Feijóo prepara o terreo para que o Estado poida intervir as contas de Galicia

Feijóo, nun recente Consello da Xunta © Xunta

Vinte e cinco de abril de 2012. A oposición cuestiona o presidente da Xunta polo incremento das taxas universitarias e, en xeral, polas finanzas da comunidade autónoma e a xestión das competencias propias na materia. Nun ton sensiblemente airado Alberto Núñez Feijóo retruca que o mellor xeito de "garantir o autogoberno" é "manter unha comunidade autónoma que paga, manter unha comunidade autónoma solvente e non ser, en ningún caso, unha comunidade autónoma que poida ser intervida polo Goberno de España". "Galicia é a comunidade máis solvente" e por iso reclamáballe á daquela voceira do BNG, Ana Pontón, que "apoiase un goberno responsable que blinda non só os servizos públicos, senón que blinda o autogoberno de Galicia". Esa firmeza semella estar agora en cuestión, a xulgar polas verbas do propio líder popular.

Vinte e nove de agosto de 2012. Feijóo protagoniza en Ribeira un dos seus primeiros actos públicos tras facer público o adianto das eleccións ao 21 de outubro. A Generalitat de Catalunya viña de solicitar o acceso ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), isto é, viña e pedir o rescate financeiro por parte do Estado a cambio de ceder parte do control sobre a súa autonomía financeira. "Hoxe Galicia paga e Catalunya pide", sentenciou ante a prensa. "Galicia vai seguir sendo a comunidade máis solvente de España" e iso é "a maior garantía de autogoberno dunha administración". Galicia, explicaba, "nin pediu un euro dos primeiros 35.000 millóns que puxo á diposición o Ministerio de Economía nin agora necesita cartos para seguir traballando". En definitiva, resumía, "Galicia non vai ser rescatada".

"Galicia é a comunidade máis autónoma de España", repetiu Feijóo en campaña electoral

Dezanove de outubro de 2012. Faltan dous días para as eleccións e Feijóo protagoniza un acto de campaña na Coruña. "Galicia é a comunidade máis autónoma de España", asegurou. Isto sucedía porque "non necesita as axudas do Goberno de España". E esta circunstancia producíase, entre outros aspectos, porque o seu Goberno "non gasta máis do que ten" e fixo "máis con menos", repetía. As premisas lanzadas neste acto da Coruña e en todos os anteriores comezan xa a mudar. O presidente segue a rexeitar nominalmente que Galicia vaia ser rescatada e séguese a erixir a si mesmo en referente da "anticipación" para evitar a intervención e a perda de autogoberno. Pero isto sucede só nominalmente.

O pasado martes Feijóo acudiu a unha entrevista en Radio Nacional de España e, malia á amabilidade do diálogo radiofónico, si foi interpelado pola posibilidade de que a Xunta acuda finalmente ao FLA, como semella que desexa o Goberno central para así ter baixo control financeiro a práctica totalidade das autononomías. "Galicia non acudiu nin aos créditos ICO" para o pagamento a provedores "nin ao fondo de liquidez" e iso "é bo para España", explicou. "No ano 13 vostede me pregunta se imos acudir" a este fondo. E, acudiremos? "Veremos en 2013 o que pode ofrecer o mercado [de débeda pública] e o que pode ofrecer o Tesouro [en referencia ao FLA]". "Se o Tesouro ofrece condicións mellores de financiamento que os créditos do mercado, non temos ningún interese en darlles a gañar aos bancos ou ao mercado de capitais". Isto é, a porta queda aberta para o recurso ao FLA e, polo tanto, para a intervención.

"Se o Tesouro ofrece condicións mellores de financiamento, non temos ningún interese en darlles a gañar aos bancos"

Con todo, dialecticamente o xefe do Goberno nada e garda a roupa. É posible que o seu Executivo pida cartos do FLA pero "non estamos no suposto do Fondo de Liquidez" como si están as autonomías "que tiñan problemas para amortizar os créditos e para colocar a débeda do exercicio corrente". Este ano as "necesidades de débeda son a metade que en 2012", explica. Daquela o Estado "autorizounos uns 800 millóns de débeda nova e en 2013 imos emitir entre os 450 e os 600". Non obstante, dos Orzamentos da Xunta sairán máis de 1.000 millóns de euros para endebedamento, dos cales máis de 200 son para pagar xuros.

Un férreo control por parte do Estado

"Eu non quero aquí aos homes de negro", proclamou Feijóo durante o debate de investidura

Pero, que sucede se a Xunta acode ao FLA? Segundo as condicións do Real decreto lei de medidas de liquides das administracións públicas, "no prazo de quince días dende a aprobación do acordo" de acceso ao fondo, o Goberno galego debería "presentar e acordar co Ministerio de Facenda un plan de axuste que asegure o cumprimento dos obxectivos de estabilidade e débeda pública" e a propia devolución dos cartos que se pidan. Unha vez remitida a documentación inicial, "nos primeiros cinco días hábiles de cada mes, a comunidade autónoma enviaralle" ao Ministerio "as actualizacións que correspondan" e, ademais, o Goberno central debe ter "acceso" a toda a información financeira da autononomía e o incumprimento dos recortes previstos "darán lugar á inadmisión da adhesión ao mecanismo" e, polo tanto, non chegarían os cartos a Galicia. En resumidas contas, isto implicaría o incumprimento da promesa lanzada por Feijóo no seu debate de investidura: "eu non quero aquí aos homes de negro", afirmou dende a tribuna parlamentaria.

Isto sucedería nun contexto no que a débeda pública da comunidade autónoma incrementou en practicamente un 100% dende o ano 2009. Mentres o déficit público se mantiña controlado, o endebedamento foi galopante e chegou aos 7.662 millóns de euros a finais do terceiro trimestre de 2012, segundo datos do Banco de España. Isto implicou tamén o incremento da dotación orzamentaria das partidas de débeda pública e, tal e como vén informando Praza Pública,  nas derradeiras contas elaboradas polo bipartito, as de 2009, estaban reservados para a débeda 393,04 millóns de euros, o que implica que o incremento da súa dotación orzamentaria ata 2013 foi do 182%., cando chega a 1.110,9 millóns.

Feijóo, nun recente Consello da Xunta © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.