Feijóo obvia a EPA e afirma que hai máis mulleres con traballo e menos no paro que cando chegou á presidencia

Pontón entrega a Santalices o informe cos datos de emprego feminino que reflicte a EPA CC-BY-NC-SA BNG

A Enquisa de Poboación Activa (EPA) é o estudo sobre o mercado laboral homologable a nivel internacional. No caso galego é elaborado con datos procedentes do IGE e mais do INE e permite, cada tres meses, obter unha radiografía numérica da poboación con traballo, en situación de desemprego e á procura dun posto de traballo con cifras comparables, por exemplo, coas que Eurostat ofrece para o conxunto da Unión Europea. Os datos máis recentes da EPA, de finais de 2017, reflicten unha aceleración no ritmo de redución do paro -ata as 182.100 persoas- pero, no entanto, tamén unha ralentización na creación de emprego.

Eses datos da EPA de 2017 estiveron este mércores sobre a mesa na sesión de control ao presidente da Xunta. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esgrimiunos no marco dunha pregunta sobre políticas de igualdade de xénero para facer ver que as cifras de paro feminino están aínda por riba das de 2009 mentres que o número de mulleres con traballo está por baixo. Alberto Núñez Feijóo retrucou a esas cifras acusando a Pontón de "non estar afortunada en ningún dato" e mesmo de "non distinguir as subidas das baixadas e as sumas das restas". "Como é posible que diga que sobe cando o paro feminino baixa?", cuestionouna antes de afirmar, en referencia a unha visita de escolares presentes na sesión, que "nos institutos" xa se "leva aprendido dende Primaria" a diferenza entre sumas e restas.

Feijóo acusa a Pontón de "non distinguir as sumas das restas" por afirmar que na actualidade a EPA reflicte máis mulleres paradas e menos ocupadas que no ano 2009

Pero, cal foi realmente a evolución da EPA no que atinxe ás mulleres dende que Feijóo foi elixido presidente polo Parlamento o 16 de abril de 2009? O dato correspondente a ese momento, o do segundo trimestre do ano, indicaba que estaban en situación de desemprego unhas 81.200 mulleres e 527.300 tiñan un posto de traballo. A EPA máis recente, a de finais de 2017, reflicte 23.200 ocupadas menos e 9.300 paradas máis.

O actual número de mulleres ocupadas segue a ser igualmente menor e o de paradas, maior que o de 2009, se os datos son comparados cos do primeiro trimestre daquel ano, cando se celebraron as eleccións nas que o PPdeG logrou a maioría absoluta fronte a PSdeG e BNG. O mesmo sucede cos do terceiro trimestre, o primeiro completo co PP de volta na Xunta. Nos primeiros tres meses daquel ano a EPA reflectía 11.600 paradas menos e 27.500 ocupadas máis que na fin de 2017. No terceiro trimestre de 2009, do mesmo xeito, había segundo a EPA 11.000 mulleres menos no paro que na actualidade e estaban a traballar 19.000 mulleres máis.

Atendendo a estes datos Pontón instou o presidente a deixar de "torturar" as estatísticas e, ao tempo, de "difamar alegremente en cada sesión de control", neste caso acusándoa de manipular as cifras da EPA. Por este motivo a líder do Bloque entregoulle ao presidente da Cámara, Miguel Santalices, un informe coas principais magnitudes da Enquisa de Poboación Activa facendo uso do artigo do Regulamento que permite facelo, aínda que esta achega suscitou protestas entre a bancada do PPdeG.

A diferenza co paro rexistrado

As afirmacións de Feijóo a respecto do menor paro feminino e maior número de mulleres a traballar que en 2009 si se corresponderían coa realidade, no entanto, se as cifras comparadas son as do paro rexistrado, que mide o número de persoas inscritas como demandantes nas oficinas de emprego, e coas do número de mulleres a cotizar á Seguridade Social. Neste caso, as mulleres inscritas nas oficinas de emprego son unhas 10.000 menos que cando Feijóo tomou posesión como presidente por primeira vez e a cifra media de cotizantes está 7.800 por riba.

Feijóo regresa deste xeito ao argumentario que xa empregara de xeito habitual nos meses do ano 2014 en que o desemprego en termos EPA acadou o seu maior volume de toda a crise. Naquela altura o presidente da Xunta desdeñou este estudo porque, considerou, o número de persoas sen traballo "non se obtén dunha enquisa". Neste sentido, considerara máis fiables as cifras do paro rexistrado porque, argumentara, as persoas anotadas nas oficinas de emprego son as que demostran "interese" por atopar un posto de traballo. No entanto, as cifras do propio Servizo Público de Emprego acreditan que apenas un 1% da poboación anotada logra un traballo grazas unha oferta destas oficinas públicas.

Feijóo, durante a sesión de control deste mércores © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.