiro problema electoral. Sen mencionar NCG Banco limítase a reivindicar a necesidade duns "bancos sólidos", que manteñan "seguros" os aforros da cidadanía, que ademais "paguen o que deben", sen "trampas" nos seus balances.

O canto do Cumpleaños feliz para o alcalde de Ribeira, de aniversario, a lembranza a Manuel Fraga, ou a chamada do ex presidente Gerardo Fernández Albor a "defender a civilización occidental, que está en perigo" foron outros dos ingredientes do primeiro acto dunha obra cuxa conclusión moitas quinielas ubican no outono. Tras o sinal de saída preelectoral lanzada este sábado polos populares, o domingo será a quenda do BNG, que iniciará a carreira cara ás urnas do seu candidato, Francisco Jorquera.

Feijóo intervén ante os asistentes ao xantar-mitin © @MPardoV
Asistentes ao acto do PP en Expocoruña © PP Culleredo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.