Trece de marzo. O presidente da Xunta comparece ante o Parlamento no debate anual de política xeral e aborda, entre outros aspectos, a relación de Galicia co Estado. Dous días despois, Alberto Núñez Feijóo acode ao palacio de La Moncloa para manter unha xuntanza con Mariano Rajoy e tratar os asuntos que incumben aos gobernos galego e central. Esa diferenza de corenta e oito horas levou este martes ao PSdeG a solicitar na Xunta de Portavoces no Parlamento que, no vindeiro pleno da Cámara, o presidente "dese conta da súa visita" no lexislativo galego. Pero, "como é habitual", di o voceiro socialista, Abel Losada, a maioría absoluta do PP evitou esta comparecencia. O argumento empregado polos conservadores é, precisamente, que se celebrou o popularmente coñecido como Debate do Estado da Autonomía.
Feijóo, argumenta o voceiro do PP, Pedro Puy, "xa estivo dous días no debate" -interveu só o primeiro- e nel "anunciou as cuestións que está a formular" ante o Goberno central. Por iso, di, nas filas populares non se lle atopa "sentido" a que "se lle pida que volva comparecer" unha semana despois. Ademais, sinala, na formación que sustenta o Goberno "non somos partícipes" de "xogar unha segunda volta dun partido que está gañado", algo que, coida, aconteceu nun debate que "lle saíu moi ben" ao titular da Xunta. "Tamén é certo", conclúe, que a oposición ten "mecanismos para tentar averiguar estas cuestións". "De entrada", di, poderían facelo pola vía das preguntas semanais ao presidente.
Puy rexeita que Feijóo teña que "xogar unha segunda volta dun partido que está gañado"
A claridade que se vislumbra no Grupo Popular non a observan dende o PSdeG nin tampouco dende o BNG. Sinala Abel Losada que na xuntanza entre Rajoy e Feijóo foron tratados "temas dos que non sabemos nada e que son estratéxicos", como o futuro do sistema financeiro galego, do sector naval ou das enerxías renovables. Ademais, di, os socialistas non quedan tranquilos despois de que, sobre Novagalicia Banco, Rajoy se limitase a dicir que sería "interesante" a súa capitalización e "e, en relación coa chegada do AVE, dixeron que era 'ambicioso', polo que abren unha vía máis de atraso. O estado da devolución dos 805 millóns que Feijóo "reclamaba insistentemente" a Zapatero ou o futuro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal son outras das materias que, en opinión de Losada, ben merecen unha comparecencia. Pero Feijóo, di, segue "antepoñendo os intereses partidarios.
Malia non ter os deputados suficientes para solicitar unha comparecencia do presidente, tamén o Bloque a considera necesaria. A xuízo da voceira nacionalista na Cámara, Ana Pontón, é "estraño" que o presidente non detalle no Parlamento "os resultados" dunha entrevista na que, di, amosou a súa "manifesta incapacidade para defender os intereses de Galiza". O titular da Xunta, coida, límitase a "poñer o Goberno galego ao servizo do PP", pero deixa "sen defensa asuntos cruciais" como a reclamación dun dique flotante para Navantia Fene -reclamado por unanimidade na Cámara galega-. "Non lle importa traizoar os intereses deste país" porque está "claramente sometido a unha estratexia do PP", censura Pontón.