Foi un dos debates centrais da campaña. Un triunfo de Alberto Núñez Feijóo seríao tamén de Mariano Rajoy e un reforzamento da maioría absoluta conservadora en Galicia, un aval para a política do Goberno central. Así se formulaba dende todas as latitudes políticas menos, precisamente, as do PP. Ata a noite electoral. Feijóo saíu á sala de prensa da sede autonómica do PP -convertida este domingo en auditorio para dirixentes e militantes, sen prensa- para, entre aplausos, situar o seu triunfo, "claro" e "limpo", como un soporte para Rajoy e os seus recortes.
"Se os cidadáns non entendesen que, a pesar das dificultades, malia aos esforzos, se está gobernando con responsabilidade e conforme ao interese xeral" dende La Moncloa, "esta vitoria sería imposible". Dende Compostela Feijóo lanza unha lembranza para Rajoy, como en 2009 lle lanzou un salvavidas nun dos seus peores momentos internos. "Ter un goberno responsable en España axudou a aumentar a confianza das galegas e dos galegos" no PPdeG, asegura.
"Servindo os intereses dos cidadáns galegos estamos servindo os intereses de España"
Despois de asegurar, tras depositar o seu sufraxio, que "o partido" se xogaba en Galicia e o resultado, polo tanto, cumpría lelo só en clave galega, Feijóo muda a letra e a música do seu discurso e, nun treito, tamén o idioma. O líder conservador optou polo castelán para, en clave estatal, explicar que "hai quen pensa que avanzar é separarse" pero "avanzar é adiantarse". Por iso, asegura, o seu "obxectivo" de aquí a 2016 será "que Galicia siga por diante" e "servir os intereses dos seus cidadáns". Porque "servindo os intereses" dos cidadáns galegos "estamos servindo os intereses xerais de España". "O que é bo para España é bo para Galicia".
Feijóo e o resto de dirixentes populares celebraron o veredito das urnas evitando a euforia, reservada para a festa organizada polo partido nun hotel compostelán. O actual presidente en funcións -serao ata que sexa investido de novo- cre que o resultado que lle outorgaron "os donos de Galicia" son "un valor engadido cando máis difícil é a situación" e por iso "traballaremos cada día para estar á altura das circunstancias". Fuxindo da dureza da campaña o popular bota man da fórmula da promesa de "gobernar para todos" engadíndolle que centrará "especialmente" o seu labor "nas persoas que sofren o paro" e en quen "sofre especialmente as incertezas e as dificultades". "Eles son os primeiros aos que me debo", afirma.
Feijóo atesoura agora un poder que só Fraga logrou en Galicia
Coa ministra de Fomento, Ana Pastor, como única dirixente estatal do partido desprazada en Compostela Feijóo desprazarase este luns, como hai catro anos, a proclamar a súa vitoria ante a cúpula do PP en Madrid. Inicia mandato "sen pactos ocultos", cunha oposición en reconstrución e asegurando ter obtido un maior caudal de confianza malia aos 150.000 votos perdidos. Os seu primeiro mandato en San Caetano "pagou a pena", conclúe Feijóo e agora "todas as mañás" dedicarase a "interpretar o que Galicia quere", algo que "sen o presidente Fraga non sería posible", referencia a Fraga que encheu a sede popular de ovacións e que estará moi presente na lexislatura que comeza. Non en van, Feijóo atesoura agora un poder que só logrou en Galicia o falecido patrón popular.