Foron dous dos brancos máis habituais da oposición parlamentaria. A derrogación do decreto do galego no ensino, os recortes de orzamento, os agrupamentos escolares, a instauración dunha clave para deixar de computar persoas desempregadas... Son só algunhas das medidas máis controvertidas de Beatriz Mato e Jesús Vázquez, conselleira de Traballo e conselleiro de Educación e, dende este venres, cabezas de cartel do PPdeG pola Coruña e Ourense, respectivamente. Dous días antes de que remate o prazo legal e nas horas previas a que Alberto Núñez Feijóo emprenda unha viaxe de dous días a Sudamérica os conservadores galegos puxeron en escena as súas listas para os comicios do 21 outubro, unhas candidaturas máis semellantes ás derradeiras de Fraga que ás primeiras do actual presidente: con poucos nomes descoñecidos e inzadas de altos cargos da Xunta.
O Goberno galego en pleno agás a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, copa os primeiros postos dunhas candidaturas nas que a nómina de cabezas de cartel se completa co propio Feijóo por Pontevedra e a ata este xoves delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias. O titular de Industria, Javier Guerra, sitúase no número tres da lista pontevedresa, xusto por tras de Alfonso Rueda, número dous, e por diante da actual presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, e da conselleira de Facenda, Elena Muñoz. Máis abaixo, no número seis está o conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández. Na candidatura coruñesa ubícase como número dous a responsable de Medio Rural, Rosa Quintana. Da segunda fila da Administración autonómica veñen membros das listas como a xa ex directora xeral de Comercio, Nava Castro -número 9 por Pontevedra-, a acabada de cesar delegada da Coruña, Belén do Campo, ou o que foi director xeral do gabinete do presidente, Álvaro Pérez, número dez na candidatura coruñesa.
O Goberno en pleno, agás a conselleira de Sanidade, copa os primeiros postos das candidaturas
Mentres no resto de formacións políticas xa se interpreta a composición das listas populares como un síntoma de temor a perder o Goberno, un "sálvese quen poida" para asegurarlles o escano no Parlamento aos actuais altos cargos en caso de derrota, a explicación de Feijóo é ben diferente. Ante os seus candidatos e candidatas, reunidos na pista deportiva na que xoga os seus partidos o Obradoiro para realizar unha foto de familia, o aspirante á reelección asegurou que o PP presenta ás eleccións "un goberno" porque a alternativa é "unha Xunta desgobernada" e caracterizada polas "discusións" e os "repartos" de poder.
Coa crítica especialmente centrada no nacionalismo Feijóo chama a apoiar as súas candidaturas porque "hai outras listas", pero nelas "non saben onde están os conselleiros" nin "saben que xestión económica farían" porque "non saben" a quen lle correspondería xestionar a área económica do Goberno. "Galicia é libre e bilingüe", proclama o líder conservador, e se non goberna o PP os galegos "descoñecen cal dos tres partidos nacionalistas organizaría Diadas nacionalistas que envexan". Se o seu partido recunca, proclama, Galicia seguirá sendo "noticia polo que fai" e non "por leas que a ninguén lle interesan".